Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Martes 13°
Mércores 14°
10°
Xoves 15°
12°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. 2018
  3. Febreiro

Febreiro 2018

23Feb 2018

O goberno municipal de Malpica aborda co vicepresidente da Xunta distintas necesidades do noso concello

20180214RuedaAlcaldeMalpica1

Entrevista con Alfonso Rueda

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga Veiga, e o primeiro tenente de alcalde, Miguel Fernández, mantiveron unha xuntanza co vicepresidente da Xunta de Galicia para trasladarlle distintas necesidades do noso concello. Alfonso Rueda, que tamén é conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, amosouse receptivo ás propostas dos representantes do goberno malpicán, relacionadas, fundamentalmente, coa mellora de instalacións municipais e do servizo de Protección Civil.

16Feb 2018

O Concello de Malpica leva investidos nos últimos meses máis de 140.000 euros na ETAP para mellorar o abastecemento de auga

ETAP (2)

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga Veiga, xestionou coa Xunta de Galicia un investimento de 57.995 euros que se destinaron á renovación de bombas na estación de tratamento de auga potable (ETAP). As bombas xa están en funcionamento, como puideron comprobar o propio alcalde e o concelleiro de Obras e Servizos, Miguel Fernández. Este investimento, financiado pola empresa pública Augas de Galicia, permitirá optimizar o funcionamento da instalación.

ETAP (2)

A renovación das bombas na ETAP de Ponte Berrón complementa outro investimento de preto de 85.000 euros que permitiu reformar o cadro de control para a automatización da planta, e a instalación de equipos de control dos niveis de cloro, ph, temperatura e presión nos depósitos de Pedra Queimada, Nariga e Papeiras. Todos eses datos están agora automatizados e son enviados á ETAP para poder controlalos desde a estación central.

14Feb 2018

O alcalde de Malpica recolleu hoxe na Estrada un desfibrilador cedido pola Xunta para o servizo municipal de Protección Civil

DESFIBRILADOR

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, acompañado por voluntarios do servizo municipal de Protección Civil, desprazouse hoxe a sede da Academia Galega de Seguridade Pública, na Estrada, para recoller un desfibrilador cedido pola Xunta de Galicia coa finalidade de mellorar os equipos de resposta ante unha emerxencia.

No acto participaron o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez, que fixeron entrega dun total de 157 desfibriladores a corpos de bombeiros comarcais, GES e Protección Civil. O vicepresidente da Xunta fixo fincapé na importancia da cooperación, colaboración e coordinación entre todas as Administracións nun eido tan importante como son as emerxencias, que redunda directamente na seguridade e no benestar da cidadanía. O conselleiro de Sanidade remarcou que Galicia foi pioneira en España no desenvolvemento de estratexias de cardioprotección, e hoxe, fóra do ámbito sanitario, hai un total de 2.161 desfibriladores e 17.750 persoas capacitadas para utilizalos. Segundo Vázquez, grazas a eles as unidades do 061 conseguen reanimar a unha media de 700 vítimas ao ano e trasladar con vida ao hospital a un 40%.

En Malpica este será o segundo desfibrilador co que contaremos para a atención inmediata a posibles emerxencias. O outro equipo atópase dispoñible nas dependencias da Policía Local e no verán está ao servizo do equipo de salvamento e socorrismo nas praias.

10Feb 2018

Presentación do equipo do novo servizo de limpeza viaria, adxudicado ao centro especial de emprego Aspaber por 2 anos

aspaber

O centro especial de emprego Aspaber resultou adxudicatario do servizo de limpeza viaria para os próximos dous anos por un importe de 82.031,49 euros. Francisco Costa, Dolores Fernández e José Luis Villar, en representación de Aspaber, desprazáronse ata Malpica para presentar, xunto co alcalde, Eduardo Parga, e o concelleiro de Obras e Servizos, Miguel Fernández, o equipo humano e técnico da concesión.

IMG_0388

O servizo de limpeza está integrado por un mínimo de 4 persoas e dispón, entre outros medios materiais, de hidrolimpadora, equipo soprador, carriño porta-caldeiros de limpeza e desbrozadora. As súas funcións xerais consisten na limpeza de rúas, prazas e paseos da vila, incluíndo o varrido, baldeo e desatasque de tragantes, así como na eliminación de maleza en pavimentos. Tamén lle corresponde o baleirado de sumidoiros ou rexiñas, a limpeza de papeleiras, a eliminación de herbas nos alcorques, a limpeza e retirada de excrementos da vía pública, o baldeo de rúas ou a limpeza de vías e espazos onde se celebren festas nas distintas parroquias.

Nos labores de varrido manual os operarios deberán prestar unha atención especial aos espazos nos que se sitúen os contedores, os accesos aos colexios, as zonas nas que haxa bancos ou mobiliario público e aquelas nas que se acumulen residuos de calquera tipo.

IMG_0369Ademais desas tarefas xerais, o contrato inclúe outros traballos puntuais, entre os cales figuran a limpeza de solares municipais, a retirada de chicles da vía pública, a eliminación de pintadas ou as limpezas extraordinarias en caso de accidentes ou de fortes choivas ou desprendementos de terra. Tamén figura un apartado específico para o mercado dos sábados, no que o servizo de limpeza realizará o varrido, baldeo, soprado e baleirado de papeleiras. Os ríos de lavar, por exemplo, limparanse 3 días ao ano; a Fonte Vella de Malpica, 8 veces no ano; os parques infantís, unha vez ao mes, e as áreas de ocio, tres veces ao ano.

O centro especial de emprego Aspaber renova a súa vinculación co Concello, xa que dende mediados do ano 2013 levaba desenvolvendo tarefas de limpeza viaria en Malpica. O alcalde expresou a súa satisfacción por poder seguir contando con Aspaber, non só polo bo facer que ten demostrado, senón tamén porque este novo contrato permite ao Concello de Malpica seguir materializando o seu compromiso coa integración laboral das persoas con discapacidade.

5Feb 2018

O presidente da Xunta pon o parque eólico de Malpica como exemplo da enerxía eólica máis eficiente

IMG_5314

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, considera que o parque eólico de Malpica demostra que é posible “facer unha enerxía eólica máis eficiente, porque produce máis enerxía con menos infraestrutura, e menos invasiva, xa que o número de aeroxeradores redúcese nun 90%”. Este luns, precisamente, Alberto Núñez foi testemuña do remate das obras de repotenciación do parque de Pemalsa, que, malia reducir de 69 a 7 o número de aeroxeradores, producirá o dobre de enerxía, un aspecto no que incidiron tanto o presidente da Xunta como o alcalde de Malpica, Eduardo Parga.

IMG_5335

O alcalde foi o encargado de abrir o acto, ao que asistiron tamén os rexedores de Ponteceso e Chantada; o delegado territorial da Xunta na Coruña e o conselleiro de Industria, ademais de directivos do grupo Elecnor, que ten unha participación do 95,55% no parque a través da súa filial de desenvolvemento e explotación de enerxía eólica, Enerfín. Eduardo Parga destacou que os avances tecnolóxicos permitíronnos entrar na vangarda das enerxías renovables hai 20 anos, coa instalación dun dos primeiros parques eólicos de Galicia e de España, e que hoxe volven a situar a Malpica á vangarda con este proxecto de repotenciación. “Para nós –manifestou- é un motivo de satisfacción que Malpica volva a estar na vangarda, tanto a nivel de producción como desde o punto de vista paisaxístico e ambiental”.

Na mesma liña, o presidente da Xunta aseverou que este proxecto conxuga un triplo compromiso: co ambiente, cunha redución do número de aeroxeradores, que pasan de 69 a 7; coa industria das renovables, xa que este é o segundo parque que se repotencia en Galicia, reducíndose a infraestrutura pero non a potencia nin a eficiencia enerxética, e cos concellos de Malpica e Ponteceso, xa que, ademais dun investimento de 22 millóns de euros durante a súa execución, fixa industria e emprego.

IMG_5322

“En definitiva, estamos a falar dun parque que manterá a décima parte dos aeroxeradores, que duplicará a súa produción de enerxía equivalente ao consumo eléctrico de 18.500 fogares, e que diminuirá nunha hectárea a superficie total ocupada”, dixo, incidindo na aposta da Xunta pola repotenciación para renovar a flota de aeroxeradores instalados en Galicia, buscando un equilibrio entre a sustentabilidade ambiental e a eficiencia da eólica galega.