Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 12°
Venres 13°
Sábado 12°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. A Mostra da Olería de Buño estrea imaxe disposta a garantir o futuro do colectivo oleiro máis importante de Galicia

4Ago 2017

A Mostra da Olería de Buño estrea imaxe disposta a garantir o futuro do colectivo oleiro máis importante de Galicia

IMG_0774

Xa está en marcha unha nova edición da Mostra da Olería de Buño. Son 34 anos xa de historia e moitos retos por cumprir aínda, pero quizais o máis importante sexa garantir o futuro da comunidade oleira máis importante de Galicia. A ese obxectivo referíronse todas as autoridades no acto inaugural, celebrado hoxe no parque Luciano García Alén coa participación da presidenta da Asociación Oleira de Buño, Carmen Isabel Labrador; o alcalde de Malpica, Eduardo Parga; a vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde.

O acto celebrouse baixo a carpa e o orballo, que acompañou todo o percorrido das autoridades polos postos, este ano situados no adro da igrexa. A presidenta da Asociación Oleira agradeceu a colaboración do párroco para poder realizar o cambio pero destacou sobre todo a nova imaxe da Mostra da Olería, porque “este ano pensamos a Mostra dun xeito distinto”, máis moderno, pero coa intención de contribuír a que a olería de Buño perdure. Carmen Isabel Labrador rematou a súa intervención convidando ao público a “desfrutar de 10 días de artesanía e vida”.

IMG_0761

Á nova imaxe da Mostra da Olería referiuse tamén o alcalde, quen destacou que aínda que Buño é a comunidade oleira máis importante de Galicia, tamén se atopa “nunha encrucillada decisiva para o seu futuro”. Ese futuro, engadiu Eduardo Parga, debe contar coa “participación de todas e todos”, polo que convidou aos profesionais da olería a esquecer discrepancias e traballar cóbado con cóbado, e fixo un chamamento á “complicidade das Administracións”.

Goretti Sanmartín expresou o compromiso da Deputación da Coruña coa olería de Buño, como se demostra a través do Ecomuseo do Forno do Forte, pero apelou á necesidade de apostar aínda “máis forte” para evitar que a nosa artesanía acaba esmorecendo. Nese sentido apuntou a necesidade de que haxa un relevo xeracional, malia as dificultades que existen na sociedade actual para dedicarse a un sector como o da artesanía. Para a vicepresidenta, a Mostra da Olería é unha oportunidade para que “os nenos aprendan a meter as mans no barro, porque é a forma de construír o futuro”.

IMG_0817

O conselleiro pechou as intervencións destacando a capacidade dinamizadora que ten a olería de Buño, tanto desde o punto de vista económico como da tradición e da “vinculación co territorio”. Francisco Conde subliñou que “non se entende un verán en Galicia sen Mostra da Olería, que ademais é a feira decana de Galicia”, e tivo palabras de lembranza para Luciano García Alén.

A Mostra da Olería de Buño permanecerá aberta ata o día 13.