Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 14°
11°
Venres 13°
10°
Sábado 13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. Cartel de luxo para o Trofeo Solidario Os Petóns

4Ago 2016

Cartel de luxo para o Trofeo Solidario Os Petóns

A UD Cerqueda volve a demostrar que é máis que un club con esta iniciativa, á que se suman este ano o Bergantiños FC e a SD Sofán

IMG_20160802_182426-os-petons-web

A UD Cerqueda volve a demostrar que os partidos non sempre se xogan nos campos de fútbol, e que unha entidade deportiva pode ser moito máis ca iso. Un ano máis, o equipo da 2ª Autonómica impulsa a celebración do Trofeo Solidario Os Petóns, cuxos beneficios irán destinados ao banco de alimentos do Concello de Malpica. Pero este ano, ademais, o cartel é de auténtico luxo, xa que no triangular tamén participarán o Bergantiños FC e a SD Sofán.

Representantes dos tres equipos asistiron ao acto de presentación do torneo no salón de plenos do Concello de Malpica. Luis Cendán, do Bergantiños FC, louvou a iniciativa da UD Cerqueda, que ademais axudará á posta a punto dos xogadores de cara á vindeira temporada. “É un gran pracer, e noraboa ao Concello de Malpica e ao Cerqueda por promover un torneo solidario, e aquí nos terán para vindeiras edicións”, dixo. Na mesma liña manifestouse Ricardo Serrano, presidente da SD Sofán, quen ademais desexou que a recadación “sexa a máxima posible”. O capitán da UD Cerqueda, Daniel García Reixía, fixo un chamamento aos veciños e veciñas da comarca a que se acheguen o sábado ao campo de Xaviña “porque a ocasión -dixo- ben o merece”.

Por parte do Concello de Malpica asistiron o alcalde, Eduardo Parga; o primeiro tenente de alcalde, Miguel Fernández, e o concelleiro de Deportes, Iago Espasandín, que unha vez máis amosaron o apoio do goberno municipal ao deporte e agradeceron o xesto solidario da UD Cerqueda e dos outros dous equipos participantes, que serán agasallados con cadansúa peza de olería de Buño.

O calendario de partidos é o seguinte:
18.00 horas: SD Sofán-UD Cerqueda
19.00 horas: Bergantiños FC-SD Sofán
20.00 horas: UD Cerqueda-Bergantiños FC