A Asociación Caldeirón pechará o día 30 o prazo para participar no Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas
O premio, dotado con 1.000 euros e a publicación da obra, cumpre 10 anos
O vindeiro 30 de setembro remata o prazo para participar no Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, organizado pola Asociación Cultural Caldeirón coa colaboración do Concello de Malpica. As bases do premio, que acada a súa décima edición, son as seguintes:
PRIMEIRA.
Poderán optar ao premio todo os autores de calquera nacionalidade, que presenten obras inéditas de temática erótica e non premiadas con anterioridade, escritas en lingua galega.
SEGUNDA.
Os convocantes establecen un premio único dotado con 1.000 euros e a publicación da obra premiada na colección Caldeirón, reservándose durante un prazo de dezaoito meses os dereitos de editala, e entregarán ó/á gañador/a trinta exemplares.
TERCEIRA.
As obras que serán de temática erótica, terán unha extensión inferior a seiscentos versos, e presentaranse por triplicado, en exemplares separados, en tamaño DIN A4, por unha soa cara, numerados, grampados ou encadernados.
As obras presentaranse baixo un título e/ou lema, achegados de plica na que conste o título e/ou o lema no seu exterior e contendo no interior o nome e apelidos do autor, o seu enderezo, nacionalidade e número de teléfono.
CUARTA.
O prazo de admisión de orixinais remata o día 30 de setembro de 2015, e deberán enviarse ó Concello de Malpica de Bergantiños Avda. Emilio González López 1, 15113 Malpica de Bergantiños, indicando no sobre “X Certame de poesía erótica Illas Sisargas”.
QUINTA.
O xurado estará composto por un representante do Concello de Malpica proposto polo Alcalde-Presidente do Concello de Malpica de Bergantiños, un representante da Asociación Cultural Caldeirón proposto polo Presidente desta entidade e o gañador/a do certame inmediatamente anterior a esta convocatoria, quen poderá ser substituído por outra persoa de relevancia nas letras no caso de que, non lle fose posible acepta-la súa participación. Actuará como secretario o membro do xurado proposto polo Concello de Malpica, e no seu defecto poderá ser nomeado polo Presidente da A. C. Caldeirón.
SEXTA.
Os participantes terán a obriga de comunicar á organización a concesión de calquera premio que obteña a obra presentada, no momento no que esta situación se produza, o que dará lugar á súa exclusión do concurso.
O xurado actuará en pleno, en sesión a ser posible única, sendo necesaria a asistencia dos dous terzos dos seus membros.
As deliberacións serán secretas e delas redactarase a acta correspondente.
O premio poderá ser declarado deserto ou compartido ex aequo por varios autores/as se o xurado o estima conveniente.
A decisión do xurado terá lugar no mes de novembro de 2015 e darase a coñecer nos distintos medios de comunicación no marco da Cea das Letras, na cal deberá estar presente o/a gañador/a do certame.
SÉTIMA.
Non se manterá correspondencia sobre as obras presentadas. Agora ben, os interesados poderán retirar das oficinas do Concello de Malpica, Departamento de Educación e Cultura, as obras non premiadas no mes seguinte ó fallo do xurado. A partir do día seguinte serán destruídas.
OITAVA.
A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases.