Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Luns 15°
10°
Martes 14°
Mércores 14°
10°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. 2015
  3. Outubro

Outubro 2015

30Out 2015

Medio cento de nenos e nenas participan na Escola de Fútbol do Concello de Malpica

Os rapaces están divididos en catro categorías: prebenxamín, benxamín, alevín e infantil

540-f-foto

Un total de 47 nenos e nenas acoden este curso á Escola de Fútbol do Concello de Malpica, unha iniciativa da Concellería de Deportes destinada aos alumnos/as de Educación Primaria. Os rapaces/as están divididos en catro categorías: prebenxamín (nacidos nos anos 2008 e 2009), benxamín (2006 e 2007), alevín (2204 e 2005) e infantil (2002 e 2003). Todos comezaron xa os seus adestramentos, que no caso dos prebenxamíns e benxamíns son os luns e mércores, e no dos alevíns e infantís os martes e os xoves.

O alcalde, Eduardo Parga; o concelleiro de Deportes, Iago Espasandín, e o tenente de alcalde, Miguel Fernández, acudiron á posta en marcha da actividade, que se desenvolverá ao longo de todo o curso e que forma parte da ampla oferta da Escola Municipal de Educación Física (EMEF) do Concello de Malpica.

28Out 2015

O alumnado dos centros escolares de Malpica participa nos obradoiros “Construíndo igualdade”

As actividades, organizadas pola Área de Igualdade do Concello, desenvolvéronse no CEIP Joaquín Rodríguez Otero durante o mes de outubro e continuarán no Milladoiro en novembro

540-f-foto

A Área de Igualdade do Concello de Malpica de Bergantiños está a desenvolver unha serie de obradoiros de educación para a igualdade nos centros educativos. Os talleres enmárcanse dentro do programa CONSTRUÍNDO IGUALDADE, unha iniciativa da Concellería de Servizos Sociais, que dirixe Marisol Blanco Gorín, que ten como principais obxectivos “traballar a sensibilización e a concienciación do alumnado dos centros educativos dende os primeiros anos do seu desenvolvemento vital e así favorecer un cambio de mentalidades dos futuros homes e mulleres da nosa comunidade”, segundo explica a axente de Igualdade, Patricia Vaquero.

Os obradoiros impartíronse no mes de outubro no CEIP Joaquín Rodríguez Otero de Buño e participou todo o alumnado do centro, dividido por ciclos. Os máis pequenos, do 1º ciclo de primaria, participaron en Contos pola igualdade; os de 2º ciclo, nun taller de corresponsabilidade, e os de 3º ciclo de primaria, en educación para a igualdade.

Durante o mes de novembro será a quenda do CEIP Milladoiro, no que as actividades tamén chegarán a todo o alumnado.

Os obradoiros son impartidos pola axente de Igualdade do Concello de Malpica de Bergantiños, contratada ao abeiro do programa de desenvolvemento de políticas de Igualdade entre mulleres e homes e de loita contra a violencia de xénero da Deputación Provincial da Coruña para o ano 2015.

26Out 2015

A Concellería de Servizos Sociais pon en marcha un curso de técnicas de colocación de pladur e pintura para persoas con diversidade funcional e/ou en risco de exclusión social

Aberto o prazo de inscrición para o obradoiro, que terá 42 horas de duración e será impartido pola Asociación Íntegro

540-f-foto

A Concellería de Servizos Sociais de Malpica porá en marcha o vindeiro 3 de novembro un curso de técnicas de colocación de pladur e pintura destinado a persoas con diversidade funcional e/ou en risco de exclusión social e subvencionado pola Deputación Provincial da Coruña. O obradoiro, de carácter eminentemente práctico, terá 42 horas de duración, e será impartido pola Asociación Íntegro na Casa do Oleiro de Buño, onde se desenvolverá tanto a formación teórica coma a práctica. As clases serán os luns, martes e xoves, de 09.30 a 13.00 horas.

As prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de inscrición. Os/as interesados/as poden inscribirse xa no Departamento de Servizos Sociais (Centro Cívico) ou chamando ao número de teléfono 981 720 280.  

25Out 2015

O mellor da escena galega pasará pola Mostra de Teatro

A celebración das “15 primaveras” de Mamá Cabra abrirá o vindeiro venres 6 un cartel que inclúe dez espectáculos para todo tipo de públicos

540-f-foto

A XI Mostra de Teatro de Malpica reunirá o mellor da escena galega ao longo dos meses de novembro e decembro. Este ano a Concellería de Educación, Cultura e Turismo, que conta coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña, a Asociación Teatral Os Amigos de Malpica, a Asociación Cultural Caldeirón e o colectivo Teatro Valle Innova-Fundación Valle Inclán, ofrecerá dez actuacións para todo tipo de público. A primeira será, sen dúbida, unha das favoritas dos máis pequenos da casa, xa que Malpica recibirá o vindeiro 6 de novembro a Mamá Cabra para celebrar as “15 primaveras” do popular grupo infantil. Pero se a primeira será especial, a última tamén, porque para pechar a Mostra de Teatro, o 12 de decembro, actuarán Os Amigos de Malpica co espectáculo “O cantar dos cantares”.

Este é o programa completo:

  • Venres, 6 de novembro, ás 20.30 horas

Celebration. Mamá cabra

Duración: 60 minutos
Xénero: Musical
Público preferente: Público familiar

  • Venres 13 de novembro, ás 20.30 h.

Cociña económica. Mofa&Befa 

Duración: 75 minutos
Xénero: Comedia
Público preferente: A partir de 14 anos

  • Venres 20 de novembro, ás 20.30 h.

D.E.P.Malasombra produccións

Duración: 75 minutos
Xénero: Comedia
Público preferente: A partir de 14 anos
 

  • Domingo 22 de novembro

Ás 11.00 h. Bajo la Luz de la Lámpara. Escola de Teatro Valle-Innova ? Fundación Valle Inclán

Duración: 150 minutos
Xénero: Risoterapia, contacontos e xogos de intelixencia.
Público preferente: Público familiar
 

Ás 17.00 h. Quiero ser un Valle-Inclán. Escola de Teatro Valle-Innova ? Fundación Valle Inclán

Duración: 60 minutos
Xénero: Teatro infantil
Público preferente: Todos os públicos
 

  • Venres 27 de novembro, ás 20.30 h.

 As fillas bravas. Chévere Produccións

Duración: 50 minutos
Xénero: Teatro de xénero
Público preferente:  Todos os públicos
 

  • Venres 4 de nadal, ás 20.30 h. 

Xango. Talía Teatro

Duración: 50 minutos
Xénero: Comedia infantil
Público preferente: nenos/as de 6 a 11 anos
 

  • Venres 11 de nadal, ás 11.30 h.

Rosa Caramelo.  Talía Teatro

Duración: 45 minutos
Xénero: Comedia infantil
Público preferente: nenos/as de 4 a 8 anos

  • Venres 11 de nadal, ás 20.30 h.

 Demolición. Talía Teatro

Duración: 90 minutos
Xénero: Comidrama
Público preferente: a partir de 13 anos

  • Sábado 12 de nadal, ás 20.00 h.

 O Cantar dos Cantares.  Os Amigos de Malpica

Duración: 60 minutos
Xénero: Comedia
Público preferente: familiar a partir de 10 anos

24Out 2015

O Concello de Malpica recoñece a colaboración do xerente de Silfo Surfcamp no mantemento da seguridade na praia

O alcalde, o concelleiro de Seguridade e o xefe de Protección Civil fixéronlle entrega hoxe dunha placa de agradecemento

540-f-foto

O Concello de Malpica e Protección Civil quixeron recoñecer e agradecer a colaboración de Juan José Rodríguez Hierro, xerente de Silfo Surfcamp, facéndolle entrega dunha placa na que se fai alusión ao seu labor desinteresado e ao importante apoio que presta para o mantemento da seguridade na praia de Area Maior.

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, presidiu a recepción que se lle ofreceu este mediodía na Alcaldía, onde José Rodríguez quixo agradecer, pola súa banda, o xesto do goberno municipal. Posteriormente, o homenaxeado e o alcalde, acompañados polo concelleiro de Seguridade e tenente de alcalde, Miguel Fernández, e polo xefe de Protección Civil, Iván Muiño, desprazáronse ata o salón de plenos para oficializar o acto. Eduardo Parga insistiu no importante apoio que supón a entidade que representa José Rodríguez á hora de garantir a seguridade dos usuarios/as da praia.

23Out 2015

As familias numerosas de Malpica poden tramitar a bonificación do 50% do Imposto sobre Bens Inmobles

As solicitudes deben presentarse antes do 31 de marzo no Departamento de Servizos Sociais

540-f-foto

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, lembra que as familias numerosas poden tramitar a bonificación do 50% do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI), tal como establece a ordenanza fiscal que o regula no municipio. O prazo está aberto ata o 31 de marzo, e as solicitudes deben presentarse no Departamento de Servizos Sociais (Centro Cívico). O desconto aplicarase aos bens inmobles de carácter residencial destinados a vivenda habitual e nos que figure como suxeito pasivo o titular dunha familia numerosa.

Ademais, os solicitantes deben cumprir outros requisitos. En primeiro lugar, que a suma dos valores catastrais dos bens inmobles que posúa no municipio de Malpica non exceda de 90.000 euros. E, en segundo lugar, que a renda anual non supere os topes establecidos en función do número de membros da unidade familiar, e que son os que figuran no seguinte cadro:

3

20.000 euros

4

30.000 

5

35.000 

6

39.000 

7

42.000 

8

44.000 

9 ou máis

                45.000 

 

23Out 2015

A Cea das Letras reunirá aos premiados/as nos 10 anos do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas

O día 7 presentarase a obra “A outra voz”, de Alberte Momán e Verónica Martínez, gañadora do ano pasado, e farase público o fallo desta edición

540-f-foto

A Asociación Cultural Caldeirón e o Concello de Malpica reunirán a todos os autores e autoras galardoados nos dez anos de historia do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas coincidindo coa celebración da Cea das Letras, o vindeiro 7 de novembro. A xornada comezará, precisamente, cun acto conxunto con todos e todas os/as premiados/as que se celebrará no Centro Cívico ás 20 horas. Posteriormente, homenaxeados e convidados desprazaranse ata o restaurante A Cunca, de Buño, onde terá lugar a presentación da obra “A outra voz”, de Verónica Martínez e Alberte Momán, gañadora da última edición do certame, e darase a coñecer o fallo desta décima edición.

O prezo da cea é de 25 euros e todos/as os/as asistentes serán agasallados cun exemplar do libro “A outra voz”. As persoas interesadas en asistir poden facer as súas reservas poñéndose en contacto coa Asociación Cultural Caldeirón (675 607 127), coa Concellería de Educación, Cultura e Turismo (981 707 104) ou co restaurante A Cunca (981 711 204).

Un total de doce obras aspiran ao premio do X Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, organizado pola Asociación Cultural Caldeirón coa colaboración do Concello de Malpica de Bergantiños, que está dotado con 1.000 euros en metálico e a publicación da obra na colección Caldeirón. 

22Out 2015

Remata o prazo de inscrición nas actividades da Escola Municipal de Educación Física (EMEF)

Mañá é o último día para anotarse no Departamento de Deportes ou nos colexios

540-f-foto

Mañá, día 23, remata o prazo de inscrición nas actividades da Escola Municipal de Educación Física (EMEF). Os interesados poden dirixirse ao Departamento de Deportes (de 09.00 a 14.00 horas) ou facer os trámites nos colexios e a través do número de teléfono 981 720 001 ou do correo electrónico pablo.lista @ malpica.dicoruna.es.

A EMEF inclúe este curso escola de porteiros (nenos nacidos entre os anos 2002 e 2009), baloncesto (2004 a 2007), ximnasia rítmica (2002 a 2008), psicomotricidade e ritmo (2008 a 2011), aerobic (2002 a 2007), patinaxe (2004 a 2011) e escola de fútbol (2002 a 2009). As dúas últimas actividades impártense tanto en Malpica coma en Buño.

Os nenos e nenas que participan nas actividades de aerobic recibiron a visita do alcalde, Eduardo Parga, e dos concelleiro Iago Espasandín e Miguel Fernández (na imaxe).

20Out 2015

Período medio de pago a provedores no 3º trimestre do 2015

En cumprimento do establecido na Disposición adicional primeira da Lei Orgánica 9/2013 de Control da Débeda Comercial, procédese a dar publicidade á información relativa ao período medio de pago desta entidade  correspondente ao 3º trimestre do exercicio 2015, calculado consonte ao establecido no RD 635/2014,de 25 de xullo, polo que se desenvolve a  metodoloxía do cálculo do período medio de pago a provedores.

 

DATOS IDENTIFICATIVOS DO INFORME PERIODO MEDIO DE PAGO:

Código Corporación Local: 11-15-043-AA-000

Nome corporación local: Malpica de Bergantiños

 

Exercicio : 2015

 

Período: terceiro  trimestre

 

RATIO DE OPERACIÓNS PAGADAS                                    

 

17,86 días

 

IMPORTE DAS OPERACIONS PAGADAS

 

   682.988,55 euros

 

RATIO DE OPERACIONS PENDENTES DE PAGO                     

 

92,05 días

 

IMPORTE DAS OPERACIONS PENDENTES DE PAGO      

 

315.119,42 euros

 

PERIODO MEDIO DE PAGO DA ENTIDADE                         

 

37,07 días

 

Malpica de Bergantiños, 15 de outubro de 2015

O ALCALDE

 

Eduardo José Parga Veiga

 

19Out 2015

“Ti tamén contas” conciencia mañá sobre a solidariedade internacional en Malpica

A actividade chega ao concello por ser socio do Fondo Galego de Cooperación e encádrase no 82º aniversario das Misións Pedagóxicas

540-f-foto

A Tropa de Trapo retoma mañá martes en Malpica a xira “Ti tamén contas”, que ao longo deste ano percorre máis de vinte concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A proposta músico-teatral, no seu formato para público infantil, recalará ás 10.30 horas no auditorio do Centro Cívico, no marco das actividades do 82º aniversario das Misións Pedagóxicas.

 

Sensibilizar sobre a solidariedade internacional é o obxectivo das historias que se escoitarán sobre o escenario. Os contos “O home feliz”, “A pelota” ou “Tumbé” introducen cuestións coma o materialismo, o traballo infantil ou as catástrofes naturais. A seguir, debátese co alumnado sobre a relación entre a abundancia e a felicidade, o consumo responsable ou a importancia da cooperación, sempre a través de dinámicas activas e participativas.

 

“Ti tamén contas” é o terceiro espectáculo no que colaboran a compañía compostelá e o Fondo Galego, despois do éxito colleitado desde o ano 2010 por “Contos coas mans abertas” e por “Antía, Wamba e o regato pequeno” nos municipios que integran esta rede. Marta Ortiz e Brais das Hortas son dous ensinantes de vocación que en 2006 xuntaron as súas inquedanzas pola narración oral no proxecto A Tropa de Trapo. Desde entón levan percorrido toda Galicia, e mesmo outras Comunidades Autónomas, facendo reflexionar a nenas e nenos, mocidade e maiores coas súas diferentes iniciativas.

 

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está formado por 87 concellos e as deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

Página 1 de 212