Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 14°
11°
Venres 13°
10°
Sábado 13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. Eduardo Parga pide o apoio da corporación para “avanzar cara esa Malpica viva e xeradora de riqueza que tod@s queremos”

13Xuñ 2015

Eduardo Parga pide o apoio da corporación para “avanzar cara esa Malpica viva e xeradora de riqueza que tod@s queremos”

O pleno da toma de posesión dos novos membros da corporación municipal encheu o salón de sesións
540-f-foto

Os membros da nova corporación municipal de Malpica tomaron posesión dos seus cargos nun salón de sesións abarrotado. A Miguel Fernández, presidente da mesa de idade, correspondeulle por segunda vez entregar o bastón de mando ao seu compañeiro de partido Eduardo Parga Veiga, que recibiu o apoio da maioría da corporación para continuar á fronte do Concello de Malpica de Bergantiños durante os vindeiros catro anos.

 

Eduardo Parga tivo palabras de agradecemento para os veciños/as de Malpica e para os compañeiros/as do grupo municipal, e tendeu a man a todos os grupos municipais “porque estou convencido -dixo- de que o único interese que nos move a todos é traballar por mellorar o noso concello e a calidade de vida dos habitantes de todas e cada unha das nosas parroquias” Despois de dar a benvida aos novos membros da corporación, o alcalde instou aos representantes de todos os partidos a responder á confianza depositada polos veciños/as nas urnas “intentando sempre buscar o camiño que nos permita seguir avanzando cara esa Malpica viva, atractiva e xeradora de riqueza que todos e todas queremos”.

 

Eduardo Parga dirixiuse tamén aos veciños/as presentes no salón de sesións. “Sabede que as portas do Concello de Malpica -dixo- sempre estarán abertas para vós. Porque o noso principal compromiso é estar preto dos cidadáns, atender as vosas necesidades e seguir traballando para construír un futuro mellor para todas e todos”.

 

Hoxe foi día de novidades no salón de sesión por partida dobre, xa que tamén se estreou o tapiz artesanal co novo escudo do Concello de Malpica de Bergantiños que a partir de agora decorará a parede principal. Así mesmo, cada un dos membros da corporación foi agasallado cun pin e un marcapáxinas do escudo e unha selección de publicacións editadas polo Concello.