Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 14°
11°
Venres 13°
10°
Sábado 13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. A “Danza da choiva” de Elefante Elegante, Premio María Casares ao mellor espectáculo infantil no 2017, abre a XIV Mostra de Teatro

24Out 2018

A “Danza da choiva” de Elefante Elegante, Premio María Casares ao mellor espectáculo infantil no 2017, abre a XIV Mostra de Teatro

Despois da celebración das Misións Pedagóxicas, a semente cultural que prendeu hai 85 anos en Malpica segue abrollando con iniciativas coma a Mostra de Teatro, que acada a súa 14ª edición cun cartel no que teñen cabida as mellores compañías galegas, entre elas as máis queridas polo noso público, e os espectáculos para todas as idades.

Para que esa semente prenda dende a infancia, este ano traemos propostas aptas para nenos e nenas xa dende os 3 anos, e a primeira chegará mañá coa Danza da choiva de Elefante Elegante, gañadora do Premio María Casares ao mellor espectáculo infantil no ano 2017. Especialmente recomendada para nenas e nenos de 3 a 10 anos, será a encargada de abrir, mañá venres ás 20.30 horas, a nosa cita anual coa escena.

Para os/as peques da casa este ano tamén teremos teatro musical. Xoán Curiel e a Banda do Verán estarán no Centro Cívico o vindeiro 2 de novembro con A casa do terror, para nenos e nenas de 4 a 12 anos que queiran celebrar o Samaín dun xeito moi especial, animado e divertido.

Entre 6 e 12 anos sitúase o público preferente do seguinte espectáculo, Sopa de sapo de Talía Teatro, que acode unha vez máis á nosa Mostra de Teatro, neste caso cunha comedia interpretada por María Ordóñez, Diego Rey, Marta Ríos e Rubén Prieto. Verémolos en acción o día 9.

Tamén pensamos no público adolescente e adulto, destinatario das outras tres propostas deste outono teatral. O venres 16 reuniremos a Isabel Risco, Pedro Brandariz e Fran Rei no espectáculo de Culturactiva Falar sen cancelas. As gargalladas están aseguradas.

E ao venres seguinte tamén, porque o día 23 recibiremos a unha das nosas favoritas, Malasombra Producións, que obtivo a mellor valoración do público nos anos 2014, 2105 e 2016, e que nesta ocasión nos presenta O caso é ter saúde, para maiores de 16 anos.

Para pechar a Mostra de Teatro recibiremos a Contraproducións, compañía gañadora da valoración do público o ano pasado, coa fabulación dramática Fillos do Sol, coa que foi finalista no María Casares deste ano na categoría de mellor texto orixinal. A sinatura é de Cándido Pazó, e a inspiración, de Eduardo Pondal.

Non a perdades, esta nin ningunha! Lembrade que a partir de mañá tedes unha cita cada venres ás 20.30 horas (prégase puntualidade) no auditorio do Centro Cívico.

CARTEIS TEATRO 2018 (1)