Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Luns 15°
10°
Martes 14°
Mércores 14°
10°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. 2015
  3. Xaneiro

Xaneiro 2015

23Xan 2015

En marcha as obras de mellora das infraestruturas na zona do colexio Milladoiro e o Centro Cívico

A actuación, incluída no Plan DTC93, ten un orzamento de 43.340 euros
540-f-foto

Xa están en marcha as obras de mellora das infraestruturas na zona do colexio Milladoiro e o Centro Cívico de Malpica. Segundo explicou o concelleiro de Obras e alcalde en funcións, Miguel Fernández, o proxecto inclúe a substitución da actual rede de saneamento, a instalación de rede de augas pluviais e a colocación de rede de telecomunicacións, ademais dunha nova pavimentación con formigón.  A actuación, incluída no Plan DTC93, da Deputación Provincial da Coruña, ten un orzamento de 43.339,99 euros. A súa execución supón a terceira fase da rede separativa de pluviais e residuais da piscina.

 

No DTC93, que ten un orzamento total de 138.962,74 euros, tamén se inclúen a renovación das canalizacións de augas pluviais e residuais na Praza do Campo, a pavimentación da rúa Entrecercas de Seaia e a mellora das infraestruturas viarias no lugar de Pontella e no vial de Trémoa a Monte Neme.

 

22Xan 2015

Os concellos de Malpica de Bergantiños e Malpica de Tajo celebrarán o mesmo día para o pleno de aprobación do irmandamento

Remata a viaxe de Eduardo Parga e Alfredo Cañizo ao municipio toledano
540-f-foto

Despois de tres días moi intensos, hoxe remata a viaxe do alcalde de Malpica de Bergantiños, Eduardo Parga Veiga, e do concelleiro de Turismo, Alfredo Cañizo Garrido, a  Malpica de Tajo (Toledo). A estancia dos representantes do noso concello coincidiu coa celebración das tradicionais festas de San Sebastián no pobo toledano, que conserva tradicións ancestrais e convértese cada ano por estas datas nun importante destino turístico dentro da comunidade de Castela-A Mancha. Pero o motivo fundamental do desprazamento foi avanzar nos trámites do próximo irmandamento entre ámbolos municipios homónimos.

 

Segundo explicou Eduardo Parga, os representantes dos dous concellos decidiron celebrará o mesmo día o pleno extraordinario no que se formalizará a relación iniciada hai agora un ano. A data fixarase en breve, tan pronto como por parte dos servizos técnicos municipais estea completada a documentación. A partir dese momento intensificaranse os contactos entre Malpica de Bergantiños e Malpica de Tajo en materia de cultura, deporte, empresa e turismo.

 

Tanto o alcalde como o concelleiro malpicáns destacaron a excelente acollida que les ofreceron en Malpica de Tajo, onde tiveron unha participación moi activa nos actos oficiais das festas de San Sebastián e visitaron as importantes bodegas da localidade.

 

18Xan 2015

O alcalde e o concelleiro de Turismo viaxan a Malpica de Tajo para avanzar no irmandamento

A estancia de Eduardo Parga Veiga e Alfredo Cañizo Garrido coincidirá coas festas de San Sebastián, patrón do pobo toledano
540-f-foto

O alcalde de Malpica de Bergantiños, Eduardo Parga Veiga, e o concelleiro de Turismo, Alfredo Cañizo Garrido, iniciarán mañá unha estancia de tres días no pobo toledano de Malpica de Tajo para avanzar nas xestións de irmandamento entre os municipios homónimos. A estancia dos representantes municipais coincidirá coa celebración das tradicionais festas de San Sebastián, patrón de Malpica de Tajo.

 

Alfredo Cañizo xa participou o ano pasado nas festas, e mesmo tivo a honra de facer unha das ofrendas a San Sebastián, unha das tradicións do pobo. Pero quizais a máis singular é a dos “morraches”, uns personaxes que teñen un protagonismo especial durante todas as celebracións e que se caracterizan polas súas vestimentas de cores verde, vermello e marelo, as súas máscaras e chocallos. Nesta ocasión o concelleiro de Turismo estará acompañado polo alcalde, e participarán xuntos non só nos actos festivos, senón nunha serie de visitas de interese turístico e cultural e nunha reunión con todos os grupos da corporación para preparar o irmandamento formal entre as dúas Malpica.

 

Precisamente nestes días cúmprese un ano do inicio das xestións. O pasado mes de xuño Malpica de Bergantiños xa recibiu a visita do alcalde de Malpica de Tajo, Mario Cruz, e outros membros da corporación municipal, que tiveron a ocasión de participar nas festas de Corpus e San Adrián. Un dos obxectivos do irmandamento será, precisamente, aproveitar os recursos das dúas localidades para iniciar unha serie de intercambios en áreas coma a cultura, a empresa e o turismo, e as festas constitúen, neste sentido, un dos recursos máis salientables.

 

Malpica de Tajo é un municipio de 2.000 habitantes situado na comarca de Torrijos, a 51 quilómetros da cidade de Toledo. O importante papel que xogou ao longo da historia quedou reflectido no seu castelo, unha xoia da arte mudéxar datada no século XIV e que goza da declaración de Ben de Interese Cultural. Dende o punto de vista económico destaca a industria bodegueira, representada por marcas de tanto prestixio coma Osborne ou Pagos del Marqués de Griñón.

 

16Xan 2015

Instalado no Ventorrillo un colector da ONG Equus Zebra para recoller roupa e calzado usados

O Concello de Malpica e a organización coruñesa teñen asinado un convenio de colaboración
540-f-foto

Hoxe quedou instalado no Ventorrillo un colector da ONG Equus Zebra para que os veciños e veciñas de Malpica poidan depositar roupa e calzado usados. A iniciativa enmárcase no convenio asinado hai case un ano entre o Concello e a organización coruñesa, que traballa pola integración dos inmigrantes e que desenvolve proxectos encamiñados a lograr o desenvolvemento de países empobrecidos. O seu presidente, Víctor Omgba, estivo hoxe en Malpica, onde foi recibido polo alcalde, Eduardo Parga; a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín, e o tenente e alcalde, Miguel Fernández.

 

Os representantes municipais valoraron de forma moi positiva o labor solidario que desenvolve a entidade e expresaron a súa confianza na colaboración dos veciños do municipio para contribuír a ese traballo. O colector de Equus Zebra, de cor laranxa e uns 300 quilos de capacidade, está situado xunto ao Centro Cívico. Os veciños poderán depositar no recipiente roupa de vestir e do fogar, bolsos, cintos e xoguetes. A ONG aconsella a utilización de bolsas de lixo pequenas, de ata 50 litros de capacidade. A roupa debe estar limpa e seca, xa que a que ten manchas ou está húmida non pode reciclarse. Tamén pide que non se mesturen roupa e calzado ou marroquinería na mesma bolsa.

 

A ONG coruñesa recupera cada mes unhas 40 toneladas de roupa usada. Os textís son trasladados á planta de Equus Zebra no polígono da Grela, na Coruña, onde se clasifica e se revaloriza. Deste xeito, a de mellor calidade vai destinada á venda nas tendas de segunda man que a entidade ten na cidade ou a familias necesitadas. A roupa aproveitable é enviada a África para situacións de emerxencia e para proxectos asistenciais de cooperación ao desenvolvemento; a que está deteriorada véndese a empresas de reciclaxe para facer trapos, recheos para colchóns e outros produtos, e unha mínima parte, que é inservible, acaba no colector de lixo.

 

15Xan 2015

Comezaron as obras de pavimentación das rúas As Neves e Esqueiro Os Petóns, incluídas no POS 2014

O investimento supera os 66.000 euros, financiados pola Deputación
540-f-foto

Xa están en marcha as dúas actuacións incluídas no Plan de Obras e Servizos (POS) do 2014 no municipio de Malpica de Bergantiños. Onte comezaron os traballos de pavimentación das rúas As Neves (tramo 2) e Esqueiro Os Petóns (tramo 1), en Seaia, que teñen un orzamento de 66.010 euros. Ata alí desprazáronse o alcalde, Eduardo Parga Veiga, e o concelleiro de Obras, Miguel Fernández Mirás, para facer un seguimento das obras.

 

O outro proxecto incluído no plan que financia a Deputación Provincial da Coruña é o de reforma e adaptación do parque infantil de Malpica, que está xa moi avanzado. As obras consisten na reforma do parque para adaptalo á normativa actual sobre parques infantís, a eliminación de elementos construtivos que poden supoñer certo risco para os usuarios (bordillos, gradas, bancos de fábrica?), a reposición de pavimentos, a substitución da fonte, a reforma dos aseos e a organización das zonas de xogos por idades. Neste sentido, os que poidan ser reutilizados serán restaurados e no resto dos casos colocaranse xogos novos. Ademais, o parque será dotado con mobiliario novo. O orzamento é de 99.792,78 euros.

 

10Xan 2015

Rematadas as obras de adecentamento da 2ª Travesía da Camuza, subvencionadas pola Deputación

As actuacións realizadas no último ano nese ámbito melloraron de forma substancial a seguridade viaria nos accesos á vila malpicá
540-f-foto

Co pintado da vía déronse por finalizadas as obras de adecentamento da 2ª Travesía da Camuza, en Malpica. O investimento superou os 16.000 euros, pero este pequeno proxecto, subvencionado pola Deputación Provincial da Coruña, vai contribuír de maneira importante a mellorar a circulación pola zona. O goberno municipal está a facer un importante esforzo para manter a rede viaria en condicións óptimas e para mellorar a mobilidade peonil. Con esa intención, ao longo do ano pasado acometéronse numerosas obras.

 

Precisamente na Camuza levouse a cabo un proxecto de mellora da seguridade viaria no tramo que abrangue dende o cruce de Seaia ata o tanatorio. Os traballos afectaron a máis de 600 metros a ámbolos marxes da vía que une Malpica con Ponteceso, moi transitada pola existencia de vivendas e negocios. 

 

9Xan 2015

O Concello de Malpica recibiu 600.000 euros con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental

O vicepresidente da Xunta, que visitou hoxe algunhas das obras executadas, anunciou outra achega de 100.000 euros para este ano
540-f-foto

Cos preto de 100.000 euros investidos o ano pasado xa son 600.000 os euros recibidos polo Concello de Malpica de Bergantiños con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental, segundo o balance ofrecido polo vicepresidente da Xunta. Alfonso Rueda visitou hoxe o municipio para coñecer algunhas das actuacións levadas a cabo grazas ao FCA, que procede do canon eólico. Xunto a el estiveron a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo; o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e os concelleiros Miguel Fernández, Alfredo Cañizo e Marisol Blanco Gorín.

 

“Non estamos en época de grandes investimentos, pero vanse facendo cousas tamén”, dixo Rueda, quen destacou a importancia destes fondos para os concellos, xa que lles permiten “ir facendo actuacións relacionadas co medio ambiente”. Segundo explicou, o reparto faise en función do número de aeroxeneradores instalados, aínda que unha parte da contía total destínase a municipios non que non hai parques eólicos.

 

O alcalde, pola súa banda, detallou os investimentos. En primeiro lugar referiuse á senda peonil que une Buño co Centro Comarcal, onde comezou a visita, porque era unha obra “moi demandada” polos veciños que acoden ao centro de saúde ou ao edificio administrativo da Camposa, xa que contribúe a mellorar a seguridade. Eduardo Parga citou tamén a mellora do saneamento en Seaia, onde se completou a rede instalada hai dúas décadas e reconstruíronse as beirarrúas, e á mellora da mobilidade na Orxeira cunha escaleira de 12 metros. Tamén se acometeu a contratación dunha cuadrilla de oito persoas para a realización de desbroces e outras tarefas ambientais e realizáronse traballos de mantemento na depuradora.

 

9Xan 2015

As obras do centro de saúde de Buño empezarán o mes que vén

O vicepresidente da Xunta anunciou hoxe que a construción do edificio xa foi adxudicada por máis de 600.000 euros
540-f-foto

As obras de construción do novo centro de saúde de Buño foron adxudicadas por máis de 600.000 euros, segundo anunciou o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante a visita que fixo hoxe á vila oleira. “Só falta formalizar o contrato”, dixo, para que a empresa poida empezar a traballar, pero en todo caso está previsto que o faga antes do Entroido. O prazo de execución, fixado inicialmente en 9 meses, quedou reducido a 7, polo que o edificio sanitario estará rematado antes de fin de ano.

 

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, destacou a importancia deste investimento, xa que “levamos vinte anos intentando que se faga”, comentou. O novo centro de saúde será construído nunha parcela próxima ao Centro Comarcal e a Casa do Oleiro que os representantes do goberno municipal amosaron hoxe ao vicepresidente e á delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo. O edificio terá capacidade para os tres médicos e o profesional de enfermería que desenvolven a súa actividade en Buño, así coma unha sala polivalente, área de administración e arquivo, almacéns e servizos comúns. A superficie construída será de 525 metros cadrados.

 

8Xan 2015

Malpica de Bergantiños xa ten escudo e bandeira oficiais

O Consello da Xunta deu o visto bo ao decreto polo que se establece a súa conformación
540-f-foto

O Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace ao decreto polo que se establece a conformación oficial da bandeira e escudo do Concello de Malpica de Bergantiños.

 

“O escudo de Malpica de Bergantiños é cun pano amarelo e, ao centro, unha franxa azul de dous tercios coa consabida disposición das dúas espigas de amarelo, dispostas en aspa e acompañadas dunha áncora de branco, no xefe, unha cabeza de lobo de amarelo, linguada de vermello, na punta, e flanqueadas dun “pucheiro”. A bandeira é azur (azul), dúas espigas de ouro (amarelo), dispostas en aspa, acompañadas dunha áncora de prata (branco), no xefe, unha cabeza de lobo de ouro, linguada de gules (vermello), na punta, e flanqueadas dun “pucheiro de encote” de ouro, á dereita, e dunha torre deste, á esquerda. Ao timbre, a coroa real pechada”.

 

4Xan 2015

Representantes do Concello e das entidades reuníronse para preparar a cabalgata que percorrerá as parroquias malpicás

Melchor, Gaspar e Baltasar visitarán mañá Buño, Cambre, Leiloio, Seaia e Malpica, e o día 6, Mens, Barizo, Seaia, Santirso, Pontella, Beo e Cerqueda
540-f-foto

Xa está todo preparado para a cabalgata de Reis. Representantes das asociacións Malante, Carcaxía, San Xulián O Brizo e San Antonio, da Policía Local, de Protección Civil e do Concello de Malpica reuníronse para organizar a recepción ás Súas Maxestades de Oriente, que percorrerán todas as parroquias.

 

Melchor, Gaspar e Baltasar sairán mañá ás 17 horas do bar O Forno de Buño. Ás 18.30 chegará ao local sociocultural de Cambre e ás 20 horas serrá a recepción no porto de Malpica. A cabalgata percorrerá as parroquias seguindo o itinerario do autobús escolar de primaria. Os Reis Magos, que teñen o don da ubicuidade, tamén visitarán Leiloio. Ás 18 horas chegarán á Feira Nova. E rematarán o día en Seaia, onde entregarán agasallos polas casas a partires das 21 horas.

 

A comitiva real seguirá por terras malpicás o día de Reis. Ás 10 horas estará na igrexa de Mens para que os nenos de Mens e Barizo poidan saudar a Melchor, Gaspar e Baltasar. Á mesma hora iniciarán unha ruta pola parroquia de Seaia dende a Casa de Cultura, e á saída da misa estarán en Santirso. A Pontella chegarán ás 12 e a Beo, ás 12.30, sempre seguindo o itinerario do transporte escolar. En Cerqueda tamén farán un percorrido por toda a parroquia ao longo da mañá.

 

Página 1 de 212