Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Luns 15°
10°
Martes 14°
Mércores 14°
10°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. 2015
  3. Abril

Abril 2015

30Abr 2015

Malpica será a sede da xornada reivindicativa do Día da Inclusión

Representantes do Concello e da Asociación Íntegro presentaron o programa para o vindeiro 8 de maio
540-f-foto

A Asociación Íntegro celebrará en Malpica o Día da Inclusión, que este ano leva por lema “A inclusión das persoas con diversidade funcional (discapacidade)”. A xornada do 8 de maio reunirá a cinco entidades da provincia (Ambar, Adisbismur, A Creba, A Misela e Avante Val do Dubra, así como os alumnos e alumnas de 5º e 6º cursos do CEIP Milladoiro, que realizarán unha marcha reivindicativa pola vila que rematará coa lectura dun manifesto diante da Casa do Pescador e un xantar de convivencia.

 

“Reivindicaremos os dereitos das persoas con diversidade funcional, sobre todo o dereito á inclusión, a participar en actividades de todo tipo e en igualdade de condicións que os demais”, explicou Noelia Barreira, terapeuta ocupacional de Íntegro na presentación da iniciativa, que tivo lugar hoxe pola mañá no Centro Cívico de Malpica. Para o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, o 8 de maio é ?un día importante? porque son moitos os cidadáns ?que non saben o que é a inclusión. Aínda temos que conseguir a integración en moitos ámbitos, pero queremos loitar tamén pola inclusión porque é a porta de entrada na sociedade das persoas con diversidade funcional?.

 

O Concello de Malpica estivo representado no acto polos concelleiros Marisol Blanco e Miguel Fernández e polo alcalde, Eduardo Parga, que agradeceu á Asociación Íntegro a elección de Malpica como sede do Día da Inclusión e asegurou que “para nós todas as persoas somos iguais”.

 

Os actos conmemorativos do Día da Inclusión comezarán ás 11.00 horas coa recepción dos participantes, que iniciarán a marcha reivindicativa unha hora máis tarde. O percorrido, dun quilómetro de lonxitude, rematará coa lectura do manifesto elaborado conxuntamente polas entidades participantes. A xornada reivindicativa, pero tamén festiva, continuará cun xantar e música pola tarde.

 

27Abr 2015

O Concello de Malpica pagou aos provedores en 36,83 días no primeiro trimestre

O importe total das operacións aboadas foi de 258.806 euros
540-f-foto

En cumprimento do establecido na Disposición adicional primeira da Lei Orgánica 9/2013 de Control da Débeda Comercial, procédese a dar publicidade á información relativa ao período medio de pago desta entidade  correspondente ao  1º trimestre do exercicio 2015, calculado consonte ao establecido no RD 635/2014, de 25 de xullo, polo que se desenvolve a  metodoloxía do cálculo do período medio de pago a provedores.

DATOS IDENTIFICATIVOS DO INFORME PERIODO MEDIO DE PAGO:

Código Corporación Local: 11-15-043-AA-000

 

Nome corporación local: Malpica de Bergantiños

 

Exercicio : 2015

 

Período: Primeiro trimestre

RATIO DE OPERACIÓNS PAGADAS:                                           9,75 días

 

IMPORTE DAS OPERACIÓNS PAGADAS:                                   258.806,26

 

RATIO DE OPERACIONS PENDENTES DE PAGO:                     57,17 días

 

IMPORTE DAS OPERACIONES PENDENTES DE PAGO:           344.428,51

 

PERIODO MEDIO DE PAGO DA ENTIDADE:                               36,83 DIAS

 

 

25Abr 2015

Representantes dun Grupo de Acción Costeira de Rumanía visitan Malpica para aprender das experiencias locais

A expedición, integrada por 32 membros de confrarías e agrupacións de pescadores, está a estudar distintas iniciativas en Cataluña e Galicia
540-f-foto

Representantes do Grupo de Acción Costeira (GAC) do Delta do Danubio, en Rumanía, incluíron Malpica no programa de visitas que están a facer a distintas vilas pesqueiras de Cataluña e Galicia coa finalidade de aprender das experiencias locais. O alcalde, Eduardo Parga, e o tenente de alcalde, Miguel Fernández, recibiron e acompañaron ao grupo, integrado por 32 persoas que forman parte de confrarías ou agrupacións de pescadores do GAC do Delta do Danubio.

 

En Rumanía están arrincando agora este tipo de programas, e o proxecto que se leva a cabo nesa zona en concreto inclúe un apartado formativo dentro do cal se enmarcan as visitas a Cataluña e Galicia, segundo explicou o xerente do GAC-3 Costa da Morte, Guillermo González, que exerce como guía dos visitantes. Na xornada malpicá (onte estiveron en Camariñas) puideron comprobar como se organizan e traballan nas redeiras, as aplicacións artesanais que realizan e tamén outros proxectos desenvolvidos con fondos do GAC, como Malpica, o mar de Sisargas, unha tenda de efectos navais ou unha taberna. ?Para eles é moi interesante ver que tipo de proxectos se poden facer, como se pode diversificar?, sinalou Guillermo González. O traballo coas redes interesoulles especialmente polas posibles aplicacións que poidan ter no Delta do Danubio, onde teñen pesca fluvial. A expedición rumana tomou, ademais, boa nota da experiencia de traballo complementario que realizan o GAC e o GDR, que comparten sede no Centro Comarcal de Buño.

 

O xerente do GAC-3 destacou que para a Costa da Morte tamén resultan moi proveitosas este tipo de visitas, tanto pola promoción que supoñen para os proxectos desenvolvidos como pola posibilidade de establecer contactos con outras rexións e países para intercambios futuros ou experiencias conxuntas.

 

23Abr 2015

Clausurado un novo curso de xardinería para persoas con diversidade funcional ou en risco de exclusión

Os alumnos e alumnas realizaron as prácticas nos xardíns de Cambre
540-f-foto

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco, clausuraron hoxe o curso de xardinería impartido na parroquia de Cambre para persoas con diversidade funcional e/ou en risco de exclusión. No acto de entrega de diplomas tamén estivo representada a asociación Íntegro, que se encargou da formación. Os 10 alumnos, 7 homes e 3 mulleres, recibiron coñecementos teóricos e realizaron as prácticas en dúas zonas axardinadas de Cambre, a que está situada xunto á escola e ao parque infantil e a da praza da igrexa, que ofrecen un aspecto totalmente renovado con plantas axeitadas ao entorno e á época e unha base de grava de ladrillo de Buño, un material que se está estendendo ás distintos espazos verdes do municipio.

 

O curso, organizado polo Concello de Malpica en colaboración coa Deputación Provincial da Coruña, permitirá mellorar as posibilidades de inserción laboral dos e das participantes, como lembrou o alcalde, Eduardo Parga. Os asistentes amosáronse moi satisfeitos coa formación recibida, ao tempo que foron moi críticos cos autores do roubo de 12 plantas do xardín, que xa foron repostas e que os obrigou a facer un esforzo extra para ter os xardíns a punto para o último día do curso.

 

A concelleira Marisol Blanco, pola súa banda, animou aos alumnos e alumnas a seguir preparándose. Neste sentido, o Concello de Malpica leva impartidos entre o ano pasado e este un total de tres cursos de xardinería, que, ademais de formar a persoas con moitas dificultades de inserción laboral, permitiron acondicionar áreas verdes en Buño, Malpica e agora en Cambre.

 

22Abr 2015

O Día do Ritmo reunirá este sábado en Malpica a preto de douscentos nenos e nenas de varios concellos

A exhibición incluirá aeróbic infantil e ximnasia rítmica
540-f-foto

O Concello de Malpica de Bergantiños celebrará este sábado o Día do Ritmo, no que participarán preto de douscentos nenos e nenas de varios municipios. Nos últimos anos dende o goberno municipal estase a promocionar o exercicio físico en todos os sectores da poboación, e nas idades infantís fíxose un gran esforzo para poder poñer en marcha as modalidades de aeróbic e ximnasia rítmica, ademais de desenvolver a psicomotricidade e o ritmo. Pero ademais de difundir a práctica destas actividades involucrando a diferentes entidades, o Concello de Malpica promove dende hai 12 anos a organización dun evento que permite darlles difusión e que, ao mesmo tempo, convértese nun escenario no que as alumnas e os alumnos demostran o aprendido durante o curso.

 

O Día do Ritmo celebrarase no polideportivo municipal de 11.00 a 14.00 horas. Na exhibición participarán 33 alumnos e alumnas da Escola Municipal de Malpica, e o resto, ata os preto de douscentos asistentes, serán convidados doutros concellos. O Concello de Malpica conta coa colaboración do Club Deportivo Costa Bergantiñá na organización do evento, no que tamén colaboran Gadis Híper de Carballo, Deporte en Idade Escolar da Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña.

 

12Abr 2015

Rematan os traballos na Croa do Castro de Cerqueda coa descuberta da súa porta orixinal

Durante os últimas dúas semanas pasaron polo castro case un milleiro de persoas entre voluntarios, veciños e turistas
540-f-foto

Ata hai só un mes a Croa do Castro de Cerqueda era un monte máis no horizonte de Malpica, un monte con historia e tradicións pero sen vida. Desde o pasado 28 de marzo, e tras a realización dun proxecto de arqueoloxía social, este ben patrimonial adquiriu unha dimensión ata o de agora descoñecida. Coa súa limpeza apareceron estruturas que, ata antes, eran descoñecidas para veciños e expertos, como a súa porta orixinal.

 

O equipo arqueolóxico do castro, Fiodora López e Alejandro Laíño, tiña moi poucos datos previos. A principal documentación escrita estaba no traballo que o profesor Rodríguez Casal elaborara nos anos 70 a partir dos castros da zona. Naquel traballo, Casal ubicaba a posible entrada ao noroeste e tamén falaba dun pequeno muro na contorna leste.

 

Pero grazas a xornada de limpeza con voluntarios que tivo lugar o 28 de marzo pareceu o muro do que falaba Casal, contendo a zona superior do parapeto. Trátase dun muro pequeno de mampostería que fixo dubidar desde o primeiro momento a todos os arqueólogos que estaban na intervención. ?O muro non estaba só sobre o parapeto leste, senón que continuaba o seu trazado tanto polo noroeste do castro como polo sur?, asegura Fiodora, ?abandonando a contorna do parapeto, quizais para delimitar unha propiedade, quizais para flanquear un vello camiño polo lado sur do castro, hoxe perdido, pero que aínda está presente na memoria dos veciños de Cerqueda?.

 

Aparece a porta

 

Os traballos seguiron en dirección sur e aí foi onde xurdiu a sorpresa. ?Ao limpar a zona do sur, xa se comezou a ver unha lixeira depresión polo exterior do parapeto que nos fixo sospeitar de que podería ser o acceso orixinal do castro?, sinala Fiodora,?cando no último día o tractor despexou na croa a zona próxima á entrada, puidemos ver que non só a depresión se facía maior, senón que o parapeto, a ambos lados do acceso, acadaba máis altura, como flanqueando a porta. Aí se fixo evidente: era a entrada orixinal?.

 

A porta responde a un modelo habitual do mundo da Idade do Ferro: a muralla ensánchase e reforzase nas dúas beiras da porta de entrada. ?Isto demostra como con pequenas accións como unha simple limpeza?, engade o arqueólogo Alejandro Laíño, ?ou as historias dos veciños nos poden axudar a contrastar e desmentir os primeiros datos que manexabamos?. Para Fiodora López, ?a conclusión é que o acceso orixinal estaba situado no Sureste e que tanto o muro como o acceso aberto no parapeto noroeste (por onde se entra hoxendía ao castro), responde a unha realidade posterior na que o castro se transforma para responder a outro tipo de necesidades?.

 

Nova xornada de voluntarios

 

Precisamente, este sábado 11 de abril realizouse unha nova xornada con voluntarios que remataron de limpar toda a croa do castro. Ademais axudaron a coñecer como os profesionais da arqueoloxía realizan traballos máis técnicos xa que participaron con dous equipos que van levantar a planimetría do sitio arqueolóxico, obtendo o primeiro plano científico da Croa do Castro, e comezando o preparar o terreo para a aplicación do gradiómetro, un aparello que é quen de descubrir estruturas habitacionais soterradas e que foi cedido polo Instituto de Ciencias da Patrimonio (INCIPIT) do CSIC.

 

Esta xornada, que comezou ás 10.00 horas, rematou pasadas ás 17.30 e os voluntarios, así como os veciños e visitantes que se achegaron á Croa do Castro puideron desfrutar dunha visita guiada polo equipo de arqueólogos así como dun xantar e dunha merenda campestre.

 

Este proxecto de arqueoloxía social está impulsado por cinco asociacións desta parroquia; a Asociación Cabalar Os Veteranos, a Asociación Cultural Raigañas, a Asociación de Veciños Monte d?Arxa, a Comisión de Festas de Cerqueda e a Agrupación Ciclista Castro da Croa, que se puxeron de acordo para limpar e poñer en valor a Croa do Castro, un ben protexido que domina todo o seu val.

 

No proxecto, no que colabora o Concello de Malpica, traballa un equipo multidisciplinar de tres arqueólogos, dirixidos por Fiodora López Patiño e coordinados por Manuel Gago, xornalistas e especialistas en turismo que pretende, coa axuda veciñal e voluntarios, reactivar culturalmente este espazo.

 

11Abr 2015

Un grupo de xubilados de Malpica de Tajo fan a primeira visita a Malpica de Bergantiños tras a aprobación do irmandamento

O programa de colaboración entre os dous concellos foi ratificado pola corporación municipal o pasado 26 de marzo
540-f-foto

Menos dun mes despois da aprobación definitiva do irmandamento con Malpica de Tajo por parte da corporación municipal, Malpica de Bergantiños recibe a primeira delegación chegada dende a localidade toledana. Un grupo de xubiladas e xubilados de Malpica de Tajo realizaron onte unha visita a terras bergantiñáns que incluíu unha recepción na casa consistorial de Malpica de Bergantiños. O alcalde, Eduardo Parga, e os concelleiros Miguel Fernández e Alfredo Cañizo, conversaron cos visitantes e intercambiaron agasallos. Os maiores de Malpica de Tajo marcharon encantados da vila.

 

Malpica de Tajo é un municipio de 2.000 habitantes situado na comarca de Torrijos, a 51 quilómetros da cidade de Toledo. O importante papel que xogou ao longo da historia quedou reflectido no seu castelo, unha xoia da arte mudéxar datada no século XIV e que goza da declaración de Ben de Interese Cultural. Dende o punto de vista económico destaca a industria bodegueira, representada por marcas de tanto prestixio coma Osborne ou Pagos del Marqués de Griñón.

 

Un dos obxectivos do irmandamento é aproveitar os recursos das dúas localidades para iniciar unha serie de intercambios en áreas coma a cultura, a empresa e o turismo.

 

7Abr 2015

O Forno do Forte bate o seu propio récord de visitas na mellor Semana Santa dende a súa apertura no 2006

O ecomuseo de Buño foi o recurso patrimonial da Deputación Provincial da Coruña máis visitado no ámbito da Costa da Morte
540-f-foto

O patrimonio foi o auténtico protagonista da Semana Santa en Malpica, cun programa de actividades que, á vista dos datos, respondeu ás expectativas de veciños e visitantes. Un total de 621 persoas pasaron polo Forno do Forte de Buño na mellor Semana Santa dende a apertura ao público do ecomuseo, no ano 2006, co que se converte no recurso turístico da Deputación Provincial da Coruña máis concorrido da Costa da Morte.

 

O día de maior afluencia foi o xoves, coincidindo coa cocedura experimental en forno aberto que levou a cabo a Fundación Terra Termarum de Cuntis. Os resultados foron moi interesantes, xa que mentres todas as pezas chegadas dende a vila pontevedresa saíron ben, dúas das elaboradas no Forno do Forte romperon, o que pon sobre a mesa as posibles diferenzas entre unhas e outras. “Foi unha actividade experimental, e precisamente o interesante é iso, que xorden preguntas e hai que buscar respostas”, sinalou Paco Doval, xerente do ecomuseo. Precisamente, a raíz desta primeira toma de contacto vai continuar a colaboración entre os artesáns das dúas vilas oleiras, e este ano na cocedura tradicional do Forno do Forte haberá pezas de Cuntis.

 

As rutas guiadas polos fornos de Buño e os obradoiros infantís tamén tiveron moi boa acollida entre os visitantes, a maioría procedentes do propio municipio de Malpica e da Costa da Morte, seguidos dos da Coruña, Pontevedra, Arteixo, Vigo, Santiago, Lugo e Ferrol. De fóra de Galicia houbo menos público que noutras ocasións, e principalmente chegado dende Madrid, Asturias, Zaragoza, Burgos e San Sebastián.

 

A Semana Santa no municipio de Malpica coincidiu ademais coa primeira xornada de limpeza da Croa do Castro, na parroquia de Cerqueda. Para este sábado, día 11, está prevista unha segunda de novo coa participación de veciños e voluntarios.