Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 12°
Venres 13°
Sábado 12°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. A UD Cerqueda entregou xoguetes para os nenos e nenas das familias usuarias do banco de alimentos

12Dec 2015

A UD Cerqueda entregou xoguetes para os nenos e nenas das familias usuarias do banco de alimentos

O club deportivo intensifica o seu labor social e a súa colaboración co departamento de Servizos Sociais do Concello

540-f-foto

A Unión Deportiva Cerqueda vén de dar un paso máis na súa colaboración co departamento de Servizos Sociais do Concello de Malpica de Bergantiños. Na xornada de onte, representantes do club fixeron entrega ao banco de alimentos dun lote de xoguetes para que este Nadal os Reis Magos cheguen a todos os fogares e que “nestes días tan máxicos os nenos das familias con menos recursos non perdan o sorriso nin a ilusión”, manifestaron. A UD Cerqueda destinou á adquisición dos xoguetes a recadación do partido da semana pasada contra o Camariñas, que ascendeu a 421 euros. Na entrega dos xoguetes estiveron presentes o alcalde, Eduardo Parga, e os concelleiros Miguel Fernández, Iago Espasandín e Marisol Blanco Gorín, delegada de Servizos Sociais, quen expresou o agradecemento do goberno municipal á entidade deportiva.

Xa é a segunda vez este ano que a UD Cerqueda colabora coa Concellería de Servizos Sociais. No mes de setembro fixo entrega de alimentos por valor de 379 euros, correspondentes á recadación do Torneo Solidario Os Petóns. A xunta directiva do club manifestou a súa intención de seguir colaborando e intensificando esta faceta social.

A entrega dos xoguetes coincidiu co reparto mensual do banco de alimentos, xestionado pola Fundación Amigos de Galicia e o Concello de Malpica. Dada a proximidade do Nadal, nesta ocasión, ademais dos produtos non perecedoiros habituais, as 21 familias usuarias recibiron turrón, polo, coliflor, costela, iogures e froita. Tamén se completou o amoblamento do dormitorio dunha familia coas mesiñas de noite e o tocador. Nos dous anos e medio que leva en funcionamento, o banco de alimentos do Concello de Malpica ten contribuído á mellora das condicións de habitabilidade de varios fogares.