Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Martes 13°
Mércores 14°
10°
Xoves 15°
12°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. 2017
  3. Xaneiro

Xaneiro 2017

29Xan 2017

O Concello envía exemplares de “Os bolechas van á Mostra da Olería de Buño” a 26 colexios e 7 bibliotecas da comarca

web5

Sete bibliotecas e 26 centros escolares da comarca de Bergantiños están a recibir estes días exemplares de “Os bolechas van á Mostra da Olería de Buño”, un agasallo da Concellería de Educación, Cultura e Turismo, que dirixe Noelia Freijeiro Novo, para que os nenos e nenas de toda a comarca poidan desfrutar coas aventuras dos populares personaxes no noso concello.

A publicación, que foi presentada o pasado mes de agosto coincidindo coa visita dos bolechas corpóreos a Buño, fai un percorrido pola nosa tradición artesá e por algúns dos principais atractivos turísticos do municipio de Malpica da man de Carmiña, unha pequena oleira que se converte en protagonista e fío condutor da historia.

27Xan 2017

A travesía da Camuza xa está en obras

A CAMUZA 2

A travesía da Camuza xa está en obras. O proxecto, executado pola empresa López Cao, permitirá seguir mellorando os servizos, a circulación e a seguridade viaria nesa zona tan transitada, como destacaron o alcalde, Eduardo Parga, e o concelleiro de Obras e Servizos, Miguel Fernández, durante a visita que realizaron ás obras. O investimento acada os 43.681 euros, que son financiados con cargo ao POS 2016.

Dentro deste mesmo plan tamén están en execución as obras de conservación e mantemento do firme en Escras (Cambre) e Mens-Oratorio-Badarra (Mens). Os traballos contan cun orzamento de 38.998,30 euros e son executados pola empresa Construcciones López Cao. O POS 2016 permite acometer proxectos de mellora da rede viaria por preto de 110.000 euros.

23Xan 2017

Comezaron as obras de conservación de estradas nas parroquias de Cambre e Mens

IMG-20170123-WA0008

O Concello de Malpica acomete con cargo ao POS 2016 unha mellora da rede viaria en varias parroquias. Hoxe mesmo comezaron as obras de conservación e mantemento do firme en Escras (Cambre) e Mens-Oratorio-Badarra (Mens). Os traballos contan cun orzamento de 38.998,30 euros e son executados pola empresa Construcciones López Cao. O alcalde, Eduardo Parga, e o concelleiro de Obras e Servizos, Miguel Fernández, acudiron a supervisar o comezo das obras.

19Xan 2017

A Concellería de Servizos Sociais de Malpica tramita as axudas da Xunta de Galicia para evitar a pobreza enerxética

A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade de Malpica, Marisol Blanco Gorín, informa de que a Xunta de Galicia vén de abrir as súas liñas de axuda para evitar a pobreza enerxética, e que as persoas que o precisen poden realizar a tramitación, previa cita, no departamento municipal.

CONVOCATORIAS ABERTAS

Por unha banda está aberta a convocatoria para o tícket eléctrico social referido ás facturas de electricidade cuxo período de lectura estea comprendido entre o 1 de xullo do 2016 e o 30 de xuño do 2017. O obxecto desta medida é subvencionar parte da factura eléctrica ás unidades de convivencia con menores ou discapacitados cuxos ingresos totais da unidade de convivencia non superen 1,5 veces o IPREM (9.585,19 €/ano). A axuda consiste nunha cantidade fixa de 180 € ao ano para as unidades de convivencia que cumpran os requisitos, e de 300 € ao ano para as que acrediten ser, ademais, familia numerosa.

Así mesmo, a Consellería de Economía, Emprego e Industria convoca axudas urxentes de tipo social para evitar os cortes de subministración eléctrica e de gas ás persoas economicamente máis vulnerables (AUXS), cuxos ingresos totais da unidade de convivencia non superen o IPREM (6390,13 €/ano). Neste caso permítese facer a solicitude para un máximo de dúas facturas ao ano e cun importe máximo de 200 €. O prazo rematará o 15 de decembro.

Nos dous casos a tramitación debe realizarse a través da sede electrónica, para o cal é preciso o DNI electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia. No departamento municipal de Servizos Sociais e Igualdade, situado no Centro Cívico de Malpica, realizarán a tramitación ás persoas que o precisen.

Nestes documentos podedes consultar a información completa:

AUXS

TICKET

 

4Xan 2017

A UD Cerqueda entregou xoguetes para os nenos e nenas das familias usuarias do banco de alimentos de Malpica

XOGUETES UD CERQUEDA BANCO ALIMENTOS

A Unión Deportiva Cerqueda reforza a súa colaboración co departamento de Servizos Sociais do Concello de Malpica de Bergantiños. Na xornada de hoxe, representantes do club fixeron entrega ao banco de alimentos dun lote de xoguetes para que este Nadal os Reis Magos cheguen a todos os fogares e que “nestes días tan máxicos os nenos das familias con menos recursos non perdan o sorriso nin a ilusión”. A UD Cerqueda destinou á adquisición dos xoguetes a recadación do partido do 12 de decembro. Na entrega dos xoguetes estiveron presentes o alcalde, Eduardo Parga, o concelleiro Miguel Fernández, e un representante da entidade deportiva.

Xa é o segundo ano que a UD Cerqueda colabora coa Concellería de Servizos Sociais para que ningún neno nin nena quede sen xoguetes en Reis, pero tamén vén achegando ao banco de alimentos todo tipo de produtos adquiridos grazas á recadación do Torneo Solidario Os Petóns. Deste xeito, a UD Cerqueda reforza a súa faceta social.