Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Luns 15°
10°
Martes 14°
Mércores 14°
10°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. 2015
  3. Agosto

Agosto 2015

31Ago 2015

O Concello de Malpica e a Asociación Protectora de Animais Gatocán colaboran no control dunha colonia de gatos vagabundos

Para evitar que a colonia siga aumentando os felinos son castrados, e para que non haxa problemas de hixiene son aloxados nunha caseta especialmente deseñada para eles
540-f-foto

O Concello de Malpica e a Asociación Protectora de Animais Gatocán veñen de asinar un convenio para o control dunha colonia de gatos vagabundos que estaba a provocar molestias entre os residentes da zona de Canido.

 

Mediante o acordo, voluntarios da protectora encárganse de capturar aos felinos e levalos ao refuxio de Gatocán para proceder á súa castración. Posteriormente, os gatos son trasladados de novo a Malpica para integrarse nunha colonia controlada que estará situada nunha caseta especialmente deseñada para eles que xa está instalada a poucos metros da praia.

 

A caseta foi inaugurada onte, e xa aloxa aos seus primeiros inquilinos despois de ser desparasitados e castrados. O interior está preparado para que os felinos poidan durmir e comer, e será o propio Concello de Malpica o que se encargará de facilitarlles a alimentación de xeito controlado. Neste sentido, dende o Concello e Gatocán pídese aos veciños e veciñas que non dean de comer aos gatos, xa que estas prácticas só contribúen a que proliferen cada vez máis e a que se produzan os problemas de hixiene que xa teñen provocado as queixas da cidadanía.

 

Segundo os cálculos iniciais, os voluntarios de Gatocán terán que dar captura a máis de corenta gatos. A protectora, que xa ten experiencia neste tipo de prácticas noutros concellos galegos, considera que esta é a forma máis “civilizada” de poñer fin ao problema, xa que, por unha banda, permítese que os gatos sigan vivindo na zona, e, por outra, “empezan a adquirirse bos costumes que, ademais de mellorar a calidade de vida dos animais, facilitan a convivencia”.

 

O Concello de Malpica faise cargo dos gastos de desprazamento, castración e construción da caseta, o cal pode supoñer, en total, arredor dos 1.500 euros. 

 

30Ago 2015

Multitudinaria despedida do mes de agosto

Teatro, música tradicional e rock encheron de animación a tarde-noite do sábado
540-f-foto

Veciños de Malpica e visitantes ofreceron unha despedida multitudinaria ao mes de agosto. Centos de persoas participaron nas distintas actividades culturais e deportivas que tiveron lugar na tarde ? noite do sábado, dende o Torneo Solidario Os Petóns no campo de fútbol de Xaviña (Buño) ata o concerto de Five Strings Band na terraza do pub Leño (Malpica).

 

Especialmente multitudinaria foi a última función do Retablo de Fantoches Rafael Dieste. Nenos e nenas, e tamén moitos papás e mamás, congregáronse no paseo marítimo ás 20.30 horas para desfrutar coa representación de “As mil e unha noites”, un dos últimos espectáculos de Teatro dos Ghazafelhos, que resultou todo un éxito e deixou aos asistentes con ganas de máis.

Pouco antes das 22.00 horas, en plena rúa principal, daba comezo outro espectáculo que reuniu a numeroso público, entre o que se atopaban o alcalde, Eduardo Parga, e o concelleiro Miguel Fernández. A Agrupación Folclórica Aturuxo, que este ano celebra o seu 60º aniversario, é unha entidade coruñesa con lazos co municipio malpicán grazas ao grupo de pandereteiras de Mens que se integraron nel a principios dos anos setenta. A actuación de música e baile, que se prolongou durante máis dunha hora, foi moi aplaudida.

 

Tamén se quedaron con ganas de máis os asistentes ao concerto da banda ferrolá Five Strings Band organizado polo pub Leño no paseo marítimo. O grupo do mítico Tony Torres demostrou por que está considerado como un dos mellores de Europa no seu estilo.

30Ago 2015

Recaudados 379 euros no Torneo Solidario Os Petóns

O Boimorto proclamouse campión do trofeo organizado pola UD Cerqueda
540-f-foto

O Boimorto proclamouse campión do Torneo Solidario Os Petóns, organizado pola Unión Deportiva Cerqueda coa colaboración do Concello de Malpica de Bergantiños. O equipo anfitrión foi o segundo clasificado, e o Baíñas quedou terceiro. O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, participou na entrega dos galardóns, tres pezas de olería de Buño doadas polo propio Concello.

Pero o máis importante non foi a competición, senón o carácter solidario do trofeo. A recadación entre rifas e cantina ascendeu a 379 euros, que se destinarán integramente ao banco de alimentos do Concello de Malpica, xestionado pola Fundación Amigos de Galicia e do que se benefician 21 familias do municipio.

Grazas á UD Cerqueda, aos equipos participantes e ao público pola súa solidariedade!

29Ago 2015

A Xunta de Galicia inviste máis de 6 millóns de euros en tres grandes obras que mellorarán substancialmente a calidade dos servizos públicos en Malpica

A escola infantil de Aldeola entrará en funcionamento en setembro, e antes de fin de ano estarán rematados o centro de saúde de Buño e a EDAR de Malpica
540-f-foto

O 2015 marcará un antes e un despois na calidade dos servizos públicos aos que ten acceso a veciñanza do municipio de Malpica de Bergantiños. Grazas ao esforzo inversor da Xunta de Galicia, este ano poderán entrar en funcionamento tres grandes infraestruturas que darán resposta a tres vellas demandas veciñais: a escola infantil de Aldeola, o centro de saúde de Buño e a estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Malpica, que supoñen un investimento total de 6,4 millóns de euros.

 

As obras do centro de saúde de Buño están moi avanzadas, e todo indica que poderá entrar en servizo este mesmo ano. O proxecto, cofinanciado nun 50% por fondos do Estado dentro do Plan de Desenvolvemento Rural Sustentable, ten un orzamento de 624.810 euros. O novo edificio sanitario, que constrúe a empresa Orega SL, terá unha superficie construída de 524 metros cadrados, nos que albergará un área médica con tres consultas de medicina xeral, unha consulta de enfermería, unha sala polivalente e unha área de administración con arquivo, almacéns e outros servizos comúns. O centro de saúde poderá atender a unha poboación de 1.800 persoas de Buño e das parroquias máis próximas. O resto da cidadanía seguirá sendo atendida no centro de saúde de Malpica.

 

Moito máis avanzada está a escola infantil de Aldeola. De feito, só falta o equipamento, polo que entrará en servizo nas vindeiras semanas. Neste caso, a obra foi cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), tras o convenio asinado polo alcalde, Eduardo Parga, e a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato. O Consorcio Galego de Igualdade e Benestar adxudicou os traballos á empresa Atlántica de Construcción y Medio Ambiente SL por un importe de 354.175 euros. A escola infantil de Malpica contará con 3 unidades, polo que dará cabida a 41 nenos e nenas de cero a tres anos de idade. O novo edificio terá dúas plantas. Na baixa estarán as aulas, un espazo de usos múltiples, cociña e aseo; mentres que na planta alta emprazaranse a sala de profesores, o despacho de dirección e unha zona de xogos.

 

Para finais deste ano está prevista, ademais, a entrada en funcionamento da EDAR de Malpica, unha importante infraestrutura que solucionará de xeito definitivo os problemas de saneamento da vila. A obra está financiada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta e o Feder (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional), que achega o 80% dos 5,4 millóns de euros consignados para a obra, e da execución encárgase a UTE Copasa & Veolia Water Systems Ibérica. A EDAR situarase no extremo sur do peirao e poderá dar servizo a máis de 7.000 habitantes. A partir da conclusión dos traballos, a UTE continuará durante un ano coa explotación en probas da nova infraestrutura.

 

28Ago 2015

O Sporting Meicende, gañador do Trofeo Festas do Mar

Mañá sábado disputarase no campo de fútbol de Xaviña o Torneo Solidario Os Petóns
540-f-foto

Na antesala das competicións ligueiras, os equipos de fútbol do municipio malpicán melloran a súa preparación en diversos torneos. O Malpica participou a fin de semana pasada no Trofeo Festas do Mar, un dos triangulares clásicos do verán que nesta edición adxudicouse o Sporting Meicende. O segundo posto foi para o Orillamar, e o terceiro para o equipo anfitrión. O concelleiro de Deportes, Iago Espasandín, foi o encargado de entregar os trofeos aos participantes.

 

Esta fin de semana hai unha nova cita co fútbol, nesta ocasión no campo de Xaviña (Buño), onde se disputa o Torneo Solidario Os Petóns, organizado pola Unión Deportiva Cerqueda en colaboración co Concello de Malpica.  A característica desta competición é que toda a recadación que se consiga destinarase á compra dos alimentos máis necesarios para o banco que xestiona a Concellería de Servizos Sociais en colaboración coa Fundación Amigos de Galicia, e do que se benefician 21 familias do municipio malpicán. No Torneo Solidario Os Petóns participarán, ademais da UD Cerqueda, o CD Baíñas e o CF Boimorto. Os partidos comezarán ás 18 horas.

 

28Ago 2015

A Ludoteca de Malpica pechou as súas portas

A nova escola infantil, que entrará en funcionamento nas vindeiras semanas, permitirá mellorar o servizo que se viña prestando ás familias dende hai 13 anos
540-f-foto

Esta semana pechou as súas portas a Ludoteca de Malpica, un servizo municipal de atención ás familias que viña funcionando regulamente na planta baixa da casa consistorial dende febreiro do ano 2002. O centro, tal como figura no seu regulamento de réxime interior, naceu para atender á poboación infantil de 2 a 12 anos de idade co obxectivo de “potenciar o xurdimento dunha actividade lúdica favorecedora do desenvolvemento mental, psicomotor, afectivo e sensorial do neno, así como posibilitar o acceso ao mundo da actividade lúdica de aqueles sectores cun entorno sociocultural menos favorecido”. As súas 15 prazas estaban ocupadas polos nenos e nenas máis pequenos, que a partir de agora terán a posibilidade de acceder a un servizo más amplo na nova escola infantil de Aldeola. Os usuarios e usuarias da ludoteca e as súas monitoras celebraron unha festa de despedida con xogos e merendola.

 

A entrada en funcionamento da nova escola infantil, prevista para as vindeiras semanas, permitirá ampliar e mellorar o servizo que se viña prestando ás familias na ludoteca municipal. De feito, esta nova infraestrutura viña sendo reclamada polas nais e pais dende hai moito tempo. A escola infantil de Malpica contará con 3 unidades, polo que dará cabida a 41 nenos e nenas de cero a tres anos de idade. O novo edificio terá dúas plantas. Na baixa estarán as aulas, un espazo de usos múltiples, cociña e aseo; mentres que na planta alta emprazaranse a sala de profesores, o despacho de dirección e unha zona de xogos.

 

Segundo a planificación da Consellería de Traballo e Benestar, nos primeiros días de setembro contactarase coas familias das nenas e nenos matriculados para realizar entrevistas individuais, e antes do comezo da actividade ordinaria celebrarase unha xornada de portas abertas.

27Ago 2015

Clausurado o torneo infantil de fútbol praia e fútbol sala

A entrega de medallas tivo que levarse a cabo no pavillón debido ao mal tempo, que impediu celebrar as actividades de despedida en Area Maior
540-f-foto

Despois de dous meses intensos de campamentos, excursións, actividades acuáticas… a programación deportiva do Concello de Malpica para este verán tamén está tocando á súa fin. Onte tivo lugar a clausura do torneo infantil de fútbol praia e fútbol sala, no que participaron 60 nenas e nenos ao longo de todo o mes de agosto. A xornada de despedida non puido desenvolverse segundo o previsto debido ao mal tempo, que impediu celebrala na praia de Area Maior e obrigou a trasladala ao polideportivo. Alí o alcalde, Eduardo Parga; o concelleiro de Deportes, Iago Espasandín, e o de Obras e Servizos, Miguel Fernández, entregaron as súas medallas aos participantes. Esta semana tamén rematarán os cursos de surf e kayak organizados polo SurfCamp e o Club Náutico, respectivamente, cola colaboración do Concello de Malpica, e nos que participan decenas de rapaces e rapazas.

 

27Ago 2015

“As mil e unha noites” da compañía de teatro Ghazafellos pechan o Retablo de Fantoches Rafael Dieste

A representación está prevista para o sábado ás 20.30 horas no paseo marítimo, pero se chove trasladarase ao Centro Cívico
540-f-foto

A compañía Ghazafellos pechará este ano o Retablo de Fantoches Rafael Dieste, a particular homenaxe do Concello de Malpica ás representacións que se levaron a cabo nos anos 30 do século pasado no marco das Misións Pedagóxicas. Para a última representación, a Concellería de Cultura proponnos o espectáculo As mil e unha noites, no que, baixo o arrecendo a incenso, uns contadores de historias da afastada Persia comparten co público as aventuras de Sherezade e as súas mil e unha noites: alfombras voadoras, xenios poderosos, ladróns, aventureiros… Todo mesturado con música e recreacións dos momentos máis máxicos dos relatos árabes máis coñecidos, como Aladino e a lámpada marabillosa ou Alibabá e os corenta ladróns. O espectáculo, duns 60 minutos de duración e especialmente dirixido a nenas e nenos a partir de cinco anos. Se o tempo acompaña, como ocorreu coincidindo coas actuacións de Teatro Babaluva e Fantoches Baj, a función desenvolverase no paseo marítimo. No caso de choiva trasladarase ao auditorio do Centro Cívico. En calquera caso comezará ás 20.30 horas.

A actuación de Teatro Ghazafellos non só pecha o Retablo de Fantoches Rafael Dieste, senón tamén as Noites na Vila que se viñeron desenvolvendo ao longo dos meses de xullo e agosto. Música, teatro, maxia… As Noites na Vila encheron de animación o paseo marítimo de Malpica durante todo o verán.

26Ago 2015

O Torneo Solidario Os Petóns marca o comezo da colaboración da UD Cerqueda co banco de alimentos do Concello de Malpica

“O fútbol ten que servir para algo máis que para ir os domingos ao campo”, sinalaron os organizadores na presentación do cartel
540-f-foto

A xunta directiva da Unión Deportiva Cerqueda está convencida de que o fútbol “ten un potencial tremendo” que vai moito máis alá do puramente deportivo, e está decidida a aproveitalo. A promoción da Croa do Castro nas camisetas que lucirán os xogadores no seu debut na 2ª Autonómica constitúe un exemplo da nova dimensión que pretenden darlle ao club, pero non o único. Hoxe tivo lugar no centro social das Pozacas a presentación do Torneo Solidario Os Petóns, que marca o comezo dunha colaboración estable da UD Cerqueda co banco de alimentos do Concello de Malpica de Bergantiños. No acto participaron o alcalde, Eduardo Parga, e o concelleiro de Deportes, Iago Espasandín, en representación do goberno municipal, e por parte do club deportivo asistiron o presidente, Roberto García, e o directivo Alberto Pose, así coma o capitán do equipo, Daniel García Reixía.

 

“O fútbol -sinalaron os organizadores do torneo- ten que servir para algo máis que para ir os domingos ao campo”. En principio, toda a recadación que se consiga no torneo deste sábado destinarase á compra dos alimentos máis necesarios para o banco que xestiona a Concellería de Servizos Sociais en colaboración coa Fundación Amigos de Galicia, e do que se benefician 21 familias do municipio malpicán. Pero a directiva da UD Cerqueda xa avanzou a súa intención de seguir colaborando durante todo o ano cun servizo que consideran especialmente importante dadas as dificultades que atravesan moitas familias. Dende o Concello de Malpica, tanto o alcalde como o concelleiro de Deportes agradeceron este xesto solidario, animaron aos veciños e veciñas de todo o municipio a acudir ao torneo e desexaron á UD Cerqueda moita sorte na 2ª Autonómica, na que se estreará na primeira fin de semana de setembro contra o Fisterra.

 

No Torneo Solidario Os Petóns, que se disputará este sábado 29 no campo de Xaviña (Buño), participarán, ademais da UD Cerqueda, o CD Baíñas e o CF Boimorto. Os partidos comezarán ás 18 horas.

 

25Ago 2015

45 nenas e nenos comezan un curso de surf organizado polo Silfo SurfCamp coa colaboración do Concello

Mañá comezarán a disputarse as finais do torneo de fútbol praia infantil
540-f-foto

O deporte segue a encher de actividade este verán a praia de Area Maior.  Despois da exitosa sesión de balonmán praia da semana pasada, hoxe comezaron os cursos de iniciación e perfeccionamento de surf organizados polo Silfo SurfCamp coa colaboración do Concello de Malpica de Bergantiños, e que permitirán que un total de 45 nenas e nenos aprendan a cabalgar sobre as ondas coas súas táboas ou melloren a súa técnica. Os participantes foron recibidos polo concelleiro de Deportes, Iago Espasandín, e o presidente do Silfo SurfCamp, José Rodríguez, e despois puideron desfrutar da primeira das catro xornadas de surf das que consta o curso.

 

Os pequenos e as pequenas surfistas coincidirán a partir de mañá cos participantes no torneo infantil de fútbol praia, xa que comezan as finais. No primeiro partido, previsto para as 18.40 horas, os máis pequenos xogarán contra as mamás. O torneo organizado pola Concellería de Deportes vense disputando durante todo o mes de agosto, coa participación de máis de sesenta nenos e nenas de 7 a 15 anos.

 

Ao longo do mes de agosto, organizados polo Club Náutico de Malpica, tamén se desenvolven cursos de kayak e vela lixeira.

 

Página 1 de 3123