gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Domingo 15°
12°
Luns 16°
10°
Martes 12°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. 2017
  3. Setembro

Setembro 2017

8Set 2017

Oito locais de hostalería participarán na fin de semana do 22 ao 24 deste mes na 2ª Ruta de Tapas Malpica Sabe a Mar

A Concellería de Promoción Económica e o sector hostaleiro de Malpica volven a unir as súas forzas para desenvolver unha iniciativa conxunta que enlazará tres sectores fundamentais da economía local: a pesca, a hostalería e a olería. A 2ª Ruta de Tapas Malpica Sabe a Mar celebrarase na fin de semana do 22 ao 24 deste mes, segundo se acordou na xuntanza celebrada este xoves, poñendo fin deste xeito a un verán de récord turístico na nosa vila.

Malpica Sabe a Mar pretende diferenciarse doutras iniciativas semellantes incluíndo os produtos pesqueiros como ingrediente de todas as tapas, o que permitirá, por unha banda, poñer en valor o produto local e o sector pesqueiro, e, por outra, fomentar a innovación e a creatividade na elaboración de produtos de consumo tradicional. O terceiro elemento que incluiría a ruta sería a olería, xa que para a ocasión elaboraranse no Ecomuseo do Forno do Forte pratos artesanais que se repartirían entre os 8 establecementos participantes: Taberna do Lesto, Restaurante O Burato, Café bar Humboldt, Café Bar Ibarra, Café bar JB, Restaurante San Francisco, Larada Bar e O Pescador.

A Ruta de Tapas Malpica Sabe a Mar arrancará o venres. As tapas serviranse nesa primeira xornada de 20.00 a 23.00 horas; o sábado, de 12.00 a 14.00 e de 20.00 a 23.00, e o domingo, de 12.00 a 14.00 horas. As tapas custarán 1,5 euros, e con cada unha entregaráselle ao cliente un rasca que lle permitirá obter premios directos.

Iniciativa dos hostaleiros

Ao longo do mes de setembro continuará a actividade en Malpica grazas á iniciativa dun grupo de hostaleiros para dinamizar as noites dos sábados. Deste xeito, o día 16 actuará na praza o Trío Platino; o 23, coincidindo coa ruta de tapas, os gaiteiros de Malante farán un percorrido polos locais, e o 30 tocará de novo na praza o Dúo Café.

7Set 2017

O Concello de Malpica convida por segundo ano á hostalería local a participar nunha ruta de tapas de temática pesqueira

HUMBOLDT

Despois do éxito acadado o ano pasado, a Concellaría de Promoción Económica de Malpica fai un novo convite á hostalería local para celebrar a segunda edición da ruta de tapas Malpica Sabe a Mar, unha iniciativa que naceu para impulsar o turismo enogastronómico e poñer en valor as tradicións pesqueira e oleira do noso concello.

A concelleira de Promoción Económica, Pilar Doldán, mantivo un primeiro encontro co sector no que a práctica totalidade dos hostaleiros e hostaleiras que participaron na anterior edición expresaron a súa intención de repetir. De todos os xeitos, hoxe xoves celebrarase unha nova xuntanza ás 17.30 horas, na Casa do Concello, á que poden asistir todos os interesados.

TAPAS 1

Malpica sabe a Mar diferénciase doutras iniciativas semellantes porque inclúe os produtos pesqueiros como ingrediente de todas as tapas, o que permite, por unha banda, poñer en valor o sector pesqueiro, e, por outra, fomentar a innovación e a creatividade na elaboración de produtos de consumo tradicional. O terceiro elemento que inclúe a ruta é a olería, xa que para a ocasión volverán a elaborarse pratos artesanais que se repartirían entre os establecementos participantes.

5Set 2017

Os campións mundiais demostraron a súa superioridade no I Master Futbolín Malpica, que reuniu aos mellores xogadores do país

PEDRO - JUANDI GANADORES MOVEMENTO PRO

Pedro e Juandi, gañadores absolutos en Movemento

A parella formada por Pedro e Juandi, posuidora do título do Campionato Mundial de Futbolín e Punta Umbría, demostrou no I Master Futbolín Malpica a súa superioridade, no que se proclamaron gañadores da categoría Pro, que equivale á primeira división do futbolín, na modalidade de movemento. Na categoría máster os campions foron Lupi e Pérez. Na modalidade de parado, os campións absolutos foron Alberto e Merose, mentres que en máster impuxéronse Unai e Albano.

Oitenta parellas de toda España participaron durante a fin de semana no I Master Futbolín Malpica, unha iniciativa conxunta de Recreativos A Velas Vir, Tsunami Futbolín e A.D. A Pedreira na que colaborou o Concello de Malpica. O porto converteuse no escenario dunha competición que nos permitiu ver en acción ás mellores parellas do país, e que volveu a encher de animación a nosa vila despois dun mes de agosto de récord. Os concelleiros Iago Espasandín e Miguel Fernández, xunto cos membros da organización, foron os encargados de entregar os trofeos aos gañadores.

2Set 2017

O turismo disparouse no mes de agosto en Malpica, que recibiu o dobre de visitantes que en xullo

OFICINA TURISMO (9)

Desde que abriu as súas portas, a primeiros de xullo, a nova oficina de información turística de Malpica, situada na planta baixa da casa consistorial, atendeu a un total de 3.785 visitantes. A esta cifra habería que engadir todas as persoas que pasaron pola instalación para recoller rueiros ou folletos informativos pero que non solicitaron información da técnica de Turismo que atende o servizo. En calquera caso, os números reflicten o tirón do noso concello. Agosto é o mes vacacional por excelencia, como demostran as 2.534 visitas rexistradas, fronte ás 1.251 de xullo.

O turismo nacional é maioritario. Madrid é a comunidade de procedencia do groso dos visitantes, seguida de Cataluña, Galicia, País Vasco, Valencia, Castela-León, Aragón e Andalucía. A maioría dos visitantes chegan a Malpica en coche, e en menor medida desprázanse en caravana, furgoneta, autobús, bicicleta e incluso a pé. En xullo houbo máis veraneantes que viaxaban en parella, mentres que o turismo de agosto é máis familiar con nenos. En canto aos visitantes estranxeiros, este verán supuxeron o 12%, e visitáronnos máis en xullo ca en agosto.

Entre os usuarios da oficina de turismo non só se encontran as persoas que se aloxan no noso concello, e que supoñen aproximadamente a metade das persoas atendidas, senón moitas que se atopan de paso ou que veranean noutras vilas galegas pero queren coñecer Malpica. Polo que se refire á información máis demanda, as persoas que visitan o noso concello queren saber que ver, onde comer e que rutas de sendeirismo poden realizar, tanto en Malpica como no resto da Costa da Morte.

A oficina de turismo está aberta de martes a sábados, en horario de 10.00 a 14.30 e de 16.00 a 18.30.

1Set 2017

O I Master Futbolín Malpica reunirá esta fin de semana aos mellores xogadores do país

Xogadores de toda España participarán esta fin de semana no I Master Futbolín Malpica, unha iniciativa conxunta de Recreativos A Velas Vir, Tsunami Futbolín e A.D. A Pedreira na que colabora o Concello de Malpica. Será unha oportunidade única para ver en acción ás mellores parellas do país, xa que por Malpica pasarán os actuais campións e varios excampións do Campionato Mundial de Futbolín de Punta Umbría (Huelva), que se celebra desde hai 25 anos.

O I Master Futbolín Malpica celebrarase o sábado e o domingo no porto, e ademais dunha interesante competición que se disputará mañá a partir das 11 horas e o domingo a partir das 12, tamén haberá gastronomía e música.

O prazo de inscrición remata hoxe venres ás 21 horas, e pode realizarse no teléfono 661945828. A cota é de 50 euros por parella para as dúas modalidades establecidas: movemento e parado. A organización repartirá 4.000 euros en premios.

 

FUTBOLIN

Página 2 de 212