Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 12°
Venres 13°
Sábado 12°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. 2015
  3. Agosto

Agosto 2015

4Ago 2015

A Feira Medieval Mariñeira e a Festa Galega tomarán o relevo cultural nun mes de agosto espectacular en Malpica

Milladoiro, Radio Cos e Samarúas serán os pratos fortes da fin de semana musical
540-f-foto

Agosto é o mes de Malpica de Bergantiños. En plena celebración da Mostra da Olería de Buño, organizada este ano man a man entre o Concello de Malpica e a Asociación Oleira, a Concellería de Cultura e Turismo non quere que o ambiente decaia a partir da súa clausura, o vindeiro domingo 9. Por iso o departamento que dirixe Noelia Freijeiro ten preparado un interesante programa de actividades para a segunda quincena que arrincará o día 14 coa IV Feira Medieval Mariñeira e a Festa Galega.

 

Este ano os pratos fortes da Festa Galega, pola que en cada edición pasa o mellor do folk galego, serán Milladoiro, Radio Cos e Samarúas, que actuarán o sábado 15. Pero os concertos xa comezarán o venres ás 22.00 horas con tres agrupacións locais: a Banda de Gaitas da AC Malante, as cantareiras da AC Raigañas e o grupo Fol de Veneno. O día forte será o sábado e arrincará ás 19.15 horas co Desfile da Banda de Gaitas da AC Malante dende o Centro Cívico ata o porto, onde continuará a festa coa Banda de Gaitas da Agrupación Folclórica de San Xiao do Trebo (Cariño), a Banda de Gaitas Abelleira (Ponferrada) e a anfitrioa. Samarúas subirá ao escenario ás 22 horas, e despois farano Milladoiro (23.30) e Radio Cos (01.15).

 

A Feira Medieval Mariñeira tamén botará a andar o venres, pero ás 11 horas. Os postos, arredor de trinta, estarán ubicados ao longo da rúa Eduardo Vila Fano, decorados e ambientados dacordo coa temática do mercado. Pero ademais das casetas de venda de produtos gastronómicos de todo tipo, xogos tradicionais, produtos cosméticos, artesanía en coiro e madeira, xoiería… e moitos máis, os visitantes poderán desfrutar de paseos en poni, espectáculos de zancudos e música en vivo, e obradoiros para os máis pequenos.

 

3Ago 2015

A Croa do Castro estreouse con numerosas visitas guiadas para turistas

O programa de visitas estaba incluído na Mostra da Olería 2015
540-f-foto

O pasado sábado, a Croa do Castro de Cerqueda acolleu un programa de visitas guiadas en horario de mañá e tarde. Os primeiros grupos viñan na viaxe en tren desde Malpica de Bergantiños en horarios de 11 e 18 h. As outras dúas sesións, foron a partir de 11.45 e 18.45 dentro da actividade Croa Aberta. As visitas foron monitorizadas por Xosé Manuel Varela Varela, asesor en documentación local para o proxecto Croa do Castro de Cerqueda.

 

Ó longo das catro sesións de visitas guiadas acudiron a este recinto da Idade de Ferro unhas 73 persoas. Fundamentalmente foron grupos de pais con fillos e todas eran de orixe galega. Os visitantes de orixe máis distante eran da provincia de Lugo. Os máis próximos eran de Malpica, Ponteceso, Carballo e Coristanco.

 

Entre as percepcións que amosaron os visitantes foi a grandeza do xacemento así como a súa situación estratéxica que lle permite ter unha ampla visión panorámica desde o contorno e coa cal se domina gran parte da comarca de Bergantiños (terras de Malpica, Carballo, Ponteceso e Cabana) e se albiscan as terras de Soneira. Outras curiosidades que preguntaban era saber a titularidade da parcela e se neste castro viviran os celtas.

 

Os visitantes foron informados ademais das lendas que aínda perviven na memoria oral dos habitantes de Cerqueda e da rede de castros que, non moi distantes, serían as aldeas que poboaban as hoxe parroquias de Cerqueda, Cambre e Malpica.

 

2Ago 2015

Exitosa experiencia de colaboración na Cocedura Tradicional entre a Fundación Terra Termarum e o Forno do Forte

Centos de persoas pasaron esta fin de semana polo ecomuseo de Buño
540-f-foto

Onte pola mañá non se escoitaba un chío no Forno do Forte. A expectación ante o inicio do longo e laborioso proceso da Cocedura Tracicional era enorme, e o público, moi numeroso, non quería perder detalle. Se o ano pasado se fixeron probas introducindo por primeira vez no forno pezas coma os botixos de rosca, este ano o experimento consistiu en introducir pezas de cerámica de Castro Landín, onde a Fundación Terra Termarum utiliza unha técnica moi diferente de cocción, en forno aberto. Para coñecer o resultado houbo que agardar ata hoxe. E foi un éxito. As catro primeiras pezas saíron ?perfectas?, comentou o xerente do ecomuseo, Paco Doval, que se amosaba satisfeito, ilusionado e ansioso de que avanzase o proceso de desenfornado para comprobar que a quinta e última peza de cerámica Castro Landín tamén estaba perfectamente cocida. A partir de agora iniciarase unha nova fase nesta experiencia de colaboración entre a Fundación Terra Termarum e o Forno do Forte para analizar as coceduras realizadas na Semana Santa e esta fin de semana, en distintos tipos de forno e con resultados diferentes.

 

Aínda que sempre hai novidades na Cocedura Tradicional, outras cousas non cambian, coma a presenza do oleiro Antonio Pereira, O Rulo, á fronte do equipo de traballo que dedica toda unha fin de semana a revivir unha das nosas tradicións máis arraigadas. Despois de traballar durante toda a mañá do sábado, arredor das 16 horas, co forno xa cargado, o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e a concelleira de Educación, Cultura e Turismo, Noelia Freijeiro, prenderon o lume. E durante toda a tarde os atizadores encargáronse de manter a temperatura arredor dos 1.000 graos que se precisan para que as pezas queden ben cocidas. A xornada rematou coa Festa da Carroa, aproveitando as brasas para preparar un bo churrasco que serviu de escusa para comentar as anécdotas da xornada antes de dar renda solta á diversión coa música do grupo Fol de Veneno.

 

 

Horarios do Forno do Forte

O Forno do Forte é un dos principais escenarios da XXXII Mostra da Olería de Buño. Ata o día 9 está aberto de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas, e o resto do verán tamén poderá visitarse de martes a sábado de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 18.00 e os domingos de 10.00 a 14.00 horas.

 

1Ago 2015

A UD Cerqueda convértese no primeiro club galego que leva o nome do castro da súa parroquia na camiseta

O Concello de Malpica destaca a implicación do equipo de fútbol e do resto de entidades de Cerqueda no proxecto de recuperación da Croa do Castro
540-f-foto

A UD Cerqueda convértese no primeiro equipo de fútbol galego que leva na camiseta o nome do castro da súa parroquia. Esa curiosidade desvelouna Manuel Gago, coordinador do proxecto de recuperación da Croa do Castro, no acto de presentación oficial da camiseta. Como non podía ser doutro xeito, o escenario foi o propio castro, no que se reuniron representantes de todas as entidades da parroquia de Cerqueda e do Concello de Malpica. O alcalde, Eduardo Parga, e os concelleiros Miguel Fernández, Iago Espasandín, Marisol Blanco e Noelia Freijeiro quixeron apoiar a iniciativa da UD Cerqueda e destacaron a implicación do equipo de fútbol e do resto de entidades da parroquia na divulgación do proxecto da Croa do Castro.

 

A UD Cerqueda estivo representada polo seu presidente, Roberto García; polo directivo Alberto Pose e polo capitán, Daniel García Reigía. Pero tamén participaron no acto a asociación de veciños Monte d?Arxa, a cultural Raigañas, a cabalar Os Veteranos, a ciclista Castro da Croa e a comisión de festas.

 

A UD Cerqueda debutará na 2ª Autonómica cunha camiseta na que pode lerse na parte traseira «A Croa do Castro de Cerqueda». Isto terá un gran impacto de divulgación non só nos campos de fútbol nos que xogue o equipo, senón que tamén terá eco en todos os sectores que rodean este deporte, tal como destacou Xosé Manuel Varela, representante da AVV Monte d?Arxa, e guía dos visitantes que se desprazaron hoxe ata a Croa do Castro aproveitando as viaxes do tren turístico dende Malpica e Buño. Esta iniciativa do Concello de Malpica, incluída no programa da XXXII Mostra da Olería de Buño, contribúe tamén a dar a coñecer o xacemento e as lendas que o envolven entre veciñanza e visitantes.

 

Página 3 de 3123