Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Martes 13°
Mércores 14°
10°
Xoves 15°
12°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. 2018
  3. Maio

Maio 2018

31Mai 2018

Presentación do libro “Pardines. Cando ETA empezou a matar”, o día 6 no salón de actos da Casa do Pescador

O vindeiro 7 de xuño de 2018 cumpriranse 50 anos do asasinato do garda civil José Antonio Pardines Arcay, primeira vítima da banda terrorista ETA, na localidade guispuscoana de Aduna. O axente tiña 25 anos e era orixinario de Malpica de Bergantiños, onde está soterrado.

Con motivo deste aniversario, a Fundación Centro para la Memoria de las Víctimas del Terrorismo (FCMVT), adscrita ao Ministerio del Interior, en colaboración coa Xunta de Galicia, pon en marcha en Galicia diversas iniciativas en recordo da memoria de Pardines e para que sirvan de reflexión sobre o a actividade criminal de ETA.

Entre as iniciativas impulsadas arredor deste aniversario inclúese a publicación do libro Pardines. Cando ETA empezou a matar, que será presentado o 6 de xuño, ás 20:00 horas, na Casa do Pescador de Malpica de Bergantiños, municipio natal de Pardines.
Na presentación da obra intervirán:
• A Xunta de Galicia.
• O Concello de Malpica de Bergantiños.
• A familia de Antonio Pardines (representada por un irmán).
• Gaizka Fernández Soldevilla, un dos coordinadores da obra e representante do Centro para la Memoria de las Víctimas del Terrorismo.
Javier Marrodán, profesor de la Universidad de Navarra e un dos coautores del libro

Distribuiranse exemplares do libro entre as persoas asistentes.

PARDINES. CANDO ETA EMPEZOU A MATAR

PORTADA LIBRO

A publicación Pardines. Cando ETA empezou a matar convida, a partir da exposición de feitos e testemuñas, á análise e reflexión ao redor da historia terrorista durante un período de máis de 40 anos: desde 1968, data do primeiro atentado, ata o anuncio do cese definitivo da actividade armada, no ano 2011.

O volume, que ofrece unha compilación bibliográfica coa que tamén se pretende facer fincapé no valor da paz e da convivencia no seo da sociedade, conta cun prólogo do autor de Patria, Fernando Aramburu, e con introdución a cargo de Florencio Domínguez Iribarren, director do Centro para la Memoria das Víctimas do Terrorismo. Este último é o coordinador da obra, xunto con Gaizka Fernández Soldevilla.

O libro, que foi traducido ao galego coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, está distribuído en 10 capítulos, realizados por 12 destacados especialistas no ámbito do terrorismo: Juan Avilés Farré, Santiago de Pablo, Gaizka Fernández Soldevilla, Raúl López Romo, Juan Antonio Pérez Pérez, Javier Gómez Calvo, Jesús Casquete, Óscar Jaime Jiménez, Roscesvalles Labiano JuanGarcía, Javier Marrodán Ciordia, María Jiménez Ramos e José María Ruiz Soroa.

29Mai 2018

A APROGC organiza unha serie de actos en lembranza de José Antonio Pardines Arcay, primeiro garda civil asasinado por ETA

Fotograf’a de archivo del guardia civil JosŽ Pardines Arcay, primera v’ctima de ETA, asesinado en 1968, a quien el Consejo de Ministros ha concedido hoy, a t’tulo postumo, junto a otras veinte v’ctimas del terrorismo, la Gran Cruz de la Real Orden de Reconocimiento Civil. EFE/ARCHIVO

A Asociación PRO Guardia Civil (APROGC) ten programados para primeiros de xuño unha serie de actos, tanto na Coruña coma en Malpica, con motivo do 50º aniversario do asasinato de José Antonio Pardines Arcay _primeiro garda civil vítima de ETA_, que tivo lugar o 7 de xuño de 1968 en Villabona (Guipúzcoa).

O actos comezarán o día 4, ás 19 horas, na Coruña coa charla-coloquio Pardines, principio e fin de ETA. 50 anos de loita pola liberdade, que estará modera polo xuíz José Antonio Vázquez Taín e que contará coa participación do director do Centro Memorial das Vítimas do Terrorismo, Florencio Dominguez Iribarren; o coronel xefe da Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil, Manuel Sánchez Corbí, e o xornalista Gonzalo Araluce.

O día 5 os actos trasladaranse a Malpica. Comezarán ás 11.00 horas cunha misa funeral polo garda José Antonio Pardines na igrexa parroquial. A continuación realizarase unha ofrenda floral na súa tumba, e para as 13.00 horas está prevista a inauguración dun monólito na súa memoria na praza de Anselmo Villar Amigo.

28Mai 2018

O Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas reivindica Malpica como lugar de referencia para a cultura galega

28052018 poesia_erotica (3)

O Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas non só é único en Galicia, senón que co paso do tempo tense convertido nun premio de referencia. Tanto é así que, segundo anunciou o presidente da Asociación Cultural Caldeirón, Francisco Quiroga (Paco de Tano), na presentación desta 13ª edición, desde Allariz interesáronse este ano en reservarlle un espazo dentro do seu prestixioso Festival Internacional de Xardíns.

Caldeirón volve a contar unha vez máis coa colaboración do Concello e Malpica na organización do certame. “Despois de 13 anos vai a máis, o cal quere dicir que acertamos, e creo que está máis ca consolidado”, manifestou o alcalde, Eduardo Parga. Ademais de expresar o agradecemento do Concello a Caldeirón pola iniciativa, o alcalde convidou á participación e tivo palabras de lembranza para Paco Souto, que foi un dos principais impulsores do premio. “Hai unha persoa que nos falta, pero que segue estando con nós e hoxe estaría contento de ver que isto segue”, engadiu Eduardo Parga.

Pero o Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas non é só un premio literario, senón que contribúe, en palabras de Paco de Tano, “a facer marca Malpica”. Con esa mesma intención, a Asociación Cultural Caldeirón volve a contar co apoio do Concello de Malpica, e neste caso tamén da Asociación Cultural Malante, para a organización doutro evento que tamén reivindica Malpica como lugar de referencia para a cultura galega: a I Feira do Libro de Poesía “Paco Souto”, que se celebrará do 1 de 3 de xuño no Mercado Municipal.

“É unha iniciativa que tiñamos pendente desde hai tempo, pero se hai vontade e o Concello colabora as cousas son máis sinxelas”, sinalou o presidente de Caldeirón. Neste caso, ademais, tamén se pretende dinamizar o Mercado Municipal e “darlle un pulo”, ademais de involucrar á hostalaría, porque “se a xente non vai á poesía, a poesía ten que ir á xente”, engadiu Paco de Tano.

Librerías e editoriais teñen expresado xa a súa intención de participar na iniciativa, que reunirá a nomes da cultura galega tan destacados coma Eduardo Estévez, Marta da Costa, Xurxo Souto, Rosalía Fernández Rial, Carlos Lourenzo ou Ricardo Seixo, a artistas plásticos e a entidades e persoeiros locais coma a Asociación Cultural Malante ou Andrés Mourente. “En Malpica poderiamos ser todos poetas, porque Malpica é unha poesía en si. Polo tanto, é normal facer unha feira da poesía e seguir facendo marca Malpica”, asegurou Paco e Tano.

Bases do Certame de Poesía Erótica e premiados
O prazo de participación no Certame de Poesía Erótica está aberto ata o 30 de setembro. Os interesados poden enviar as súas obras ao Concello de Malpica (Avda. Emilio González López, 1-15113 Malpica de Bergantiños), indicando no sobre “XIII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas”. O fallo farase público coincidindo coa Cea das Letras, en novembro, e na que tamén se fará a presentación pública da obra gañadora na pasada edición. O Concello de Malpica financia a edición da obra gañadora e o premio, dotado con 1.000 euros. Consulta as bases completas aquí: BASES XIII CERTAME DE POESIA EROTICA ILLAS SISARGAS 2018

Relación de gañadores das edicións anteriores:

  1. “Arredor do teu corpo”, Antonio García Teijeiro
  2. “Baile Átha Cliath”, Alberte Momán
  3. “Xoguetes póstumos”, Enma Pedreira
  4. “Rúa da cancela”, Eli Ríos e Eduardo Estévez
  5. “Amantes”, María Lado
  6. “Carnia Haikai”, Elvira Riveiro
  7. “Chamádeme Eva”, Mercedes Leobalde
  8. “Dominio público”, Ramón Neto
  9. “O episodio”, Verónica Martínez Delgado e Alberte Momán
  10. “A razón do perverso”, Mário J. Herrero Valeiro
  11. “O home invisíbel”, Xabier Queipo
  12. “Diáspora de amor balea”, Andrea Nunes Brións e María Rosendo
25Mai 2018

O Concello de Malpica conmemorará o 70º aniversario das dúas visitas ornitolóxicas de Francisco Bernis ás illas Sisargas

BERNIS NAS SISARGAS CARTEL

Nos meses de febreiro e xuño de 1948, o doutor en Zooloxía e fundador da Sociedade Española de Ornitoloxía SEO/BirdLife Francisco Bernis Madrazo realizou sendas visitas ornitolóxicas ao arquipélago das Sisargas. Tras ese traballo de campo, publicou dous artigos no Boletín de la Real Sociedad Español de Historia Natural que son considerados estudos ornitolóxicos pioneiros sobre estas illas. Agora, dentro da colección Costa da Morte de Edicións Embora, o divulgador ambiental Antonio Sandoval e o divulgador cultural Xosé Manuel Varela rescatan nun libro pensado para público xeral ambos textos acompañados dun manuscrito coas notas de campo nas Sisargas do propio Francisco Bernis.

Pero a reedición do libro non será a única actividade de homenaxe nesta data cando xusto se cumpren xusto 70 anos desas dúas visitas de Bernis ás Sisargas. Así, o Concello de Malpica de Bergantiños organizou para o domingo 3 de xuño uns actos conmemorativos para un persoeiro que colocou nun lugar importante a Malpica de Bergantiños dentro do mapa da ornitoloxía española.

A xornada abrirase de mañá cun percorrido turístico na que participarán as dúas fillas de Francisco Bernis, Carmen e Cristina Bernis Carro, acompañadas de Eduardo Parga, Antonio Sandoval e Xosé Manuel Varela. Nel visitarán a vila oleira de Buño, a contorna do faro Nariga e rematarán na cabo Santo Hadrián para contemplar de primeira man as Sisargas como espazo de traballo de seu pai.

Ás cinco da tarde, no salón de actos da Casa do Pescador desenvolverase o principal acto institucional de conmemoración deste «70 aniversario de Francisco Bernis nas Sisargas». Iniciarase coa presentación do libro «Francisco Bernis, Las islas Sisargas en 1948. Dos visitas ornitológicas». Na mesa de presentación, presidida polo alcalde de Malpica de Bergantiños, Eduardo Parga Veiga, participarán os editores do libro, Xosé Manuel Varela Varela e Antonio Sandoval Rey; Ramón Martí Montes, director de desarrollo institucional da Sociedad Española de Ornitología SEO/BirdLife; Álvaro Barros López, vogal da Sociedade Galega de Ornitoloxía; e Carmen e Cristina Bernis Carro.

Os actos pecharanse coa entrega de agasallos institucionais conmemorativos deste aniversario á familia de Bernis de man do máximo mandatario malpicán, Eduardo Parga Veiga.

24Mai 2018

O Concello de Malpica participa na campaña “Quere o teu mercado” co sorteo dun lote de pezas de Olería de Buño

O de Malpica é un dos numerosos mercados galegos que participan na campaña internacional “Quere o teu mercado”, coa que se pretende apoiar, promocionar e visibilizar o papel dos mercados nas vilas, fomentando así a compra do produto local e a profesionalidade dos praceiros e praceiras. En Galicia a campaña está promovida pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Xunta, e desenvólvese arredor do 27 de maio, Día do Mercado.

CAMPAÑA mercado

O Concello de Malpica e as praceiras e praceiros súmanse á iniciativa cunha campaña que se levará a cabo dende ata o 26 de maio, e que rematará co sorteo de cinco pezas tradicionais da nosa Olería de Buño. Con cada compra, os clientes dos postos do mercado recibirán un boleto, que deberán cubrir cos seus datos persoais e depositar nunha urna situada na entrada do edificio. O sorteo celebrarase o día 26, ás 12 horas, no propio mercado.

O Concello de Malpica anima aos veciños e veciñas a facer as súas compras no mercado municipal, onde atoparán produtos frescos, de calidade e da nosa contorna, favorecendo así a produción de proximidade e a economía local. E ademais, ata o 26 de maio, a túa compra pode ter premio. Participa e sorte!

16Mai 2018

O programa de envellecemento activo do Concello de Malpica aposta este ano polas actividades ao aire libre

15052018 envellecemento_malpica (2)

Inauguración en Malpica

Xa está en marcha un novo programa de envellecemento activo promovido pola Concellería de Servizos Sociais e impartido pola empresa Máis Porvir. Un total de 50 persoas, repartidas entre Malpica e Buño, participan nunha iniciativa que goza de gran aceptación e que, a medida que van desenvolvéndose edicións, vai incorporando novas propostas a petición dos/as participantes. Este ano, de feito, amplíase a oferta de actividades ao aire libre, incluíndo, por exemplo, xogos populares ou unha ruta de sendeirismo ata a ermida do Santo Hadrián.

Os detalles do programa que se desenvolverá durante máis dun mes déronos a coñecer a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín, e a xerente de Máis Porvir, Sandra Caamaño. Tamén asistiron aos actos de apertura o concelleiro Miguel Fernández e o alcalde, Eduardo Parga, que convidou aos participantes a desfrutar das actividades programadas e aproveitar para aprender cousas novas, xa que tamén están previstos talleres como o de decoración de vidro.

A Concellería de Servizos Sociais de Malpica aposta un ano máis por una actividade que potencia a autonomía persoal das persoas maiores, favorece a súa socialización e fomenta a súa participación social.

15052018 envellecemento_buño (2)

Asisitentes ao acto de apertura en Buño

As actividades desenvolveranse ata o 21 de xuño todos os martes e xoves, na Casa do Oleiro de Buño de 16.00 a 18.00 horas e no Centro Cívico de Malpica de 18.15 a 20.15. As persoas participantes traballarán a estimulación cognitiva e a psicomotricidade a través de actividades coma musicoterapia, pilates, xogos de palabras, sendeirismo, decoración de vidro, xogos ao aire libre ou termalismo, que é unha das propostas que goza de maior aceptación. O programa rematará cunha festa de clausura e a entrega de diplomas.

8Mai 2018

O Concello de Malpica pon en marcha un novo programa de envellecemento activo para maiores de 60 anos

envellecemento activo

A Concellería de Servizos Sociais de Malpica aposta un ano máis por una actividade que potencia a autonomía persoal das persoas maiores, favorece a súa socialización e fomenta a súa participación social. Trátase do programa de envellecemento activo, unha alternativa lúdica, dinámica e formativa dirixida ás persoas maiores de 60 anos.

O prazo de inscrición estará aberto desde o 9 ata o 14 de maio ou ata cubrir prazas. Dada a boa acollida da iniciativa en anos anteriores e dado que as prazas son limitadas, a asignación realizarase por rigorosa orde de solicitude. Os/as interesados/as poden pasar polo Departamento de Servizos Sociais (Centro Cívico) ou chamar ao número de teléfono 981 720 280.

As actividades desenvolveranse desde o 15 de maio ata o 21 de xuño todos os martes e xoves, na Casa do Oleiro de Buño de 16.00 a 18.00 horas e no Centro Cívico de Malpica de 18.15 a 20.15. As persoas participantes traballarán a estimulación cognitiva e a psicomotricidade a través de actividades coma musicoterapia, pilates, xogos de palabras, sendeirismo, decoración de vidro, xogos ao aire libre ou termalismo, que é unha das propostas que goza de maior aceptación. O programa rematará cunha festa de clausura e a entrega de diplomas. O programa completo pode consultarse no documento adxunto.

Desde a área que dirixe Marisol Blanco preténdese previr o deterioro cognitivo a través de exercicios prácticos, favorecendo así a autonomía persoal; ofrecer estratexias para un envellecemento feliz, para a mellora das relacións persoais e sociais de xeito que se optimicen as relacións das persoas participantes no obradoiro co seu entorno; aprender novas formas de comunicación e participación a través das TIC’s, previr o deterioro físico e ensinar unha serie de exercicios sinxelos para o mantemento físico que as persoas participantes poidan reproducir con facilidade no seu fogar, realizar pequenos traballos manuais cos que estimular e mellorar a coordinación motora fina, fomentar o consumo saudable ou dar a coñecer os beneficios da lectura para manter a mente activa.

PROGRAMA_ENVELLECEMENTO_ACTIVO_2018