Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Luns 16°
11°
Martes 15°
10°
Mércores 14°
11°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. A Xunta de Galicia inviste máis de 6 millóns de euros en tres grandes obras que mellorarán substancialmente a calidade dos servizos públicos en Malpica

29Ago 2015

A Xunta de Galicia inviste máis de 6 millóns de euros en tres grandes obras que mellorarán substancialmente a calidade dos servizos públicos en Malpica

A escola infantil de Aldeola entrará en funcionamento en setembro, e antes de fin de ano estarán rematados o centro de saúde de Buño e a EDAR de Malpica
540-f-foto

O 2015 marcará un antes e un despois na calidade dos servizos públicos aos que ten acceso a veciñanza do municipio de Malpica de Bergantiños. Grazas ao esforzo inversor da Xunta de Galicia, este ano poderán entrar en funcionamento tres grandes infraestruturas que darán resposta a tres vellas demandas veciñais: a escola infantil de Aldeola, o centro de saúde de Buño e a estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Malpica, que supoñen un investimento total de 6,4 millóns de euros.

 

As obras do centro de saúde de Buño están moi avanzadas, e todo indica que poderá entrar en servizo este mesmo ano. O proxecto, cofinanciado nun 50% por fondos do Estado dentro do Plan de Desenvolvemento Rural Sustentable, ten un orzamento de 624.810 euros. O novo edificio sanitario, que constrúe a empresa Orega SL, terá unha superficie construída de 524 metros cadrados, nos que albergará un área médica con tres consultas de medicina xeral, unha consulta de enfermería, unha sala polivalente e unha área de administración con arquivo, almacéns e outros servizos comúns. O centro de saúde poderá atender a unha poboación de 1.800 persoas de Buño e das parroquias máis próximas. O resto da cidadanía seguirá sendo atendida no centro de saúde de Malpica.

 

Moito máis avanzada está a escola infantil de Aldeola. De feito, só falta o equipamento, polo que entrará en servizo nas vindeiras semanas. Neste caso, a obra foi cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), tras o convenio asinado polo alcalde, Eduardo Parga, e a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato. O Consorcio Galego de Igualdade e Benestar adxudicou os traballos á empresa Atlántica de Construcción y Medio Ambiente SL por un importe de 354.175 euros. A escola infantil de Malpica contará con 3 unidades, polo que dará cabida a 41 nenos e nenas de cero a tres anos de idade. O novo edificio terá dúas plantas. Na baixa estarán as aulas, un espazo de usos múltiples, cociña e aseo; mentres que na planta alta emprazaranse a sala de profesores, o despacho de dirección e unha zona de xogos.

 

Para finais deste ano está prevista, ademais, a entrada en funcionamento da EDAR de Malpica, unha importante infraestrutura que solucionará de xeito definitivo os problemas de saneamento da vila. A obra está financiada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta e o Feder (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional), que achega o 80% dos 5,4 millóns de euros consignados para a obra, e da execución encárgase a UTE Copasa & Veolia Water Systems Ibérica. A EDAR situarase no extremo sur do peirao e poderá dar servizo a máis de 7.000 habitantes. A partir da conclusión dos traballos, a UTE continuará durante un ano coa explotación en probas da nova infraestrutura.