Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 12°
Venres 13°
Sábado 12°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. A Croa do Castro de Cerqueda acollerá a 11 Xornada de Billarda da Conferencia Noroeste

23Abr 2016

A Croa do Castro de Cerqueda acollerá a 11 Xornada de Billarda da Conferencia Noroeste

A Croa do Castro de Cerqueda será un dos lugares máis especiais onde a Liga Nacional de Billarda desenvolva unha das súas xornadas de promoción deste xogo tradicional. Desta maneira, promóvese o patrimonio arqueolóxico á vez que se intenta recuperar en Malpica de Bergantiños este xogo tradicional que contou con moitos participantes hai décadas.

presentación billarda croa do castro

Esta 11 Xornada da Conferencia Noroeste terá lugar o domingo 8 de maio a partir das 11 na parte superior (acrópole) deste xacemento castrexo. No caso de mal tempo, a actividade levarase ao pavillón polideportivo municipal de Malpica.

A organización corresponde á Liga Nacional de Billarda e conta coa colaboración do Concello de Malpica de Bergantiños, a través do seu departamento de Deporte, e das entidades UD Cerqueda, Asociación de Veciños Monte d’Arxa, Asociación Cabalar Os Veteranos e do Club Ciclista Castro da Croa.

Á parte da propia competición desenvolveranse actividades complementarias como unha parada ciclista e outra cabalar. Todas aquelas persoas da parroquia que queiran participar farano coa camiseta branca da UD Cerqueda, coa que, durante esta liga, promociona A Croa do Castro de Cerqueda. Ademais, no Centro Cívico de Malpica de Bergantiños abrirase na próxima semana a exposición “10 Anos da Liga Nacional de Billarda”, mostra que quedará aberta ata mediados do mes de maio.

Na mañá de hoxe sábado, realizouse a presentación do cartel desta 11 Xornada na propia Croa do Castro. Ao acto acudiron, como representantes municipais, o alcalde de Malpica, Eduardo Parga Veiga, o tenente alcalde, Miguel Fernández Miras e o concelleiro de Deporte, Iago Espasandín Varela. Do representante da Liga Nacional de Billarda, o larachés Xosé Collazo Regueiro. E, por parte da parroquia de Cerqueda, realizaron acto de presenza Manuel Chouciño Garrido, presidente da A.VV. Monte d’Arxa e representante do Club Ciclista Castro da Croa, José María Auñón Expósito, presidente da Asociación Cabalar Os Veteranos, Daniel García Reigía, representante da UD Cerqueda.

A inscrición é gratuíta e poderá realizarse no departamento de Deporte do Concello de Malpica no teléfono 981 720 001. Ou a través do representante da Liga Nacional de Billarda, Xosé Collazo Regueiro, 650 289 318. Haberá tres categorías: infantil para participante menores de 15 anos; adultos para maiores de 15 anos; e mulleres sen franxa de idade. Ademais, haberá un premio especial para o primeiro clasificado do concello de Malpica. O prazo límite de inscrición será o venres 6 de maio.