gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Sábado 16°
10°
Domingo 16°
Luns 18°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. 2015
  3. Maio

Maio 2015

28Mai 2015

A asociación Caldeirón e o Concello impulsan o Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas na súa 10ª edición

O alcalde, Eduardo Parga, e o secretario da entidade organizadora, Paco Souto, presentaron hoxe a convocatoria
540-f-foto

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e o secretario da Asociación Cultural Caldeirón, Paco Souto, presentaron hoxe a décima edición do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, que ten o apoio total do Concello “porque cremos nesta iniciativa e seguiremos a apoiala”. Así o asegurou o rexedor, que tamén expresou o seu desexo de que volva a haber unha alta participación e de que a sona do concurso literario siga a espallarse a nivel nacional e mesmo internacional. Neste sentido, Paco Souto lembrou que o gañador da anterior edición reside en Bruxelas.

 

O Concello de Malpica achega para o certame un total de 2.100 euros, 1.000 dos cales destínanse á dotación do premio, e tamén financia a edición das obras gañadoras. Para Paco Souto foi “un acerto” optar por una edición e unha colección propias, grazas ao cal hoxe “temos un formato recoñecible e unha lista de autores que todo o mundo envexa”. O secretario da asociación Caldeirón cualificou o apoio do Concello de Malpica coma “un privilexio”.

 

O Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas naceu a partir dos recitais de poesía erótica e contos de medo organizados pola Asociación Cultural Caldeirón nos locais de hostalería de Malpica. Hoxe xa é un referente e cada vez vai a máis. Na pasada edición duplicouse o número de orixinais, cun total de 25, e os organizadores agardan manter ou mesmo ampliar a cifra este ano, no que o certame recibirá un impulso para conmemorar o seu 10º aniversario.

 

O prazo para presentar as obras xa está aberto. Os interesados poden envialas ao Concello de Malpica (Avda. Emilio González López, 1-15113 Malpica de Bergantiños), indicando no sobre “X Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas”.

 

Relación de gañadores das nove edicións anteriores:

 

1.     “Arredor do teu corpo”, Antonio García Teijeiro

 

2.      “Baile Átha Cliath”, Alberte Momán

 

3.      “Xoguetes póstumos”, Enma Pedreira

 

4.      “Rúa da cancela”, Eli Ríos e Eduardo Estévez

 

5.      “Amantes”, María Lado

 

6.      “Carnia Haikai”, Elvira Riveiro

 

7.      “Chamádeme Eva”, Mercedes Leobalde

 

8.      “Dominio público”, Ramón Neto

 

9.      “O episodio”, Verónica Martínez Delgado e Alberte Momán. O libro presentarase coincidindo coa Cea das Letras, no mes de novembro, na que tamén se fará publico o fallo da décima edición.

 

18Mai 2015

A proba do gradiómetro ampliarase a toda a superficie interior da Croa do Castro

Os resultados do primeiro estudo de viabilidade foron altamente positivos
540-f-foto

Na mañá de hoxe luns 18 de maio, o alcalde de Malpica de Bergantiños recibiu a directivos de Monte d?Arxa e aos arqueólogos Xosé Gago e Carlos Otero Vilariño. Este, que foi o responsable da proba de viabilidade co gradiómetro, informou ós presentes dos resultados obtidos. Para iso utilizou unha fotografía aérea da Croa e superpuxo os resultados do gradiómetro.

Como xa se ten informado, encontráronse tanto estruturas na zona de entrada como no interior. Estas estruturas son vivendas derrubadas, muros de peche de entrada e muros lonxitudinais no interior do recinto. 
Un aspecto moi relevante foi a acumulación de interferencias debidas á presenza de metal cartuchos na zona suroeste feito que provoca contaminación nos resultados nesa zona do castro.

Carlos Otero concluíu que os resultados da proba foron altamente positivos e propuxo realizar unha nova aplicación do gradiómetro a toda a superficie interior da Croa do Castro. O alcalde aceptou a proposta, así que nestes días se pasará a elaborar o proxecto e a remitilo a Patrimonio da Xunta de Galicia.

En definitiva, os pasos que se van levar a cabo na Croa do Castro son. Primeiro, sacar a concurso público a tala e extracción dos árbores que hai
  no xacemento. Segundo, aplicación do gradiómetro (radar terrestre) a toda a acrópole do xacemento para obter, desta maneira, unha imaxe completa do conxunto de estruturas que pode haber soterradas.



 

8Mai 2015

Malpica foi o escenario do Día da Inclusión

O alcalde, Eduardo Parga, e os concelleiros Marisol Blanco, Miguel Fernández e Alfredo Cañizo sumáronse á marcha reivindicativa
540-f-foto

Malia a ameaza constante da choiva, a marcha reivindicativa pola inclusión das persoas con diversidade funcional (discapacidade) puido discorrer polas rúas de Malpica sen contratempos. Seis asociacións da provincia (Ambas, Adisbismur, A Creba, A Misela e Avante Val do Dubra, ademais da anfitrioa, Íntegro) participaron nun percorrido que arrincou pouco antes do mediodía do Centro Cívico e rematou pasada a unha da tarde xunto á Casa do Pescador. Á fronte da manifestación estiveron un grupo de alumnos de 5º e 6º de Primaria do CEIP Milladoiro, que non pararon de berrar durante todo o traxecto consignas coma “Non á discriminación”, “Que no mundo non haxa inclusión, que desilusión” ou “Somos capaces”. A concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín, participou en todo o percorrido, ao que tamén se sumaron xa no centro da vila o alcalde, Eduardo Parga Veiga, e os concelleiros Miguel Fernández e Alfredo Cañizo.

 

Os participantes na marcha saíron do Centro Cívico pola rúa principal ata a Casa do Pescador, onde realizaron unha pequena parada antes de continuar cara o centro cívico e a zona do Caldeirón para regresar ao mesmo lugar. “O mundo é máis bonito se non hai prexuízos”, leron os alumnos do CEIP Milladoiro no seu escrito de adhesión, no qu pediron “por un mundo máis unido, por un mundo onde vivamos todos xuntos, por un mundo onde non haxa discriminacións”.

A continuación foi a quenda das asociacións participantes, cada unha das cales leu tamén o seu manifesto. Catarina, de Íntegro, quen avogou por “un cambio de mentalidade” a favor da inclusión dende a escola, “por iso é prioritario desenvolver un sistema educativo en inclusión, onde todos os nenos e nenas con diversidade funcional poidan educarse en colexios ordinarios contando cos apoios necesarios para cada situación”. Íntegro considera imprescindible fomentar valores coma “a socialización, a convivencia, a tolerancia e o coñecemento da realidade de todos os nenos e nenas”.

Despois dunha colorida solta de globos, os participantes neste Día da Inclusión celebraron un xantar de confraternidade en Canido e pasaron a tarde entre xogos e actuacións.

6Mai 2015

A Consellería de Presidencia subvenciona un turismo e unha motocicleta para a Policía Local de Malpica

O alcalde destaca que os novos vehículos permitirán “seguir mellorando a calidade dos servizos que estamos a prestar aos veciños e veciñas”
540-f-foto

O Concello de Malpica de Bergantiños poderá renovar o parque móbil da Policía Local grazas a unha subvención que vén de conceder a Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a través da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior. Dende este departamento comunicaron hoxe ao alcalde, Eduardo Parga Veiga, a concesión dunha motocicleta tipo trail e un turismo que permitirá substituír un dos vehículos actuais, xa moi antigos.

 

A entrega levarase a cabo a partir da publicación da resolución definitiva no Diario Oficial de Galicia (DOG). As subvencións, destinadas a concellos de menos de 50.000 habitantes, están incluídas no programa operativo Feder-Galicia 2007-2013, e permitirán, segundo destacou o alcalde de Malpica, “seguir mellorando a calidade dos servizos que estamos a prestar aos veciños e veciñas do noso concello”.

 

[FOTO: LA VOZ DE GALICIA]