Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 15°
11°
Venres 16°
11°
Sábado 17°
11°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. As nenas e os nenos de Malpica volven a “Pintar na rúa” para encher de cor o parque infantil

20Xul 2017

As nenas e os nenos de Malpica volven a “Pintar na rúa” para encher de cor o parque infantil

O vindeiro luns 24 arrancará a cuarta edición de “Pintar na rúa”, un proxecto de rexeneración urbana que ten a particularidade de que son os nenos e as nenas os que traballan, dirixidos por profesionais das artes plásticas. Este ano a monitora do obradoiro será a carballesa Laura Tova, que forma parte do colectivo artístico Crea Formas e que ten participado en proxectos como Derrubando Muros con Pintura.

Malpica, que foi un concello pioneiro na Costa da Morte no tratamento artístico de espazos degradados en décadas pasadas, recuperou no verán do 2014 o proxecto “Pintar na Rúa” a través de dous obradoiros que permitiron transformar o muro exterior do Centro Cívico nun enorme lenzo no que os nenos e nenas deron renda solta á súa creatividade. A experiencia tivo tanto éxito que a Concellería de Cultura decidiu incluíla na programación de Malpica Verán, e, deste xeito, nos anos 2015 e 2016 desenvolvéronse os dous coloridos murais que decoran o Paseo da Praia.

Este verán os participantes seguirán enchendo de cor os muros da vila, pero nesta ocasión traballarán no parque infantil da rúa Patria Galega desde o 24 de xullo ata o 7 de agosto, divididos en dous grupos en función das súas idades. O obradoiro vai destinado a nenos e nenas de 6 a 14 anos, e aínda quedan tres prazas dispoñibles. As familias que queiran máis información ou inscribir aos seus fillos e fillas teñen que dirixirse ao departamento de Educación, Cultura e Turismo, situado no primeiro andar do Centro Cívico, ou chamar ao 981 707 104.

PINTAR NA RÚAVERÁN 2017