Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Mércores 12°
Xoves 12°
Venres 13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. Andrea Nunes Brións e María Rosendo asinan a obra gañadora do XII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas

5Nov 2017

Andrea Nunes Brións e María Rosendo asinan a obra gañadora do XII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas

cea das letras (1)

Por terceira vez na historia do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas gaña unha obra a dúas voces, pero por primeira vez trátase de dúas voces femininas: as de Andrea Nunes Brións (Marín, 1984) e María Rosendo (Vigo, 1984).  O xurado considerou que a súa Diáspora de amor balea era merecedora do premio, dotado con 1.000 euros e a publicación do libro, “pola riqueza e fondura da súa expresión metafórica, que permite construír un libro de poesía amorosa cunha marcada e explícita vontade erótica”. Tal como recolle o fallo, que se fixo público esta noite na xa tradicional Cea das Letras, “trátase dun espistolario a dúas voces nas que a forza do erotismo está na distancia física entre as voces. É un erotismo imaxinado, cálido, tenro, construído desde a memoria dos corpos e, á vez, na fertilidade da imaxinación. As dúas voces que falan no libro flutúan entre a mímese e a diferenza e dialogan a cada poema con fluidez e personalidade”.

Andrea Nunes é licenciada en filoloxía hispánica pola USC. É unha das autoras máis recoñecidas das novas xeracións da poesía galega. Publicou Corrente do esquecemento (2007) e Todas as mulleres que fun (2011), ademais de diversas obras colectivas das que destaca a recente “13 antoloxía da poesía galega próxima”, publicada por Chan da Pólvora e coordinada por Chus Nogueira. Andrea Nunes, que desde hai algúns anos vive en Nanjing (China), onde traballa como profesora de español, é tamén unha coñecida activista política e feminista.

María Rosendo, pola súa banda, realizou estudos de filoloxía inglesa e educación social. No ano 2010 obtivo o Premio Pérez Parallé co libro Nómade.

Co fallo feito público hoxe, a listaxe das obras gañadoras do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas é a seguinte:

  1. “Arredor do teu corpo”, Antonio García Teijeiro
  2. “Baile Átha Cliath”, Alberte Momán
  3. “Xoguetes póstumos”, Enma Pedreira
  4. “Rúa da cancela”, Eli Ríos e Eduardo Estévez
  5. “Amantes”, María Lado
  6. “Carnia Haikai”, Elvira Riveiro
  7. “Chamádeme Eva”, Mercedes Leobalde
  8. “Dominio público”, Ramón Neto
  9. “O episodio”, Verónica Martínez Delgado e Alberte Momán
  10. “A razón do perverso”, Mário J. Herrero Valeiro
  11. “O home invisíbel”, Xavier Queipo
  12. “Diáspora de amor balea”, Andrea Nunes Brións e María Rosendo

Na Cea das Letras, que este ano tivo como escenario a Casa da Cultura de Seaia, tamén se fixo entrega do premio correspondente á edición anterior a Xavier Queipo, nun acto presidido polo alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e o presidente da Asociación Cultural Caldeirón, Paco de Tano, e no que estivo moi presente a memoria do que foi secretario da entidade, Paco Souto. Todos os asistentes foron agasallados con cadanseu exemplar de O home invisíbel, un novo título para a colección Caldeirón, e tiveron a ocasión de coñecer en primicia un dos poemas da Diáspora de amor balea recitado por unha das súas autoras, María Rosendo.