Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Mércores 12°
Xoves 12°
Venres 13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. Ethel Vázquez anunciou para este verán o inicio da reordenación e humanización da rúa principal de Malpica, cun investimento de 570.000 euros

27Feb 2019

Ethel Vázquez anunciou para este verán o inicio da reordenación e humanización da rúa principal de Malpica, cun investimento de 570.000 euros

IMG_1526

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo hoxe unha xuntanza co alcalde de Malpica de Bergantiños, Eduardo Parga, veciños e comerciantes, na que avanzou o inicio este verán da reordenación e humanización da vía autonómica AC-418 ao seu paso polo centro urbano, cun investimento de 570.000 euros.

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, presentou o proxecto de mellora na contorna que coincide coas rúas Emilio González, Villar Amigo e Eduardo Vila Fano, e que forman parte da estrada autonómica. Unha intervención que, segundo dixo, busca facer cidade e humanizar unha parte da estrada autonómica que na actualidade conta con dous carrís de circulación e beiravías cun ancho reducido, e que debido ao seu carácter urbano e central debese adaptar á realidade actual dunha rúa principal do concello moi transitada e meramente urbana.

Explicou que a intervención, que mudará completamente a imaxe desta estrada e a súa contorna. se realizará ao longo de 300 metros, e persegue incrementar a seguridade viaria, a mellora dos servizos municipais, os que “non se ven” e, por último, unha maior integración urbana da estrada.

A conselleira salientou que no relativo á seguridade viaria, estas rúas veranse beneficiadas coa implantación de medidas que terán como resultado un calmado do tráfico que circula pola estrada así como unha maior seguridade para os peóns.

Tamén suporá unha mellora no relativo a servizos municipais, xa que se renovan as redes de saneamento e pluviais. E ademais, subliñou, suporá unha mellor integración urbana do vial, xa que se instalarán árbores e mobiliario urbano ao tempo que se dará á estrada unha estética máis humanizada.

O proxecto

Indicou que todo isto será posible grazas a unha nova calzada, repavimentada con formigón impreso, que se estreitará en medio metro reducindo o espazo destinado aos vehículos para incrementalo no espazo dos peóns.

IMG_1536

Ademais, engadiu, demoleranse e construiranse unhas novas beirarrúas máis anchas que se complementarán con balizas luminosas e con pasos de peóns diferenciados mediante granito. A intervención prevé ao mesmo tempo cambiar o peralte do viario, de xeito que as augas de chuvia sexan dirixidas cara os renovados sumidoiros evitando charcos ao longo da rúa.

Concretou que a actuación xa está licitada e hoxe mesmo reuniuse a mesa de contratación co obxectivo de poder adxudicar as obras no mes de abril para poder inicialas no verán, e telas rematados antes de que finalice este ano 2019. E indicou que a programación dos traballos estará completamente coordinada co concello para reducir, na medida do posible, as molestias que poidan ocasionar aos veciños e condutores nos meses de verán.

Vázquez Mourelle abundou na importancia desta nova intervención do departamento que dirixe na mellora da seguridade viaria e na comodidade dos veciños de Malpica que se vén sumar a outra obra realizada neste concello. Trátase da senda Xornes-Buño-Cantalarrana, que se puxo en servizo o pasado ano para mellorar a mobilidade peonil en 2 km destas localidades, grazas a un investimento superior ao medio millón de euros.

Polo tanto, concluíu, unha gran aposta da Xunta de Galicia pola mellora da seguridade viaria de Malpica que é posible, sen ningunha dúbida, grazas ao entendemento entre o Goberno municipal e a Administración autonómica.