Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Luns 15°
10°
Martes 14°
Mércores 14°
10°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. 2018
  3. Xaneiro

Xaneiro 2018

26Xan 2018

Julio José Vila Díaz, do PP, e Sergio García Villar, do PSOE, tomaron posesión como novos concelleiros en Malpica

PLENO 25 XANEIRO 2018 (13)

A corporación municipal de Malpica volve a estar ao completo tras a toma de posesión dos novos concelleiros do PP e o PSOE no pleno ordinario do xoves 25 de xaneiro.

PLENO 25 XANEIRO 2018 (20)

Julio José Vila, primeiro pola dereita

O popular Julio José Vila Díaz substitúe no grupo de goberno a Iago Espasandín Varela, que presentou a súa renuncia por motivos laborais, ao igual que o seguinte na lista, Gabriel Costa García. O novo edil non asume polo momento ningunha área de goberno. Das concellerías de Urbanismo e Deportes, das que se ocupaba Iago Espasandín, encargaranse Álvaro Carril Rodríguez, no primeiro caso, e polo alcalde, Eduardo Parga Veiga, no segundo, tal como informou o propio rexedor no pleno tras a preguntas da oposición.

No grupo mixto tamén houbo relevo. O socialista Sergio García Villar incorporouse á corporación en substitución de Isabel Loureiro Varela, que dimitiu o pasado mes de novembro por motivos persoais e profesionais, pero estivo presente no pleno deste xoves, nesta ocasión entre o público.

PLENO 25 XANEIRO 2018 (10)

O novo concelleiro socialista, coa súa compañeira do BNG no grupo mixto

Ademais da toma de posesión dos novos concelleiros, a corporación debateu sobre as taxas pola utilización do ximnasio municipal, que o goberno pretende reabrir o antes posible. A proposta quedou sobre a mesa para un estudo máis detallado. Os rogos e preguntas da oposición completaron a sesión, na que a corporación non estivo ao completo pola ausencia dunha concelleira de AIM.

25Xan 2018

Mikaela, Madamitos, Faustino, Farruco, bailes, concursos, doces e unha chea de propostas máis para vivir o Entroido

O Entroido é unha das festas grandes do noso concello, e por iso tanto o Departamento de Cultura como o tecido asociativo e a hostalaría traballamos man a man para ofrecervos o mellor programa posible. Así, un ano máis presentamos un Entroido cheo de propostas para todos os públicos que nos converterán nunha das referencias das celebracións en toda Galicia.

IMG-20160208-WA0002

Comezaremos o venres 9 co pasarrúas do alumnado do CEIP Milladoiro a partir das 10.30 horas e o concurso de disfraces que se celebrará a partir das 24.00 horas polos pubs da vila, que un ano máis terán preparadas cestas de lacóns e chourizos para os mellores. E remataremos o día 18, despois de moitos días de troula coa Mikaela, os Madamitos e Ghuardineros, o Faustino, o Farruco, os concursos, os doces, as festas infantís, os bailes e tamén os cocidos.

Para que todo isto sexa posible contamos coa implicación dos pubs Jofra, Submarino, Brebaxe, O Patio, Prisma e Don Paco, así como de todas estas entidades: Asociación Cultural Malante, ANPA Ventorrillo, ANPA do CEIP Joaquín Rodríguez Otero de Buño, Asociación de Redeiras Mar da Illa, Asociación Cultural Carcaxía, A.C.D. San Xulián, A.V. C. S. O Brizo, Asociación Cultural Raigañas, Asociación de Amigos da Mikaela, A. VV. De Leiloio e Asociación de Amas de Casa.

A continuación detallamos o programa de actividades:

Venres de Entroido, 9 de febreiro

En Malpica

  • Pasarrúas do CEIP MILLADOIRO, a partir das 10.30 h.
  • Concurso de Disfraces de Entroido, a partir das 24.00 horas polos pubs da vila. Cestas de lacóns e chourizos para os mellores disfraces. As persoas participantes deberán percorrer todos os locais organizadores onde se puntuará cada disfraz. Gañarán os/as que acaden maior puntuación. Organizan os pubs: Jofra, Submarino, Brebaxe, O Patio, Prisma e Don Paco.

Sábado de Entroido, 10 de febreiro

En Seaia

  • Festa de Disfraces Infantil con inchable e merenda saudable con doces de entroido sen gluten, a partir das 16.30 h. na Casa da Cultura de Seaia. Colabora: A. C. Carcaxía.

En Leiloio

  • Festa infantil con inchables a partir das 17.00 h. na Casa dos Veciños de Leiloio. Colabora: Asociación de Veciños de Leiloio.
  • Desfile de disfraces infantil e de adultos a partir das 20.30 h. seguido do Concurso de Doces para rematar con actuación dun Dj.  Organiza: Asociación  de Veciños de Leiloio.

En Malpica

  • Concurso de Disfraces de Entroido, a partir das 24.00 horas polos pubs da vila. Premios en metálico para os mellores disfraces: 1º Premio 250,00 €, 2º Premio 150,00 € e 3º Premio 100,00 €. As persoas participantes deberán percorrer todos os locais organizadores onde se puntuará cada disfraz. Gañarán os/as que acaden maior puntuación. Organizan Pubs: Jofra, Submarino, Brebaxe, O Patio, Prisma e Don Paco.

IMG-20170226-WA0032

Domingo de Entroido, 11 de febreiro

En Malpica

  • Desfile de Disfraces Infantil, Percorrerá a vila saíndo do Centro Cívico ás 17.30 h. e rematando na Praza Villar Amigo. Organiza: Asociación Cultural Malante.
  • Actuación da Charanga NBA polas rúas da vila, a partir das 17.30 horas.
  • Nos pubs da Vila, daranse Doces de Entroido a partir das 17.00 h. Organizan pubs: Jofra, Submarino, Brebaxe, O Patio, Prisma e Don Paco.
  • Concurso de Comparsas do Entroido polas principais rúas da vila de Malpica a partir das 17.30 horas. Cestas de Entroido para as mellores comparsas. Entrega de premios a partir das 19.00 horas na Praza Villar Amigo.
  • Concurso de piñatas do Entroido na Praza Villar Amigo a partir das 18.00 horas. Entrega de premios ás 19.30 horas. Colaboran: A. C. Malante e C. Carcaxía.
  • Baile Social de Disfraces de Maiores e Concurso de disfraces para maiores das 20.00 h. ás 23.00 h no Auditorio do Centro Cívico amenizado polo Duo D´Café.

Luns de Entroido, 12 de febreiro

En Buño

  • Festa de Disfraces Infantil con inchables, chocolatada e degustación de doces de Entroido das 16.30 h. ás 19.30 h. no Pavillón Polideportivo do CEIP Joaquín Rodríguez Otero. Colabora: ANPA do CEIP Joaquín Rodríguez Otero.
  • Concurso de Disfraces Infantil ás 19.30 h. no Pavillón Polideportivo do CEIP Joaquín Rodríguez Otero. Premios ós mellores disfraces. Organiza: ANPA do CEIP Joaquín Rodríguez Otero.

Martes de Entroido, 13 de febreiro

En Malpica

  • Festa de Disfraces Infantil con inchables (rapaces/as ata 14 anos), no Pavillón Polideportivo de Malpica das 17.00 ás 20.00 horas. Colabora: ANPA Ventorrillo.
  • Concurso Gastronómico de Doces do Entroido, a partir das 15.30 h., no Pavillón Polideportivo de Malpica. Fallo do xurado e degustación ás 19.00 horas. Colaboran: Asoc. de Redeiras Mar da Illa, Asoc. de Amas de Casa e ANPA Ventorrillo.

Inscrición: No Departamento de Educación e Cultura ou en calquera das entidades colaboradoras.

MAR CASAL 1

Sábado de Piñata, 17 de febreiro

En Buño

  • A partir das 13.00 h. Sesión Vermú da Mikaela a cargo da Orquestra JERUSALÉN. Con pulpería e churrasquería no campo da festa.
  • A partir das 14.00 h. Degustación de cocido en todos os Restaurantes de Buño.
  • A partir das 17.00 h. Mikaeliña Infantil con inchables e chocolatada para os máis novos.
  • A Mikaela sairá ás 16.30 horas do Restaurante Canta la Rana percorrendo todos os bares e tabernas de Buño. Ás 22.30 h. queima da Mikaela e a partir das 23.00 h. actuación da Orquestra JERUSALËN e ó remate de festa con Disco Mobil, no aparcamento do Restaurante Casa Elias. Organiza: Asociación de Amigos da Mikaela.

Domingo de Piñata, 18 de ebrero

En Cerqueda

  • Percorrido dos Madamitos e Ghuardineros pola parroquia acompañados por unha comitiva de Entroido. Saída ás 15.00 h. itinerario: Os Resios, O Ceán, FIlgueira, As Cortes, Cerqueda, Leduzo e as Pozacas. Organizan: A.C. Raigañas.

En Vilanova

  • Festa de Disfraces Infantil e degustación de doces do Entroido a partir das 16.30 h. na Escola Unitaria de Beo. Colabora: A.V.C. S. O Brizo.

En Seaia

  • Cocido do Farruco e Faustino, para todos/as os/as participantes no Enterro do Farruco e o Faustino imprescindible asistir disfrazado. No Restaurante O Esqueiro a partir das 15.00 h. Inscricións no propio restaurante ou no Super MM até o xoves 15 de febreiro. Prezo: 15.00 € adultos e 10 euros os nenos. Organiza: A.C.D. San Xulian.
  • Actuación da Charanga MEKANIKA polas rúas de Seaia, a partir das 16.30 horas.
  • Enterro do Farruco, sairá en procesión ás 16.30 horas do Restaurante O Esqueiro percorrendo as rúas de Seaia. Xuntarase co seu curmán o Faustino no Centro Cívico e o acompañará ata o porto. Organiza: A.C.D. San Xulián.

En Malpica

  • Actuación da Charanga MEKANIKA polas rúas da vila, a partir das 17.30 horas.
  • Enterro do Faustino, que sairá do Centro Cívico ás 17.30 horas para percorrer as rúas da vila. Organiza: Asociación de Redeiras Mar da Ila.

Sábado 24 de febrero

En Cerqueda

Cocido de Entroido, no Restaurante Cantalarrana ás 22.00 h. Prezo: 20,00 € socios, 25,00 € non socios e 15,00 € nenos/as menores de 12 anos. Inscricións antes do mércores día 15 no Malpica Cen, no Centro Sociocultural das Pozacas (só os sábados) e nos teléfonos: 608 669201, 634 723 139, 638 673 057 e 698 173 659. Organiza: A. C. Raigañas.

24Xan 2018

Eduardo Parga asinou o contrato do servizo de recollida do lixo por 455.000 euros para os vindeiros catro anos

SINATURA CONTRATO LIXO

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, asinou hoxe o contrato do servizo de recollida e transporte dos residuos sólidos urbanos coa empresa Servizos dos Concellos Galegos SL. O noso concello destinará un total de 455.293,97 euros a xestión do lixo durante os vindeiros catro anos, prazo inicial de duración do contrato, que poderá ampliarse por dous anos máis.

O contrato asinado hoxe, nun acto no que tamén estivo presente o concelleiro de Obras e Servizos, Miguel Fernández, ten como finalidade a recollida dos residuos e o seu posterior traslado a planta de transferencia de Ponteceso, así como a limpeza e a conservación dos colectores e o mantemento dun inventario actualizado dos mesmos. A empresa debe aportar como medios materiais un camión de recollida de carga traseira, un dumper autocargable ou vehículo similar, un camión lava-contedores e unha hidrolimpadora. En canto aos medios humanos, o equipo de traballo estará composto por dous condutores, tres peóns e un encargado a xornada completa ou parcial. A maiores, e sen custe para o concello, cada ano achegará 15 soportes para colectores.

Segundo a oferta presentada, Servizos dos Concellos Galegos comprométese tamén a recoller a diario os residuos dos colectores das praias durante os meses de xullo e agosto, e na segunda quincena de xuño e a primeira de setembro tamén pero o día da ruta.

15Xan 2018

O Concello de Malpica de Bergantiños volverá a ter proxección turística internacional en FITUR

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e a concelleira de Educación, Cultura e Turismo, Noelia Freijeiro, partirán mañá martes con rumbo a Madrid para participar na Feira Internacional de Turismo (FITUR), o principal escaparate turístico do país. O Concello de Malpica de Bergantiños volverá a ter proxección turística internacional desde o stand de Galicia, que este no aposta por un turismo diferenciado e de calidade, feito con imaxinación e para gozar sen présas.

jose-antonio-corral-baja

Entre os numerosos produtos que se presentarán en FITUR 2018 hai varios nos que ten cabida o noso concello, como Galicia Surfing, que identifica un cento de praias aptas para o surf con propostas de viaxe para coñecer os recursos asociados; o Club da Auga, dentro do que se integra a Ruta dos Faros de Galicia, ou Escenarios ao volante, unha escolma das 25 mellores rutas polo territorio galego.

O Concello de Malpica completará as experiencias xerais con propostas particulares como a Olería de Buño e publicacións como os novos mapas turísticos. O alcalde e a concelleira tamén participarán o mércores ás 17.30 horas na presentación dos produtos turísticos de Costa da Morte Asociación Turística (CMAT).

10Xan 2018

Xa está a disposición da veciñanza a senda Xornes- Buño- Canta La Rana, que incrementa a seguridade e comodidade nos desprazamentos cotiáns

visita ethel (1)

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, visitou hoxe a comarca de Bergantiños, na que a Xunta vén de rematar dúas sendas peonís e ciclistas, a de Laracha-Paiosaco e a de Xornes-Buño-Canta la Rana, para facilitar os desprazamentos cotiáns dos veciños en condicións de seguridade. No noso concello a conselleira estivo acompañada polo alcalde, Eduardo Parga, e o concelleiro de Obras e Servizos, Miguel Fernández, ademais doutras autoridades da comarca e da Xunta.

visita ethel (3)

O itinerario Xornes- Buño- Canta la Rana, nos Concellos de Malpica e Ponteceso, que o Goberno galego rematou tras o investimento de 530.000 euros, conta con case 2 quilómetros de lonxitude en dous treitos, pola marxe dereita das estradas AC-421 e AC-422. Comunica Buño, onde se atopan os principais equipamentos municipais, como o colexio, o cemiterio ou o campo de fútbol na zona de Xaviña, cos dous núcleos de poboación máis próximos, Xornes e Canta la Rana.

A actuación incluíu non só o tratamento en superficie, senón tamén a instalación de servizos de telecomunicacións, drenaxe, abastecemento e alumeado. Así mesmo, o Concello de Malpica financiou outras melloras a maiores, como a construción dun treito de saneamento.