Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Luns 15°
10°
Martes 14°
Mércores 14°
10°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. 2014
  3. Novembro

Novembro 2014

27Nov 2014

Clausurado o programa de Envellecemento Activo, no que participaron case 50 veciños do municipio

O alcalde e a concelleira de Servizos Sociais expresaron a vontade do goberno municipal de darlle continuidade á iniciativa o vindeiro ano
540-f-foto

Cunha merenda saudable elaborada polos alumnos e alumnas de cociña do Centro de Recursos Íntegro rematou onte xoves a festa de clausura do programa de Envellecemento Activo organizado pola Concellería de Servizos Sociais de Malpica, coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña, e no que participaron case 50 veciños do municipio repartidos entre Malpica e Buño.

 

A celebración comezou con xogos e un animado baile no salón de actos do Centro Cïvico de Malpica. Xa o remate da xornada procedeuse á entrega de diplomas, un acto no que participaron o alcalde, Eduardo Parga; a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín; o tenente de alcalde, Miguel Fernández, e Adolfo López Baña en representación da empresa de economía social + Porvir, que foi a encargada de desenvolver nesta ocasión o programa de actividades.

 

Tanto as autoridades locais coma os usuarios e usuarias do programa expresaron a súa satisfacción polo traballo realizado polo persoal de + Porvir. Adolfo López Baña agradeceu a boa acollida do proxecto polos participantes e a confianza do Concello de Malpica ao outorgar á nova empresa o desenvolvemento da iniciativa. O alcalde, pola súa banda, desexou que os contidos teñan sido de utilidade e do agrado dos veciños e veciñas, e tanto el como a concelleira de Servizos Sociais manifestaron a súa intención de darlle continuidade á experiencia o vindeiro ano.

 

Nos talleres de Envellecemento Activo, que se celebraron en Malpica e Buño, participaron un total de 48 persoas. A iniciativa ofreceu aos maiores unha serie de ferramentas que lles axudarán a mellorar a súa calidade de vida. Monitores e participantes traballaron durante máis dun mes nos ámbitos da saúde, a participación na sociedade, a seguridade e a formación continua, catro grandes bloques que abrangueron propostas coma alimentación saudable, mantemento físico, club de lectura, festas, teatro, cine, visitas a balnearios, prevención de riscos no fogar ou busca de afeccións.

 

25Nov 2014

O banco de alimentos do Concello de Malpica e a Fundación Amigos de Galicia repartiu este ano máis de 9.000 quilos

As achegas mensuais de comida benefician a vinte familias do municipio
540-f-foto

Segundo o balance que vén de entregar a Fundación Amigos de Galicia ao Concello de Malpica de Bergantiños, no que vai de ano repartíronse no municipio 9.265 quilos de comida a través do banco de alimentos, un servizo que todos os meses contribúe ao sustento de vinte familias. O custo dos produtos sitúase en 22.154,12 euros, dos cales, segundo o convenio asinado entre ámbalas partes, o Concello de Malpica achega un total de 3.500 euros.

 

O banco de alimentos provee ás familias de alimentos non perecedoiros, fundamentalmente, aínda que todos os meses se inclúen nos lotes produtos frescos de tempada, sobre todo froita e verdura. Pero o convenio entre a Fundación Amigos de Galicia e o Concello de Malpica de Bergantiños tamén atende outras necesidades. De feito, ao longo do ano foi posible dotar dun mobiliario básico a vivenda dunha familia monoparental cuxos membros tiñan que comer de pé por carecer de mesa e cadeiras. Grazas á colaboración entre as dúas entidades a casa non só foi acondicionada, senón que xa conta cun equipamento digno.

 

Tanto o alcalde, Eduardo Parga Veiga, coma a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín, valoraron moi positivamente o convenio coa Fundación Amigos de Galicia e cualificaron coma unha prioridade para o goberno municipal a atención ás familias do municipio con máis necesidades.

 

24Nov 2014

O Concello de Malpica convoca o Concurso de Debuxo e Pintura de Nadal para os escolares de infantil e primaria

O prazo de entrega dos traballos estará aberto ata o 1 de decembro
540-f-foto

A Concellería de Cultura de Malpica, que dirixe Noelia Freijeiro, vén de convocar o Concurso de Debuxo e Pintura de Nadal, un certame xa clásico no que poden participar todos os escolares de infantil e primaria do municipio. Os nenos e nenas poderán utilizar calquera técnica de pintura e/ou debuxo: lápices, ceras, acuarela, collage, etc…

 

Os traballos poden entregarse ata o 1 de decembro no departamento de Educación e Cultura do Concello de Malpica.

 

O xurado estará composto por un representante do Concello de Malpica e outro de cada un dos centros de ensino participantes. Como en edicións anteriores, haberá dous premios: o primeiro consistirá nun lote de libros e a publicación da obra como fondo do cartel das actividades de Nadal, e o segundo levará outro lote de libros e a publicación da pintura como do saúda de Nadal do Concello de Malpica, que se publicará cando menos en dous medios de comunicación escrita.

 

20Nov 2014

Os maiores de Malpica visitaron a Casa da Auga da Coruña

O programa de envellecemento activo, no que participan 50 veciños e veciñas, continuará o martes cunha charla sobre primeiros auxilios
540-f-foto

Os maiores de Malpica que participan no programa de Envellecemento Activo promovido pola Concellería de Servizos Sociais participaron hoxe nunha relaxante e instructiva visita á Coruña. O autobús partiu da vila malpicá ás 10 horas e despois da parada de rigor en Buño trasladou aos 38 excursionistas, acompañados pola concelleira Marisol Blanco Gorín, ata a Casa da Auga coruñesa, onde gozaron durante dúas horas da ampla oferta termal das instalacións. A xornada continuou cun xantar, e pola tarde, despois dun paseo ata a Torre de Hércules, os maiores adentráronse na Domus.

 

Os participantes valoraron moi positivamente a experiencia, e mesmo quedaron con ganas de máis. Pero o programa de Envellecemento Activo, dirixido este ano pola empresa de economía social + Porvir, continúa con moitas outras actividades. Para o vindeiro martes está prevista unha sesión sobre primeiros auxilios a cargo de Protección Civil e o xoves celebrarase a festa de clausura con xogos populares, merenda e baile dende as 4 ata as 8 da tarde no Centro Cívico.

 

Nos talleres de Envellecemento Activo, que se celebran en Malpica e Buño, participan un total de 50 persoas. A iniciativa, subvencionada pola Deputación da Coruña, pretende ofrecer aos maiores unha serie de ferramentas que lles axuden a mellorar a súa calidade de vida. Monitores e participantes traballan dende hai un mes nos ámbitos da saúde, a participación na sociedade, a seguridade e a formación continua, catro grandes bloques que abranguen propostas coma alimentación saudable, mantemento físico, club de lectura, festas, teatro, cine, visitas a balnearios, prevención de riscos no fogar ou busca de afeccións.

18Nov 2014

Unha nova senda peonil dende Seaia ata Beo mellora a seguridade na estrada de Malpica a Ponteceso

A obra, xestionada polo alcalde na Deputación da Coruña, inclúe tamén a canalización das augas pluviais nun tramo de 240 metros
540-f-foto

Os veciños e veciñas de Seaia e Beo poderán camiñar con moita máis seguridade pola estrada de Malpica a Ponteceso en canto rematen as obras de construción da senda peonil que unirá ámbolos núcleos. A actuación é posible grazas ás xestións realizadas polo alcalde, Eduardo Parga Veiga, na Deputación da Coruña, titular da vía.

 

O proxecto non só mellorará a seguridade viaria, senón que ademais solucionará o problema de inundacións que existía nese tramo mediante a canalización das augas pluviais ao longo duns 240 metros e a construción dunha cuneta de 65 centímetros de ancho. A senda facilitará substancialmente a mobilidade dos peóns, xa que terá dous metros de ancho e un bordillo exterior.

 

As obras, que xa están moi avanzadas, son executadas pola empresa Excavaciones Cernadas Valiña SL.

 

16Nov 2014

Peter Schneider inaugura en Malpica a súa primeira exposición íntegra de fotografías a cor

A mostra, organizada pola Asociación Cultural Caldeirón e o Concello, poderá visitarse ata o 8 de decembro no Centro Cívico
540-f-foto

Peter Schneider presentou hoxe en Malpica a súa primeira exposición composta íntegramente por fotografías a cor.  O alcalde, Eduardo Parga, agradeceulle que elixise a vila non só para dar a coñecer o seu novo traballo, senón tamén como motivo de inspiración, xa que as fotografías foron tomadas en terras malpicás. “O traballo _explicou o artista_ fíxeno nos últimos tres anos, en pequeñas escapadas, porque a miña muller é de aquí ao lado, de Santirso. Son pequenas impresións da costa, sigo moi namorado desta paisaxe”.

 

Peter Schneider tamén expresou o seu agradecemento tanto ao Concello de Malpica coma á Asociación Cultural Caldeirón, promotores da mostra, que poderá verse ata o 8 de decembro no Centro Cívico. Despois dunha primeira experiencia con fotografías en branco e negro e a cor da Muralla de Lugo, Peter Schneider mergúllase por completo no mundo da cor con esta colección titulada “Ao carón do mar”, que, segundo explicou, “para min representa un vínculo moi persoal, moi emocional, con esta zona”.

 

O secretario de Caldeirón, Paco Souto, lembrou o inicio da relación entre Peter Schneider e a asociación, “naquela primeira actividade de Caldeirón, que fora unha cousa surrealista, e na que todos, nenos e maiores, acabamos embadurnando de pintura o coche de Peter Schneider. Dende aquela segue en contacto con Caldeirón”, sinalou.

 

O acto de hoxe reuniu no Centro Cívico a un nutrido grupo de veciños e veciñas de Malpica.

15Nov 2014

Recoñecemento do Concello de Malpica a Daniel Gorín, campión galego de autocross na categoría de -1.600

O alcalde fíxolle entrega dunha placa conmemorativa
540-f-foto

O Concello de Malpica de Bergantiños expresou o seu recoñecemento a Daniel Gorín Lema tras proclamarse campión galego de autocross na categoría de -1.600 cc. O piloto de Leiloio foi recibido o sábado 15 na casa consistorial polo alcalde, Eduardo Parga; o tenente de alcalde, Miguel Fernández, e os concelleiros de Deportes, Cultura e Turismo, Manuel Torrado, Noelia Freijeiro e Alfredo Cañizo, respectivamente. O alcalde fíxolle chegar os parabéns da corporación e desexoulle novos éxitos no futuro antes de facerlle entrega dunha placa conmemorativa. O piloto agradeceu o xesto do Concello de Malpica.

 

14Nov 2014

Peter Scheneider regresa a Malpica cunha exposición fotográfica

“Ao carón do mar” é o título da mostra que se inaugurará o domingo 16 de novembro
540-f-foto

Unha nova colaboración entre a Asociación Cultural Caldeirón e o Concello de Malpica fará posible o regreso do fotógrafo Peter Scheneider a unha vila coa que mantén estreitos vínculos. A súa exposición “Ao carón mar” será inaugurada o domingo 16 de novembro, ás 12.30 horas, no Centro Cívico. No acto participarán o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e representantes da AC Caldeirón. A mostra estará aberta ata o 8 de decembro.

 

9Nov 2014

“O episodio”, unha obra escrita a catro mans, é a gañadora do IX Certame de Poesía Erótica de Malpica

Os autores do poemario son Alberte Momán, galardoado xa na segunda edición, e Verónica Martínez Delgado, que acadou un accésit no 2013

540-f-foto

Alberte Momán e Verónica Martínez Delgado son os gañadores do IX Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas de Malpica polo poemario “O episodio”. O xurado deu a coñecer o fallo na Cea das Letras celebrada onte no restaurante A Cunca, de Buño, na que tamén se presentaron as obras premiadas na pasada edición, xa publicadas. Curiosamente, unha delas é “Ode à Madison Ivy e outras cousas de meter”, pola que Verónica Martínez obtivo un accésit no 2013. Pero as casualidades non rematan aí, xa que o coautor de “O episodio” foi o gañador da segunda edición do premio convocado pola Asociación Cultural Caldeirón e o Concello de Malpica. Nesta ocasión Alberte Momán e Verónica Martínez escribiron a catro mans a obra seleccionada polo xurado entre as 24 presentadas, unha proposta literaria “arriscada”, segundo os privilexiados membros do xurado. O resto do público terá que esperar para opinar a que vexa a luz dentro dun ano.

A concelleira de Cultura de Malpica, Noelia Freijeiro, e o secretario da Asociación Cultural Caldeirón, Paco Souto, foron os encargados de dar a benvida aos convidados, unha trintena, e de entregar o premio á parella gañadora, que ademais da contía en metálico foi agasallada con dúas pezas tradicionais de olería.

Outro dos protagonistas da noite foi o arousán Ramón Neto, gañador do VIII Certame de Poesía Erótica polo poemario “Dominio público”, ilustrado por Peter Kramer, que tamén acudiu á Cea das Letras. Ramón Neto viaxou a Malpica dende Bruxelas, onde reside dende hai 16 anos e onde forma parte do colectivo Couto Mixto, que se dedica á difusión da cultura galega na capital europea.

Obras gañadoras do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas.

1.      “Arredor do teu corpo”, Antonio García Teijeiro

2.      “Baile Átha Cliath”, Alberte Momán

3.      “Xoguetes póstumos”, Enma Pedreira

4.     “Rúa da cancela”, Eli Ríos e Eduardo Estévez

5.      “Amantes”, María Lado

6.     “Carnia Haikai”, Elvira Riveiro

7.     “Chamádeme Eva”, Mercedes Leobalde

8.      “Dominio público”, Ramón Neto

9.      “O episodio”, Verónica Martínez Delgado e Alberte Momán

6Nov 2014

A Deputación da Coruña mellora a circulación na zona de Beo a petición do goberno municipal

Na estrada de Ponteceso, á altura da Ponte Berrón, o organismo provincial pavimentou un tramo de preto dun quilómetro e instalou quitamedos
540-f-foto

O concelleiro de Obras de Malpica, Miguel Fernández, supervisou hoxe as obras que está levando a cabo a Deputación da Coruña, a petición do goberno municipal, na estrada de Malpica a Ponteceso. O organismo provincial actúa en dous tramos coa fin de mellorar a seguridade para o tráfico. Na zona de Ponte Berrón acondicionouse xa a estrada nun tramo dun quilómetro, aproximadamente, que foi pavimentado con aglomerado en quente. Además instaláronse arredor de 50 metros de quitamedos nunha curva perigosa.

 

Os operarios están a traballar agora no tramo da vía ao seu paso polo núcleo de Beo, onde existían problemas coa auga. Para evitalos, dende a Concellería de Obras solicitouse á Deputación a limpeza das tuberías e a instalación de dous novos pozos, co cal quedarán solucionados. O concelleiro Miguel Fernández agradeceu a rápida resposta do organismo que preside Diego Calvo.

 

Página 1 de 212