Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 15°
11°
Venres 17°
11°
Sábado 16°
11°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. As Tardes na Biblioteca enchen o outono con propostas culturais para nenas e nenos de 3 a 12 anos

21Set 2019

As Tardes na Biblioteca enchen o outono con propostas culturais para nenas e nenos de 3 a 12 anos

tardes_na_biblioteca

A vindeira semana comezan as Tardes na Biblioteca, unha iniciativa da Concellería de Cultura para encher de actividades lúdicas, creativas e educativas as tardes de outono dos nenos e nenas de 3 a 12 anos. Durante catro semanas consecutivas, a biblioteca Eduardo Blanco Amor, situada no segundo andar do Centro Cívico, converterase no escenario de diferentes espectáculos. A cita será fixa: os venres ás 18.00 horas.

Estas son as propostas:

Venres 27 de setembro
Bibliodiscoteca de María Faltri. Unha festa para divertirnos en galego. Cantar, bailar e rir escoitando os mellores temas feitos en Galicia para os máis pequenos da casa. Unha bibliodiscoteca itinerante onde os protagonistas son as/os convidadas/os que veñen a pasalo moi ben.
Público preferente: nenas e nenos de 3 a 11 anos. Duración 60 minutos.

Venres 4 de outubro
“A tortoise, un can, two monsters e un picnic” de Pérez&Fernández. Unha sesión de contos en inglés-galego ambientada nun picnic perfecto onde os obxectos cobrarán vida para axudar ao entendemento das narracións; sinxelas pero cargadas de intención e valores como a empatía, a solidariedade, a fidelidade e o amor.
Público preferente: nenas/os de 3 a 8 anos. Duración: 55 minutos.

Venres 11 de outubro
Concerto sobre Antón Fraguas de Xoán Curiel. Concerto no que Xoán Curiel interpreta cantigas recollidas por Antón Fraguas e cancións de composición propia relativas á vida e obra de Antón Fraguas.
Público preferente: nenas/os de 8 a 12 anos. Duración 45 minutos.

Venres 18 de outubro
“Príncipas e princesos” de Os contos de Pablísimo. ¡Faise saber que se buscan príncipes rosas…e princesas azuis! ¡Faise saber que ides escoitar contos de valentes princesas enfrontándose a dragóns e de príncipes que lavan a roupa e pasan o ferro!… Son contos de Príncipas e Princesos. Unha sutil e divertida reflexión sobre a igualdade.
Público preferente: nenas/os de 4 a 10 anos. Duración 40 minutos.

Colabora: Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, programa Ler Conta Moito