As entidades xa poden solicitar o uso de espazos nos locais municipais para desenvolver as súas actividades
O prazo está aberto ata o día 15 no Rexistro do Concello de Malpica
Co curso escolar tamén comezan as actividades das Escolas Culturais do Concello de Malpica e as actividades organizadas polas asociacións nas diferentes parroquias. Co obxecto de organizar axeitadamente os espazos dispoñibles, a Concellería de Educación, Cultura e Turismo abre un prazo para que as entidades presenten as súas solicitudes para o curso 2015-16.
Os edificios municipais nos que poden solicitar salas son o Centro Cívico de Malpica, a Casa da Cultura de Seaia, o Centro Sociocultural de Beo, a Escola Unitaria de Pontella, o Centro Sociocultural de Mens, o Centro Sociocultural de Barizo, o Centro Sociocultural das Pozacas, o Centro Sociocultural de Cambre e a Escola Unitaria de Leiloio.
O prazo de solicitude estará aberto ata o vindeiro mércores 15 de setembro e as entidades poden formalizar as súas demandas no Rexistro Xeral do Concello de Malpica. Estas pódense realizar a través dun escrito onde consten os datos da entidade solicitante e o local municipal, sala e horario para a que se solicita, así como a finalidade.
Sempre que sexa posible tratarase de respectar as demandas de local, sala e horario que cada entidade realice. Nos casos en que non sexa posible, por coincidir con horarios de actividades doutras entidades ou do propio Concello, e sempre despois de falar coas entidades interesadas, procederase a ofrecerlles outra sala ou horario que reúna as características que a actividade precise dentro dos espazos dispoñibles.