Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Luns 15°
10°
Martes 14°
Mércores 14°
10°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. O Concello de Malpica organizará por vez primeira coloquios para os escolares e as familias de todo o municipio

6Feb 2020

O Concello de Malpica organizará por vez primeira coloquios para os escolares e as familias de todo o municipio

O Concello de Malpica organizará a I edición ‘Fórmate en Positivo’, unha serie de faladoiros abertos para toda a sociedade, pero que están enfocados tanto aos escolares de todos os centros da vila malpicá como das familias.

A temática será diversa, e vai desde a educación sexual ata os primeiros auxilios, pasando pola igualdade ou as adicións. Comezarán o vindeiro luns, 10 de febreiro, de 18:30 a 20:00 horas no centro cívico de Malpica. Será impartida por membros da asociación Quérote +.

Este é un proxecto que xorde da necesidade de crear un espazo de aprendizaxe onde intercambiar experiencias e reflexións colectivas en prol dunha mellora da nosa sociedade mediante a abordaxe de temas que na actualidade espertan gran interese, e tamén preocupación.

Logo do primeiro faladoiro, celebraranse outros. Concretamente o 27 de febreiro, de 11:00 a 12:30 horas (disciplina positiva), o 12 de marzo, de 17:00 a 18:30 horas (igualdade), o 26 de marzo, de 17:00 a 18:00 horas (primeiros auxilios), o luns 20 de abril, de 11:00 a 12:00 horas (adicións), e o venres 15 de maio, que servirá de clausura, facéndoo coincidir co Día Internacional das familias. Todos serán no centro cívico.

Nesta iniciativa, impulsada polo Concello de Malpica desde a concellaría de Educación, colaborarán todos os centros da vila, así como as asociacións de pais e nais: IES Urbano Lugrís, CEIP Milladoiro, CEIP Joaquín Rodríguez Otero, CRA Nosa Señora do Faro, ANPA Orxeira, ANPA Ventorrillo e ANPA Xaviña.

O alcalde de Malpica, Walter Pardo, sinala que “hai que impulsar programas dinamizadores, pero tamén que sensibilicen ás nosas xeracións máis novas. Temos o deber de ser quen ilumine este camiño da vida, tan agreste ás veces”, sinala o alcalde.

Pola súa banda, a concelleira de Educación, María Álvarez, destaca que “é a primeira vez que se organiza en Malpica un compendio de faladoiros como este, e agardamos que teña unha boa acollida para poder sentar as bases dun proxecto a longo prazo. Parécenos moi interesante, así como necesario, que tanto as familias como os rapaces e rapazas teñan acceso a toda a información que poidamos ofrecerlles. Contaremos ademais con profesionais cualificadas, persoas que pertencen á asociación Quérote +, Visibles ou Adela Royano, e ninguén mellor que elas para falarlles da vida”, apuntaba a edil.