Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Luns 15°
10°
Martes 14°
Mércores 14°
10°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. 2016
  3. Marzo

Marzo 2016

23Mar 2016

O Concello de Malpica súmase á convocatoria da FEMP e chama a gardar un minuto de silencio en repulsa dos atentandos de Bruxelas

O Concello de Malpica de Bergantiños fai un chamamento aos veciños e veciñas para que se concentren hoxe, mércores 23, ás 12.00h, ás portas do Concello de Malpica en sinal de condea e repulsa a estes actos de barbarie.

O Concello de Malpica únese á dor das víctimas, ás súas familias e aos cidadáns de Bruxelas e manifesta o seu máis contundente rexeitamento e condea dos feitos acontecidos. O Concello de Mapica de Bergantiños reafirmase no compromiso inquebrantable coa vida, a  paz, a liberdade e a dignidade de todos os seres humanos.

18Mar 2016

A corporación municipal de Malpica aprobou o Plan de Aforro e Investimento (PAI 2016) por 170.150,18 euros

O Concello investirá os fondos na mellora do alumeado de Barizo, Malpica, Mens e Vilanova, así como na marquesiña do Milladoiro

A corporación municipal de Malpica aprobou no pleno do xoves o Plan de Aforro e Investimento 2016 por un total de 170.150,18 euros. Todos os grupos, agás AIM, votaron a favor da proposta presentada polo goberno municipal. O Concello de Malpica destinará 46.409,77 euros á redución da débeda, e o resto, a infraestruturas. En concreto, cos fondos do PAI acometerase a segunda fase da marquesiña do Milladoiro, por 31.222,25 euros, e o proxecto de mellora do alumeado público de Barizo, Malpica, Mens e Vilanova, por 92.518,16 euros.

18Mar 2016

A Concellería de Servizos Sociais de Malpica organiza unha excursión a Salamanca para as persoas maiores

O prazo de inscrición está aberto ata o 15 de abril ou ata completar as 104 prazas dispoñibles           

A Concellería de Servizos Sociais e Igualdade de Malpica organiza, como todos os anos, unha excursión para as persoas maiores. A viaxe levarase a cabo do 2 ao 6 de maio e nesta ocasión o destino será a provincia de Salamanca. Os participantes viaxarán acompañados polo alcalde, Eduardo Parga, e pola concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco.

O prazo de inscrición está aberto ata o 15 de abril ou ata completar as 104 prazas dispoñibles. O prezo da viaxe é de 240 euros por persoa, que inclúe pensión completa agás o almorzo do día de partida e a cea do día de chegada. Os participantes na viaxe deben incluír nas súas equipaxes traxe de baño, gorro e chanclas, xa que o programa inclúe unha sesión de spa.

A empresa Autocares Pedro Pombo encargarase do transporte. A saída farase dende Buño ás 07.00 horas. Os horarios de recollida polas distintas parroquias darase a coñecer nos días previos á viaxe. O programa inclúe visitas a Salamanca, Ciudad Rodrigo, Peña de Francia, Alberca, Béjar, Candelario, o parque natural das Batuecas, San Martín do Castañar e Mogarraz. Neste cartel tedes máis detalles.

18Mar 2016

O alcalde de Malpica asinou o contrato de mantemento do alumeado público coa empresa adxudicataria

A UTE formada por Ifedic Pereira SL e Tecnored SA encargarase do servizo durante dous anos, cun custo total de 133.184 euros

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, asinou hoxe o contrato de mantemento do alumeado público coa Unión Temporal de Empresas (UTE) formada por Ifedic Pereira SL e Tecnored SA. O contrato ten unha duración de dous anos, prorrogables por un ano máis, e un prezo total de 133.184 euros.

Segundo consta no contrato, a UTE encargarase do servizo de conservación e mantemento do alumeado público no municipio de Malpica de Bergantiños, así como do subministro e instalación de arcos luminosos festivos e grupo electróxeno para festas.

 

17Mar 2016

A entrega dos títulos da concentración parcelaria de Cerqueda levarase a cabo antes do verán

As técnicas de Medio Rural desprazadas a Malpica para recoller a documentación dos titulares das parcelas atenderon a 400 persoas

PARCELARIA---DITO-1-web

Os titulares das parcelas resultantes do proceso de concentración parcelaria na parroquia de Cerqueda disporán dos seus títulos de propiedade antes do verán. Unha vez rematado o proceso de recompilación de documentación que se levou a cabo ao longo desta semana, o acto oficial de entrega dos títulos podería realizarse xa no mes de abril en Malpica.

Técnicas da Consellería de Medio Rural atenderon aos veciños e veciñas no Centro Cívico dende o luns ata hoxe, en horario de 10.00 a 13.30. Nestes catro días pasaron polo edificio case 400 persoas, a maioría en representación de varios titulares. O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, que tamén acudiu hoxe para interesarse polo desenvolvemento do proceso, informou de que aquelas persoas que por calquera motivo non puideron desprazarse a Malpica esta semana poderán recoller igualmente o seu título de propiedade na Xefatura Territorial de Medio Rural, na Coruña, previa identificación co carné de identidade.

O proceso de concentración parcelaria na parroquia de Cerqueda iniciouse no ano 1992 e afectou a unha superficie de 793 hectáreas. Das 4.585 parcelas iniciais pasouse ás 1.849 actuais, que teñen unha superficie media de 3.700 metros cadrados. A Consellería de Medio Rural investiu preto de 1,8 millóns de euros para a asistencia técnica e as obras, que consistiron, por unha banda, na realización dos servizos técnicos para a investigación da propiedade, levantamentos topográficos e confección de planos parcelarios, clasificación de terras e acondicionamento de fincas e, por outra, no deseño e creación dunha rede axeitada de camiños principais e secundarios que permiten o acceso ás novas fincas e o tránsito de máquinas agrícolas.

A regulación e ordenamento do novo deseño das fincas permite acadar unha mellor capacidade de aproveitamento da terra e supón un mecanismo dinamizador para a economía local.

9Mar 2016

O Concello de Malpica implícase na posta en marcha dos PIMD Rural

IMG_20160308_121719-web

O Concello de Malpica expresou onte o seu compromiso coa posta en marcha do Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade (PIMD) Rural, un novo servizo da Asociación Íntegro na que están implicados os catro concellos que compoñen a asociación supramunicipal Costa Bergantiñá (Malpica, Ponteceso, Cabana e Laxe).

O alcalde, Eduardo Parga, e a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco, asistiron no centro de recursos de Nantón á presentación do PIMD Rural. O presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, explicou que a extensión dos puntos de intervención limítase de momento aos concellos de Costa Bergantiñá por cuestións de persoal, aínda que a intención de Íntegro é continuar coa ampliación en función da dispoñibilidade dos técnicos e da implicación dos concellos.

A terapeuta ocupacional e directora do centro de recursos de Íntegro, Noelia Barreira, e a psicóloga, Begoña Rial, foron as encargadas de explicar as liñas xerais do PIMD Rural, un programa específico de asesoramento e intervención integral para mulleres con diversidade funcional, tanto no ámbito social coma no educativo, o cultural ou o laboral. De feito, aínda que a iniciativa botará a andar en colaboración cos departamentos municipais de Servizos Sociais, o obxectivo é implicar tamén a orientadores/as laborais e axentes de desenvolvemento local.

4Mar 2016

O conselleiro de Sanidade acudiu á recepción da obra do novo centro de saúde de Buño

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, asinou hoxe en Buño a acta de recepción da obra do centro de saúde, unhas instalacións completamente novas que poderán atender a unha poboación ao redor de 1.600 persoas.

SAMSUNG CAMERA PICTURES

A obra de urbanización exterior, que executou o Concello de Malpica, tamén está lista, así que só falta o equipamento para que o centro poida abrir as súas portas. O edificio -cofinanciado nun 50% por fondos do Estado, dentro do Plan de Desenvolvemento Rural Sustentable- ten un importe de 624.000 euros, e a superficie que se construíu é de 524 metros cadrados. Contará cunha área médica, con dúas consultas de medicina de familia; unha consulta de enfermería e unha sala polivante; ademais dunha área de administración cun arquivo, almacéns e outros servizos comúns, necesarios para o correcto funcionamento do centro.

Xunto ao conselleiro acudiron a Buño representantes da Xunta e do Sergas. Por parte do Concello de Malpica asistiron o alcalde, Eduardo Parga, e os concelleiros Miguel Fernández, Iago Espasandín e Marisol Blanco.

1Mar 2016

O CEIP Milladoiro convértese nun dos primeiros colexios galegos que introduce a cociña no seu programa educativo

A comunidade educativa, a ANPA e o Concello de Malpica colaboraron na posta en marcha da pioneira Aula de Cociña.

 

CONVIDADOS_web

O CEIP Milladoiro de Malpica convértese nun colexio pioneiro na Costa da Morte coa posta en marcha da Aula de Cociña, unha das poucas que están en funcionamento en Galicia, e que dende onte é unha realidade grazas á implicación de toda a comunidade educativa. De feito, como destacaron todos os participantes no acto de inauguración, o proxecto, impulsado por un grupo de docentes co apoio do equipo directivo, tivo tan boa acollida que só fixeron falla uns meses para poñelo a andar. O Concello de Malpica encargouse do acondicionamento das instalacións e o mobiliario, mentres que a ANPA achegou electrodomésticos, enxoval e ata as cortinas. “Onde había un espazo sen uso agora temos unhas instalacións ao servizo da educación que reciben os nenos deste pobo”, sinalou a directora do colexio, Olga Rodríguez, que destacou as enormes posibilidades didácticas que ofrece a aula, porque a cociña, dixo, “ é física, é química, é matemáticas, é lingua…”.

DOCE-NENOS-2_webA esa transversalidade aludiu tamén o cociñeiro Fernando Agrasar, propietario do restaurante As Grazas, que posúe unha estrela Michelin, e que non quixo perderse o acto de inauguración da Aula de Cociña. “Para min é fundamental que os nenos experimenten na cociña, e ademais a cultura gastronómica edúcase, non se nace con ela”, declarou. Agrasar destacou a enorme demanda de profesionais da restauración. “É unha profesión de moda, cunha saída laboral do 98%, e nese sentido a gran materia pendente que temos na comarca é unha escola de hostalería forte”, engadiu.

Xunto ao coñecido restaurador estivo outra cociñeira moi coñecida en Malpica, Carmen Verdes, que, malia que se autodefine como afeccionada, ten ensinado a cociñar a moitas xeracións de malpicáns a través dos cursos que imparte na Asociación de Amas de Casa. Na inauguración da Aula de Cociña declarou a súa paixón polo chocolate e a améndoa, dous produtos que domina á perfección, como demostrou cos doces que elaborou para o acto, ao que asistiron membros da ANPA, docentes, o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e o tenente de alcalde e representante do Concello no consello escolar, Miguel Fernández.

DOCE-NENOS-1_web

Pero non foron os doces de Carmen nin os de Fernando os protagonistas da tarde, senón que o foron os que elaboraron os nenos e nenas, todos eles inspirados en contos e ademais co reto de ter que facer todas as elaboracións en frío, en forno ou en microondas, xa que na aula non se traballa con lume, polo menos de momento.

Pero o proxecto, que o alcalde de Malpica cualificou como “sorprendente” e “moi interesante”, non fixo máis que arrancar. A partir de agora será o profesorado o encargado de dinamizalo, xa que cada titor traballará na Aula de Cociña cos seus alumnos e alumnas. Iso si, tanto Carmen Verdes coma Fernando Agrasar brindáronse a acudir ao colexio para realizar algunha que outra “masterclass” ao longo do curso.