Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Mércores 12°
Xoves 12°
Venres 13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. A Ludoteca de Malpica pechou as súas portas

28Ago 2015

A Ludoteca de Malpica pechou as súas portas

A nova escola infantil, que entrará en funcionamento nas vindeiras semanas, permitirá mellorar o servizo que se viña prestando ás familias dende hai 13 anos
540-f-foto

Esta semana pechou as súas portas a Ludoteca de Malpica, un servizo municipal de atención ás familias que viña funcionando regulamente na planta baixa da casa consistorial dende febreiro do ano 2002. O centro, tal como figura no seu regulamento de réxime interior, naceu para atender á poboación infantil de 2 a 12 anos de idade co obxectivo de “potenciar o xurdimento dunha actividade lúdica favorecedora do desenvolvemento mental, psicomotor, afectivo e sensorial do neno, así como posibilitar o acceso ao mundo da actividade lúdica de aqueles sectores cun entorno sociocultural menos favorecido”. As súas 15 prazas estaban ocupadas polos nenos e nenas máis pequenos, que a partir de agora terán a posibilidade de acceder a un servizo más amplo na nova escola infantil de Aldeola. Os usuarios e usuarias da ludoteca e as súas monitoras celebraron unha festa de despedida con xogos e merendola.

 

A entrada en funcionamento da nova escola infantil, prevista para as vindeiras semanas, permitirá ampliar e mellorar o servizo que se viña prestando ás familias na ludoteca municipal. De feito, esta nova infraestrutura viña sendo reclamada polas nais e pais dende hai moito tempo. A escola infantil de Malpica contará con 3 unidades, polo que dará cabida a 41 nenos e nenas de cero a tres anos de idade. O novo edificio terá dúas plantas. Na baixa estarán as aulas, un espazo de usos múltiples, cociña e aseo; mentres que na planta alta emprazaranse a sala de profesores, o despacho de dirección e unha zona de xogos.

 

Segundo a planificación da Consellería de Traballo e Benestar, nos primeiros días de setembro contactarase coas familias das nenas e nenos matriculados para realizar entrevistas individuais, e antes do comezo da actividade ordinaria celebrarase unha xornada de portas abertas.