Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Martes 14°
12°
Mércores 14°
12°
Xoves 15°
11°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. “A vila do mañá”, un proxecto que involucrará este verán a nenos e adolescentes na transformación do espazo urbano

19Xul 2019

“A vila do mañá”, un proxecto que involucrará este verán a nenos e adolescentes na transformación do espazo urbano

19072019 a_vila_do_manha (4)

O alcalde de Malpica, Walter Pardo, e a creadora e directora do proxecto “A vila do mañá”, a arquitecta Sandra González, presentaron hoxe os obradoiros infantís que se van desenvolver dende o luns 29 de xullo ata o venres 2 de agosto co obxectivo de implicar a nenos e adolescentes na transformación do espazo urbano de cara á consecución dun pobo cada vez máis habitable.

No acto estiveron acompañados por un dos membros do equipo de Sandra González que tamén participará nos obradoiros e polo técnico de Educación e Cultura do Concello de Malpica, Antón Noceda, que explicou como se materializou o proxecto. “Dende o aspecto técnico pareceunos das propostas máis interesantes que se nos presentaron nos últimos anos, no senso de que moi poucas veces vemos iniciativas para traballar conceptos como o urbanismo ou a transformación dos espazos públicos en rapaces tan pequenos, sendo un dos aspectos que despois vai condicionar a nosa vida como adultos”, manifestou.

Na mesma liña se expresou o alcalde, que destacou o carácter novidoso da experiencia. “Estou seguro de que os nenos van desfrutar moito, porque realmente transformar o espazo público pode ser, á parte de didáctico, moi lúdico para eles”.

19072019 a_vila_do_manha (6)

Sandra González, pola súa banda, explicou que “A vila do mañá” é un proxecto que leva percorrendo toda Galicia e parte do estranxeiro dende o ano 2016, e recoñeceu que está especialmente ilusionada coa posibilidade de desenvolvelo na nosa vila. “Malpica _dixo_ era unha espiniña que tiña pendente”. A arquitecta explicou que un dos obxectivos do seu traballo é, indirectamente, fixar poboación. “Se ti coñeces o lugar que habitas, se o vives, o día de mañá tes unha identidade formada con ese lugar e vai ser moito máis difícil que queiras marchar”, apuntou.

Os obradoiros van dirixidos a nenos e nenas de 3 a 15 anos de idade. A actividade desenvolverase do 29 de xullo ao 2 de agosto en dúas quendas:
• De 10.30 a 13.30 horas, para nenos e nenas de 3 a 12 anos (30 prazas)
• De 16.00 a 20.00 horas, para nenos e nenas de 8 a 15 anos (45 prazas)

“Malpica ten unha identidade moi potente e iso é o que temos que fomentar”, afirmou Sandra González. “O primeiro día é cando os nenos nos contan como ven eles a súa vila, e despois, dependendo da visión que eles teñan, cando empezamos a traballar, e son eles os que propoñen que espazos invadimos, como os invadimos… Vimos moi ilusionados”.

Inscricións: Ata o 26 de xullo no Departamento de Educación e Cultura, sito no Centro Cívico do Concello de Malpica. Avda. Ventorrillo s/n T. 981 707 104. En horario de 9.30 h. a 13.30 h.