Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Luns 15°
10°
Martes 14°
Mércores 14°
10°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. 2016
  3. Xaneiro

Xaneiro 2016

30Xan 2016

A Laracha, Carballo e Malpica únense para solicitar á Xunta a organización dun plan integral de emprego

• Os tres alcaldes acordaron cooperar na procura de desenvolver este programa que se marca como obxectivo reducir as taxas de paro.
• O proxecto inicial propón un programa dunha duración de doce meses e sesenta participantes.
• O Concello da Laracha, que liderará o proxecto, solicitará a colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria para o seu cofinanciamento.

REUNION-CARBALLO---LARACHA---MALPICA-baja

Co obxectivo de cooperar unindo infraestruturas, recursos humanos e ideas dirixidas á loita contra o desemprego, os Concellos da Laracha, Carballo e Malpica de Bergantiños veñen de consensuar o deseño dun Programa Integrado de Emprego que se presentará á Consellería Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia para o seu cofinanciamento ao abeiro da convocatoria de subvencións para esta finalidade publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado día 30 de decembro

No caso de concederse a axuda económica que se vai solicitar, poríase en marcha o ambicioso programa, cuxa proposta inicial é unha duración de doce meses e a participación dun máximo de sesenta persoas que se atopen en situación de desemprego, dando preferencia a determinados colectivos con maiores dificultades de inserción laboral (mulleres, menores de trinta anos e desempregados de longa duración).

O proxecto propón combinar accións de diferente natureza para formar e reorientar aos participantes nos sectores máis favorables para a súa inserción laboral. Todas elas desenvolveríanse en cooperación cos diferentes axentes económicos, como as asociacións de comerciantes, centros comerciais abertos, asociacións económicas e os profesionais de cada ramo.

Este Plan Integrado de Emprego sustentaríase sobre as bases da información, orientación, asesoramento, formación específica e transversal, práctica laboral, percepción empresarial, habilidades sociolaborais, fomento da capacidade de emprendemento e intermediación laboral. Por tanto, non soamente procura ofrecer aos participantes os coñecementos e experiencia precisos para acceder a un posto de traballo, senón que tamén promove o autoemprego e a creación de empresas ou sociedades.

Como primeiro paso desenvolveríanse unha serie de accións específicas preparatorias, en grupos de traballo sectoriais e con empresas e institucións relacionadas con cada especialidade. Ao mesmo tempo, os participantes recibirían formación transversal en materia de busca activa de emprego (elaboración do currículum, ofertas de emprego na Internet ou empresas de traballo temporal, orientación laboral, formación sobre emprendemento, etc.). Todos os cursos e accións formativas serían desenvolvidas en instalacións municipais dos tres Concellos e deseñadas e tutorizadas por profesionais cualificados.

Os alcaldes da Laracha (José Manuel López Varela), Carballo (Evencio Ferrero) e Malpica de Bergantiños (Eduardo Parga) acordaron nunha recente reunión de traballo mantida para ultimar o contido e as estratexias deste Plan Integrado de Emprego, que sexa o Concello da Laracha o que lidere o programa sendo, por tanto, o responsable de remitir o proxecto á Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia para propoñerlle o seu cofinanciamento.

26Xan 2016

Período medio de pago do cuarto trimestre do ano 2015

En cumprimento do establecido na Disposición adicional primeira da Lei Orgánica 9/2013 de Control da Débeda Comercial, procédese a dar publicidade á información relativa ao periodo medio de pago desta entidade correspondente ao 4º trimestre do exercicio 2015, calculado consonte ao establecido no RD 635/2014,de 25 de julio, polo que se desenvolve a metodoloxía do cálculo do periodo medio de pago a provedores.

 

DATOS IDENTIFICATIVOS DO INFORME PERIODO MEDIO DE PAGO:

Código Corporación Local: 11-15-043-AA-000

Nome corporación local: Malpica de Bergantiños

Exercicio : 2015

Periodo: cuarto trimestre

 

RATIO DE OPERACIÓNS PAGADAS

33,28 días

IMPORTE DAS OPERACIÓNS PAGADAS

       636.691,57 €

RATIO DE OPERACIÓNS PENDENTES DE PAGO

3,92 días

IMPORTE DAS OPERACIÓNS PENDENTES DE PAGO

318.354,18 €

PERIODO MEDIO DE PAGO DA ENTIDADE  

23,49 días

 

Malpica de Bergantiños, 26 de xaneiro de 2016

 

O ALCALDE

Eduardo José Parga Veiga

24Xan 2016

Delegados de zona da Asociación de Antigos Alumnos do colexio Calvo Sotelo da Coruña celebraron unha xuntanza en Malpica

IMG-20160123-WA0012_Asociación-de-Antigos-Alumnos-do-colexio-Calvo-Sotelo-da-CoruñaMalpica acolleu este sábado unha xuntanza dos delegados de zona da Asociación de Antigos Alumnos do colexio Calvo Sotelo da Coruña. Foi unha xornada de traballo, de ocio e, sobre todo, de confraternidade entre os representantes da entidade nas distintas comarcas da provincia. A organización correspondeu a Federico Blanco Gorín, delegado de Bergantiños, que destacou a “atención extraordinaria” que recibiron en Malpica.

A xornada comezou coa recepción do alcalde aos visitantes, algúns dos cales non coñecían Malpica. Eduardo Parga agradeceu a visita do grupo, integrado por unha vintena de persoas, e entregoulles unha peza de Olería de Buño como recordo da súa estancia no concello. Os representantes da Asociación de Antigos Alumnos, pola súa banda, obsequiaron ao Concello de Malpica cun prato conmemorativo do colexio Calvo Sotelo e unha reprodución da Torre de Hércules. No acto, celebrado no Centro Cívico, tamén participaron o tenente de alcalde, Miguel Fernández, e a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco, que ademais é irmá do delegado da zona de Bergantiños da Asociación de Antigos Alumnos do colexio Calvo Sotelo. Tamén se sumou á visita o ex concelleiro Manuel Torrado, que foi alumno do centro coruñés.

Despois da recepción institucional, os delegados de zona celebraron unha xuntanza no mesmo Centro Cívico para preparar as próximas actividades, entre as cales destaca a Festa da Unión, que se celebra en maio, coincidindo co día de María Auxiliadora, patroa do colexio. Nese acto, que ten lugar nas instalacións do Calvo Sotelo, reúnense as diferentes promocións que saíron do centro nos seus case sesenta anos de historia.

Pero o gran proxecto da Asociación de Antigos Alumnos, que conta nestes momentos con 300 socios/as, é, precisamente, a Obra Social. Federico Blanco destacou que dentro do programa denominado “Mini Obxectivos” aténdense as necesidades de atención médica, manutención, transporte ou de calquera outro tipo, de antigos alumnos que carecen de recursos. Así mesmo, o Memorial Eloy Rey Vidal, de creación máis recente, permitiu abrir outras dúas liñas de axuda a os ex alumnos. Por unha banda, a aqueles que se atopan nunha “situación límite”, e por outra, a través da Fundación Juan Soñador, a proxectos concretos. Este traballo social susténtase grazas ás achegas dos socios e a donativos, pero os fondos resultan insuficientes na actualidade para atender todas as demandas, sinalou o delegado da zona de Bergantiños.

Ademais da Obra Social, a entidade organiza a Festa de Reis para fillos/as dos socios, un trofeo de fútbol entre equipos de antigos alumnos, e xuntanzas coma a de onte, que incluíu unha visita á ermida do Santo Hadrián e un xantar nun restaurante malpicán. “Procuramos mobilizar á xente en cada zona, e, aínda que á xente nova é máis difícil implicala, a federación da Coruña é a que mellor está funcionando de España”, destacou Federico Blanco.

20Xan 2016

O Concello de Malpica iniciou as obras de urbanización da parcela do novo centro de saúde de Buño

O proxecto inclúe beirarrúas, aparcamentos e accesos, e o investimento supera os 60.000 euros

urb-centrosaude

Xa están en marcha as obras de urbanización exterior do centro de saúde de Buño. O proxecto foi adxudicado á empresa Construcciones López Cao SL por 60.318,50 euros, e inclúe a construción de beirarrúas, zona de aparcamento, accesos e áreas axardinadas. O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e o concelleiro de Obras e Servizos, Miguel Fernández, supervisaron o inicio dos traballos acompañados pola técnica municipal Patricia García Varela.

O Concello de Malpica complementa deste xeito o investimento realizado pola Consellería de Sanidade na construción do novo e moderno centro de saúde, que permitirá atender a unha poboación de 1.800 persoas. O edificio -cofinanciado nun 50% por fondos do Estado, dentro do Plan de Desenvolvemento Rural Sustentable- supuxo un desembolso de 624.810 euros, e a superficie que se construíu é de 524 metros cadrados. Conta cunha área médica con tres consultas de medicina xeral e unha consulta de enfermería; e unha área de administración cun arquivo, almacéns e outros servizos comúns, necesarios para o correcto funcionamento do centro.

Unha vez completadas as obras de urbanización e o equipamento, que corresponde á Xunta de Galicia, o centro de saúde de Buño poderá entrar en servizo xa nos primeiros meses deste ano.

16Xan 2016

Peixe e ovos no primeiro reparto do ano do banco de alimentos do Concello de Malpica e a Fundación Amigos de Galicia

SAM_0789-bajaO banco de alimentos xestionado conxuntamente pola Concellería de Servizos Sociais de Malpica e a Fundación Amigos de Galicia realizou o primeiro reparto do ano ás 21 familias usuarias do servizo. Ademais dos produtos non perecedoiros habituais, as familias recibiron xarda, ovos, laranxas, chourizo e iogures. Os produtos frescos sempre figuran nos lotes de alimentos que reparte o persoal do departamento que dirixe Marisol Blanco Gorín, que supervisa e participa activamente na distribución dos produtos que se leva a cabo no Centro Cívico.

O convenio entre o Concello de Malpica e a Fundación Amigos de Galicia está en vigor dende hai dous anos e medio. Ademais de garantir produtos básicos de alimentación ás 21 familias usuarias, o servizo ten contribuído á mellora das condicións de habitabilidade de varios fogares.

15Xan 2016

Aberto o prazo de inscrición para a Campaña de Esquí 2016

O Concello de Malpica dispón de tres prazas na actividade organizada pola Deputación da Coruña

foto-campaña-esqui-2016

O Concello de Malpica dispón de tres prazas na Campaña de Esquí 2016 da Deputación da Coruña, dirixida a nenas e nenos nados entre os anos 2001 e 2005. Os interesados poden presentar a súa solicitude ata o 22 de xaneiro no Rexistro Municipal. No caso de que haxa máis solicitudes que prazas celebrarase un sorteo público entre todos os inscritos.

Os nenos de Malpica participarán na primeira quenda da campaña, do 7 ao 12 de febreiro. O seu destino será a estación invernal de Leitariegos, onde asistirán a cursos de esquí, ademais de desfrutar durante cinco días de todo tipo de actividades na neve. O custe da actividade é de 95 euros, que inclúe todos os gastos.

Tedes máis información no Departamento de Deportes e neste folleto (PDF para descargar).

12Xan 2016

O Concello de Malpica e a ANPA Xaviña organizan Pequeoleiros para promover o contacto dos escolares de Buño coa olería

Once nenas e nenos de cinco a doce anos participarán en obradoiros de barro dous días á semana dende mañá ata finais de abril

jose-antonio-corral-baja

Mañá arrancará unha nova edición de Pequeoleiros, o programa deseñado polo Concello de Malpica, a través do ecomuseo do Forno do Forte, e a ANPA Xaviña, do colexio Joaquín Rodríguez Otero, para difundir a olería entre os escolares de Buño e conseguir que os nenos e nenas manteñan o contacto cunha tradición centenaria que é, ademais, un dos sinais de identidade e un importante recurso económico e turístico de Buño e de todo o concello.

Pequeoleiros desenvolverase nas instalacións da Casa do Oleiro todos os mércores e xoves ata finais de abril, en horario de 16.50 a 17.50. O oleiro José Antonio Corral será o encargado de transmitir os segredos da olería aos once nenos e nenas de cinco a doce anos de idade que participarán na iniciativa, que rematará cunha exposición das pezas creadas polos escolares.

7Xan 2016

Renovado o convenio anual entre a Deputación da Coruña e o Concello de Malpica para a xestión do Forno do Forte

O complexo etnográfico estará aberto de martes a domingo de 11 a 14 e de 16 a 19 horas

xesus-soto-ecomuseo
O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e o deputado provincial de Contratación, Patrimonio e Equipamento, Xesús Soto, asinaron o convenio de colaboración anual para a xestión do Forno do Forte de Buño. A Deputación da Coruña achegará o 100% dos gastos para o funcionamento do complexo etnográfico no 2016, ata un total de 60.000 euros, que xestionará integramente o Concello de Malpica.

Segundo figura no convenio, o Concello encargaranse do mantemento e dinamización do centro, a compilación de patrimonio etnográfico da zona, o fomento do estudo e a investigación ou a promoción de actividades culturais arredor do mundo da olería. Establécese un horario mínimo de atención ao público de 11 a 14 horas e de 16 a 19 horas de martes a domingo.

Nas instalacións do ecomuseo do Forno do Forte de Buño o propio espazo expositivo recupera e conserva os elementos arquitectónicos propios dunha casa dedicada á olería de Buño. As persoas visitantes achéganse no ecomuseo a todo o proceso de produción de pezas, desde o torneado ao cocido ou o secado, nun centro que contribúe a conservar e poñer en valor a cultura popular e é tamén un recurso turístico da comarca.