Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Luns 15°
10°
Martes 14°
Mércores 14°
10°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. 2017
  3. Decembro

Decembro 2017

29Dec 2017

Renovado o convenio anual entre a Deputación da Coruña e o Concello de Malpica para a xestión do Forno do Forte

convenio forno do forte

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e o deputado provincial de Contratación, Patrimonio e Equipamento, Xesús Soto, asinaron o convenio de colaboración anual para a xestión do Forno do Forte de Buño. A Deputación da Coruña achegará no 2018 o 100% dos gastos para o funcionamento do complexo etnográfico, que xestionará integramente o Concello de Malpica.

Segundo figura no convenio, o Concello encargaranse do mantemento e dinamización do centro, a compilación de patrimonio etnográfico da zona, o fomento do estudo e a investigación ou a promoción de actividades culturais arredor do mundo da olería. Establécese un horario mínimo de atención ao público de 11 a 14 horas e de 16 a 19 horas de martes a domingo.

Nas instalacións do ecomuseo do Forno do Forte de Buño o propio espazo expositivo recupera e conserva os elementos arquitectónicos propios dunha casa dedicada á olería de Buño. As persoas visitantes achéganse no ecomuseo a todo o proceso de produción de pezas, desde o torneado ao cocido ou o secado, nun centro que contribúe a conservar e poñer en valor a cultura popular e é tamén un recurso turístico da comarca.

29Dec 2017

O goberno municipal aposta pola mellora da mobilidade e dos servizos ás familias no POS + 2018

A corporación municipal vén de aprobar as obras que se executarán con cargo ao POS + 2018. A proposta do goberno municipal céntrase, por unha banda, na mellora da mobilidade e, por outra, na ampliación e modernización dos servizos que se prestan ás familias, e todo coa intención de seguir mellorando a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas.

SAMSUNG CAMERA PICTURES

Deste xeito, a partida máis importante, cun total de 119.736,08 euros, vai destinada á construción dunha senda peonil pola marxe esquerda da estrada entre Vilar e As Rabuceiras, na parroquia de Leiloio. O alcalde, Eduardo Parga, destaca a importancia deste tipo de infraestruturas para mellorar a mobilidade e a seguridade viaria, como se ten demostrado coas actuacións realizadas en Buño ou en Piñeiros, e nese sentido o goberno municipal ten a intención de seguir impulsándoas noutros puntos do concello.

SAMSUNG CAMERA PICTURES

Na parroquia de Malpica está prevista, por unha banda, a mellora das infraestruturas na Pedreiriña, cun orzamento de 98.872,83 euros. Tamén se realizarán melloras no parque infantil da Rúa Patria Galega, consistentes na instalación dunha pista polideportiva e de xogos biosaudables, cun investimento de 82.013,42 euros que permitirá optimizar o espazo e abrir a súa utilización a sectores sociais como os adolescentes ou os maiores. Os proxectos complétanse coa mellora da accesibilidade, a instalación de redes e a pavimentación entre as rúas Emilio González, Os Agros e Orxeira, para o cal destínanse 40.252,66 euros.

O goberno municipal de Malpica tamén decidiu reservar 90.591,19 euros para gasto corrente. Deste xeito, esa cantidade quedará liberada dos recursos propios para poder acometer outros investimentos sen necesidade de depender dos prazos establecidos pola Deputación da Coruña.

27Dec 2017

A UD Cerqueda implica aos máis pequenos nas causas solidarias co 1º Minitrofeo Os Petóns

A UD Cerqueda volve a demostrar que os partidos non sempre se xogan nos campos de fútbol, e que unha entidade deportiva pode ser moito máis ca iso. Pero ademais o club malpicán quere transmitir esa filosofía ás novas xeracións, e por iso este ano organiza por primeira vez unha versión “mini” do trofeo solidario Os Petóns. Deste xeito tamén implicará aos máis pequenos nas causas solidarias.

OS PETONS MINI

Hoxe tivo lugar a presentación do torneo na Casa do Concello de Malpica, coa participación do alcalde, Eduardo Parga; o concelleiro Miguel Fernández; o presidente e o capitán do Cerqueda, Roberto García e Daniel Reixía, e o presidente da SD Sofán, Ricardo Serrano. O club carballés, que xa participou co equipo sénior en edicións anteriores do trofeo Os Petóns, comparte plenamente a filosofía da UD Cerqueda.

O I Minitrofeo Os Petóns disputarase este sábado 30 no campo de Xaviña (Buño). Ás 11 xogarán os equipos benxamíns de ámbolos dous clubs e as 12, os infantís. Do mesmo xeito que a recadación do torneo sénior vai destinada á compra de comida para o banco de alimentos, nesta ocasión os cartos que se consigan servirán para mercar xoguetes para os nenos e as nenas de familias con poucos recursos.

Por iso, tanto desde os equipos participantes como desde o propio Concello de Malpica faise un chamamento a toda a veciñanza para que se achegue este sábado ao campo de Xaviña, “porque a ocasión -sinalaron- ben o merece”.

CARTEL

23Dec 2017

Dezasete entidades colaboran para encher de actividade para todos os públicos o Nadal de Malpica

O Concurso Escolar de Debuxo e Pintura foi a primeira actividade do Malpica Nadal, un programa cultural impulsado desde a Concellería de Educación, Cultura e Turismo coa colaboración de 17 entidades de todo tipo. As asociacións Malante, Raigañas, Carcaxía, San Xulián, Pobo Alfareiro, Viradeira de Buño, A Feira, O Brizo, Río de San Antonio, Leiloio, Amigos da Mikaela, as ANPA dos colexios Milladoiro e Joaquín Rodríguez Otero, os propios colexios, o CRA Nosa Señora do Faro e A Galiña Azul de Aldeola xuntan esforzos para encher de actividade todo o mes de decembro e os primeiros días do ano 2018.

arbore nadal (5)

As xornadas previas ás vacacións escolares estiveron centradas na elaboración dos adornos que decoran xa a árbore de Nadal xunto á Casa do Concello. Papá Noel visitou xa o 17 de decembro a Casa dos Veciños de Leiloio, mentres que o alumnado do CEIP Milladoiro recibiu o día 20 unha visita anticipada dos Reis Magos e O Apalpador estivo este sábado na Casa da Cultura de Seaia, onde ademais actuou o mago Álex e houbo unha festa infantil con inchables.

O día de Noiteboa terá dúas citas principais: ás 18 horas, cos pasarrúas de panxoliñas das cantareiras de Malante polas rúas de Malpica, e ás 18.30 coa entrega de agasallos aos nenos e nenas na Fonte da Praza de Anselmo Villar Amigo. O día de Nadal non haberá actividade, pero o 26 volverá a animación cunha festa infantil con chocolatada incluída no pavillón do colexio de Buño. O mércores 27 repetirase a festa no pavillón de Malpica; o 29, no centro sociocultural das Pozacas, e o 30, nas escolas de Pontella.

Para Fin de Ano repetimos a San Silvestre Malpicana, con saída ás 12 horas da praza e festa con brinde incluído ao rematar. E pola noite, teremos o tradicional baile organizado pola Concellería de Servizos Sociais a partir das 23.45 horas, con uvas, cava, cotillón e a música do Dúo Café no auditorio do Centro Cívico.

O prato forte do Malpica Nadal serán as cabalgatas de Reis, que se celebrarán os días 5 e 6. A véspera do día de Reis os Magos de Oriente farán tres rutas: unha por Cambre, Buño, Cerqueda e Malpica; outra por Mens, Barizo, Seaia e Vilanova, e a terceira por Leiloio. O sábado tocaralles visita a Seaia, onde tamén haberá inchables pola tarde no campo da festa.

Concurso de debuxo e pintura

IMG_4100

Elena Blanco Barca, alumna de 6º de infantil do CEIP Joaquín Rodríguez Otero, foi este ano a gañadora do premio de cartel, mentres que Candela Lema Chouciño (na foto, xunto ao alcalde), de 5º de infantil do CRA Nosa Señora do Faro, acadou o premio de pantalla dixital. O alcalde, Eduardo Parga Veiga, levoulles os seus agasallos aos coles. O terceiro galardoado foi Tristan Schurink Novo, alumno de 5º de primaria do CEIP Milladoiro e gañador do concurso de saúda de Nadal. Parabéns a todos/as os/as participantes, porque foi moi difícil escoller!

 

CARTEL NADAL DEC 17

16Dec 2017

Rematou o taller de pladur e pintura organizado pola Concellería de Servizos Sociais para persoas en risco de exclusión

Coa entrega de diplomas e unha visita ao espazo acondicionado rematou o taller práctico de pladur e pintura organizado pola Concellería de Servizos Sociais do Concello de Malpica, a través da empresa de economía social Máis Porvir, para persoas en risco de exclusión social. O obxectivo é mellorar as posibilidades de inserción laboral dos participantes, pero tamén se conseguiu darlle un valor engadido ao traballo mediante o acondicionamento dunha aula na Casa do Oleiro de Buño.

CLAUSURA PLADUR (5)

No acto de clausura participaron o alcalde, Eduardo Parga; a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín; o concelleiro de Obras e Servizos, Miguel Fernández; Adolfo López Baña, administrador de Máis Porvir, e Sandra Caamaño, xerente da empresa.

O taller de pladur e pintura permitiu darlle continuidade ao programa de formación que vén levando a cabo nos últimos anos co obxectivo de impulsar a empregabilidade dos colectivos que teñen máis dificultades para acceder ao traballo. Foi un obradoiro totalmente práctico, no que se ofreceron ás persoas participantes os coñecementos básicos en instalación de pladur, pintado de superficies e pequenos arranxos en edificios.

O curso tivo unha duración de 54 horas, e o programa formativo incluíu coñecementos sobre eliminación de humidades, prevención de riscos, impermeabilización e técnicas de colocación de pladur, e pintado de superficies.

CLAUSURA PLADUR (18)

12Dec 2017

O alcalde de Malpica xestionou coa Xunta un investimento de case 90.000 euros en obras hidráulicas

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga Veiga, xestionou coa Xunta de Galicia un investimento próximo aos 90.000 euros en obras hidráulicas.

ETAP (2)

ETAP de Ponte Berrón

Por unha banda, mediante un convenio de colaboración coa empresa pública Augas de Galicia, o Concello de Malpica acometerá a renovación de bombas na estación de tratamento de auga potable (ETAP) cun investimento de 57.995 euros. A actuación, que acometerá a empresa Espina Obras Hidráulicas SL, permitirá a instalación tres bombas novas na ETAP de Ponte Berrón, informa o alcalde.

O outro proxecto consistirá na mellora da pavimentación e da rede de pluviais en espazos públicos do núcleo de Pontella, adxudicado á empresa Construcciones López Cao SL. Neste caso, a intervención realizarase mediante un convenio entre o Concello de Malpica e a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio cun orzamento de 30.955,61 euros.

8Dec 2017

“O tolleito de Inishman” foi a obra mellor valorada polo público da XIII Mostra de Teatro de Malpica

O tolleito de Inishman, cunha puntuación de 4,97 sobre 5, foi a obra mellor valorada polo público da XIII Mostra de Teatro de Malpica. A montaxe de Contraproducións, dirixida por Cándido Pazó e interpretada por Evaristo Calvo, Ana Santos, Ricardo de Barreiro, María Roja, Luis Iglesias, Santi Romay, Marcos Pereiro e Susana Dans, colleitou na nosa vila un novo recoñecemento, que se suma aos cinco premios María Casares acadados este ano.

O tolleito de Inishman

Cándido Pazó subiu ao escenario para dedicarlle a representación a Paco Souto

Contraproducións arrebátalle deste xeito o título a Malasobra, que fora a compañía gañadora da valoración do público nos anos 2014, 2015 e 2016, e que nesta ocasión quedou no cuarto posto. Con 185 espectadores, a proposta de Contraproducións foi tamén unha das que máis público atraeu ata o auditorio do Centro Cívico, e ademais estivo cargada de emoción porque Cándido Pazó subiu ao escenario antes de que comezase a función para dedicarlle a representación a Paco Souto.

En total, os nove espectáculos programados pola Concellería de Educación, Cultura e Turismo reuniron a 1.093 persoas. As obras infantís volveron a triunfar, e, de feito, A tropa trapalleira de Bocaberta, con 195 persoas, foi a que levantou máis expectación. Do mesmo xeito que a afluencia foi boa, cunha media de 121 espectadores/as por función, tamén foi moi alta a puntuación acadada polas compañías participantes, cunha media de 4,55 sobre 5, o cal demostra a boa acollida que ten o teatro galego.

Ademais de Contraproducións, que fixo dobrete con Memorias dun neno labrego, e Bocaberta, pola XIII Mostra de Teatro de Malpica pasaron Volta e Dálle con Dura Lex, Malasombra con Os Rockenstein, Ibuprofeno Teatro con O furancho (segunda coa mellor valoración do público), A Panadaría con Pan! Pan!, Rimavane con Vestido de voda (terceira na votación) e Talía Teatro con Foucellas.